8M: O BNG compromete un "feminismo de km 0" no ámbito municipal

Galicia conta xa con máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes. A Deputación de Pontevedra reivindica a paridade e a abolición de prostitución como "cuestións irrenunciables" este ano. O 36% do persoal da FORTA son mulleres e un 34% dos postos directivos está desempeñado por elas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/03/2022 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A coordinadora de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, trasladou en Moaña o "firme compromiso" da formación nacionalista de desenvolver no ámbito municipal "un feminismo de KM0, próximo, participativo e pegado á realidade" para "transformala e para que as políticas públicas sexan garantes de avance en igualdade". Nun encontro con concelleiras do Bloque, no que tamén participaron a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e a coordindora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Presas defendeu "outra forma de facer política", a que integra a perspectiva de xénero.

E apostou por "poñer as lentes violetas", xa que --recalcou-- "os concellos feministas non benefician só ás mulleres", senón ao conxunto da sociedade. Neste sentido, fronte a modelos urbanos masculinos "impostos por gobernos que deixaron á marxe ás mulleres" e tomando como referencia o traballo da arquitecta brasileira Carina Guedes, subliñou a aposta do Bloque por levar ao ámbito municipal "un feminismo de KM0, próximo, que defende a sustentabilidade da vida e os espazos para camiñar con seguridade e comodidade".

Así pois, quixo reafirmar esta maneira de "facer política de proximidade en igualdade" desenvolvendo unha proposta articulada sobre catro eixos, empezando polo aumento da participación política das mulleres para "reforzar esta mirada no ámbito municipal". O Bloque, que chama a participar nas mobilizacións do 8M, tamén aposta por incrementar a participación activa das mulleres "nas decisións e vida pública" das súas localidades, potenciar a visibilización e a formulación do espazo urbano desde o feminismo.

Manifestación polo 8M en Vigo
Manifestación polo 8M en Vigo | Fonte: MARTA VÁZQUEZ - EUROPA PRESS

MÁIS MULLERES PROMOTODAS DE COOPERATIVAS

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou este luns a "forte perspectiva feminina" da economía social, xa que 2021 pechou con máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes, superando o obxectivo fixado na Estratexia galega de economía social 2019-2021: conseguir que a metade das persoas socias promotoras de cooperativas fosen mulleres.

A conselleira indicou que a Xunta está a pór en marcha "numerosas actuacións" para impactar directamente no aumento da participación feminina en todos os ámbitos do mercado laboral galego, garantindo que a participación "sexa xusta e en igualdade de condicións respecto dos homes". "Imos polo bo camiño e, aínda que debemos pór o foco en todo o que queda por facer, é importante recoñecer os logros que como sociedade fannos avanzar", subliñou.

Lorenzana lembrou a importancia da economía social para a Xunta, sinalando que Galicia é a única comunidade en contar cunha Lei autonómica de economía social e que recolle, como principio reitor, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. 

Por outra banda, Lorenzana anunciou o inicio dunha campaña en redes sociais con motivo do 8-M sobre relatos de mulleres galegas na economía social, co obxectivo de visibilizar e recoñecer o traballo feminino neste ámbito.

Cada venres do mes de marzo e o primeiro de abril publicarase en Facebook, Twitter e Instagram un vídeo co testemuño de catro mulleres vinculadas á economía social. En total serán catro relatos, os de María José Manivesa, da cooperativa Agroflor; Susana Roque, do cooperativa Cerne Asesores; Raquel Alvite, do centro especial de emprego Combina Social; e Lourdes Bustamante, da empresa de inserción Laboral Buena Vida.

TEITOS DE CRISTAL

Doutra banda, o 36% dos profesionais da Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) son mulleres e un 34% dos postos directivos está desempeñado tamén por mulleres, segundo deu a coñecer o organismo. Con motivo do Día Internacional da Muller, FORTA asegurou que "non existe unha fenda salarial" entre os profesionais da federación, xa que as retribucións entre homes e mulleres son "idénticas en función do posto que se desempeña".

Neste contexto, o organismo puxo de relevo "a importancia de traballar pola igualdade entre xéneros" e lembrou que os servizos públicos autonómicos impulsaron plans de Igualdade "baseados en políticas efectivas que permiten alcanzar a paridade de xénero". Ademais, fixo fincapé en que cada corporación audiovisual conta coa súa propia Comisión de Igualdade, cuxa finalidade é impulsar a igualdade de trato e de oportunidades e facer seguimento sobre o seu cumprimento.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindica a paridade e a abolición da prostitución como "cuestións irrenunciables" nesta campaña do 8 de Marzo. Da balconada do Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, está colgada desde este luns unha pancarta co lema 'Feminismo é conseguir a axenda da paridade' coa que esta administración dá inicio á programación do Día da Muller.

"Nós esiximos ocupar a metade de todo. Iso significa que os homes teñen que renunciar aos seus privilexios para que nós podamos ocupar o 50% de todas as actividades humanas", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Silva anunciou que a institución estará presente nas manifestacións que se celebren para esixir "ben alto" a abolición da prostitución. "A Deputación de Pontevedra e o goberno da Deputación de Pontevedra teñen moi claro que somos abolicionistas e esiximos aos poderes que teñen capacidade para lexislar que se aprobe esa lei".

A mandataria socialista agarda que "máis pronto que tarde" e "nesta lexislatura" se aprobe esa lei "como se comprometeu".

Carmela Silva tamén tivo un especial recordo ás mulleres ucraínas, "que deben ter unha atención especial" con "todos os recursos necesarios" por parte das autoridades europeas, porque "son as que máis están a sufrir a invasión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta