#xornalistasnapandemia, o libro que debuxa un retrato do xornalismo galego durante a covid

A publicación recolle 29 entrevistas con profesionais da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia desde Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2022 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O Salón de Plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu este sábado a presentación do libro #xornalistasnapandemia, un volume que recolle unha serie de entrevistas arredor da cobertura informativa da covid-19, realizadas a diversos profesionais da comunicación de Galicia entre outubro de 2020 e xuño de 2021. O libro está publicado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Portada do libro '#xornalistasnapandemia'. CPXG
Portada do libro '#xornalistasnapandemia'. CPXG

Carmela Silva, en nome da Deputación, mostrou o seu agradecemento por un libro que representa a voz dun xornalismo "valente", e salientou o feito de que nas entrevistas "se fala de maneira continuada de precariedade". "A actividade do xornalistmo non pode ser precaria de ningunha forma, porque iso impide que poida contarse o que está a acontecer", asegurou.

O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, destacou que a pandemia foi "unha proba de lume para a profesión", na que "tivo que ser un BOE o que nos lembrara que eramos, e somos, traballadores esenciais". Con todo, mostrouse convencido de que "o colectivo saíu airoso", algo do que dan boa proba as entrevistas recollidas neste libro. 

Belén Regueira, xornalista e coordinadora do proxecto, subliñou o feito de que todos os xornalistas presentes no libro "merecen recoñecemento", pero que ademais "están representando a outros moitos e moitas" que tamén "merecerían que a súa voz se escoitase". A vicedecana do Colexio agradeceu á Deputación de Pontevedra que fixese posible este volume que serve de "testemuño para o futuro" sobre como afrontar uns tempos "tan incertos e tan escuros". "A memoria dixital é tan fráxil que seguimos necesitando obxectos físicos que legar á seguinte xeración", explica. 

#XORNALISTASNAPANDEMIA

O libro recolle un total de vinte e nove entrevistas con profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia tanto desde Galicia como desde outras comunidades ou países. Están presentes catorce homes e dezasete mulleres de diferentes xeracións, que desde todo tipo de medios e con distintas perspectivas afrontaron o difícil traballo de informar sobre a emerxencia sociosanitaria.

Da necesidade de transparencia ás implicacións deontolóxicas, do xornalismo local ás coberturas internacionais, da comunicación corporativa ao xornalismo de datos, das historias persoais ao ámbito macroeconómico ou da concentración de medios á precariedade da profesión, estas conversas ofrecen unha panorámica non só da capacidade do xornalismo para informar sobre a covid, senón tamén dos desafíos aos que se enfronta a profesión neste momento, en Galicia e en todo o mundo. A publicación deste libro constitúe xa un testemuño que axudará a avaliar o traballo destes anos no futuro.

As persoas entrevistadas na publicación son María Piñeiro, David Lombao, Dulce García, Tamara Montero, Manuel Rey, Jessica Mouzo, Ana Blasco, Artur Galocha, Brais Lorenzo, Cristina de la Vega, Fernando Varela, Cristina Olea, Luís Pardo, Ubaldo Cerqueiro, Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro, Xan Freire, Natalia Alonso, Érika Reija, Xosé Hermida, Kiko Novoa, Marta Veiga Izaguirre, Ángel Paniagua, Lara Graña, Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez, Xurxo Salgado, Manuel Rico, Xiana Cid, Mónica Vila Ferreirós e Patricia Hermida. As entrevistas difundíronse primeiramente a través da web e redes do CPXG co cancelo #xornalistasnapandemia, que agora dá nome tamén ao libro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Podemos ler a entrevista a Xurxo Salgado ? Gostaríanos saber como lle afectou a pandemia ao GC !