O movemento feminista esixe "medios e recursos" para investigar a morte da muller do Carballiño

Dende a Marcha Mundial das Mulleres reclaman que "cesen as especulacións" e aseguran que, de confirmarse que se trata dun feminicidio, chamarán á mobilización social.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A Marcha Mundial das Mulleres vén de emitir un comunicado no que esixe "medios e recursos" para esclarecer o acontecido con Mila Marchetti, a muller atopada sen vida e con signos de violencia nun punto limpo do Carballiño. Segundo explicaron fontes da Garda Civil, o corpo da muller, de nacionalidade brasileira e de 38 anos de idade, presentaba "golpes", pero ata a data non transcenderon os resultados da autopsia.

Axente de Garda Civil | AXM
Axente de Garda Civil | AXM

A Garda Civil non descarta polo momento ningunha hipótese no marco das actuacións abertas, que están declaradas secretas. Na mesma tarde do sábado en que apareceu o corpo da muller, a Garda Civil de Tráfico localizou ao redor das 16,30 horas unha muller, da mesma nacionalidade e mesma idade, deambulando desorientada e en pixama pola AG-54, a autovía que une as localidades de Maside e O Carballiño.

En vista do sucedido, a Marcha Mundial das Mulleres ponse a disposición da familia para acompañar a "reclamación de xustiza" e traslada a demanda de que as autoridades "coloquen todos os recursos e medios necesarios para investigar e resolver á maior brevidade posible a incerteza que rodea esta morte violenta", recollen nun comunicado.  Así mesmo, esixen que non se empregue o secreto de sumario para "dilatar as investigacións ou mesmo atrasar sine die a procura de responsabilidades", como, lembran, "xa ten acontecido noutras ocasións". 

Doutra banda, dende o movemento demandan que a información nos medios "retire o foco das circunstancias vitais de Mila Marchetti". "Estamos fartas de que se procure na vida das mulleres circunstancias que expliquen as violencias que sufrimos, revitimizándonos e responsabilizándonos delas". Por iso, reclaman que "cesen as especulacións" e aseguran que quedan vixiantes do transcorrer das investigacións, posto que se se trata dun feminicidio, chamarán á mobilización social "en base ao protocolo do feminismo galego". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Seica o momento feminista non reivindica non sei qué , non se vai investigar. Ganas de sair nos papéis.