Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 12:03
O aínda presidente da Xunta de Galicia e único candidato á presidencia do PP, Alberto Núñez Feijóo, loou Madrid e expresou o seu desexo de volver vivir nesta cidade nun acto celebrado este martes, 15 de marzo, xunto co alcalde da capital, José Luis Martínez-Almeida, e a presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso.
"Volverei vivir en Madrid e comprobarei que non mudou, que Madrid é unha cidade acolledora e aberta, un lugar próspero que ama a liberdade, e por iso quero volver", expresou ao carón de Díaz Ayuso, de quen enxalzou a "entereza e solvencia" da súa xestión da crise sanitaria da Covid que o deixou "impactado para sempre". Feijóo destacou, así mesmo, o "tándem electoral" formado por Almeida e Ayuso, concepto semellante ao que empregou tamén o propio alcalde da capital para se referir a Ayuso e Feijóo, dado que considera que "se entenden" e teñen "boa sintonía".
Nas redes sociais non se fixeron agardar as críticas ao presidente da Xunta pola súa intención de instalarse en Madrid e por utilizar o discurso da liberdade que tanto aproveita Ayuso. Aos tuiteiros do común fóronse sumando figuras da política galega, como Ana Pontón e Gonzalo Caballero.
I❤️Galicia.
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) March 16, 2022
Nós con Galicia fronte a un presidente da Xunta que prefire Madrid á nosa terra.
Vivín alí e noutras cidades do mundo moi interesantes pero preferín Galicia.
Galicia si é acolledora, aberta, e sempre crin que aquí había liberdade malia o que di agora Feijóo. pic.twitter.com/dhIfplK3zH
En Galiza non hai liberdade?
— Ana Pontón (@anaponton) March 16, 2022
Cada día que pasa sen que Feijóo dimita como presidente da Xunta é unha falta de respecto a todas as galegas e galegos, especialmente aos que confiaran na súa palabra. https://t.co/jeD95TQyoP
CRÍTICAS OPOSICIÓN
Precisamente a portavoz nacional do BNG afeou esta xornada ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que siga "ausente" e en campaña electoral interna, nunhas "eleccións ás que só se presenta el", mentres "aburan" os problemas para os galegos, dos que "cobra como presidente" da Xunta.
En declaracións aos medios este mércores, Pontón preguntouse "onde está o Goberno da Xunta e o señor Feijóo no medio dunha crise que ten afogados" aos galegos, aos gandeiros, á pesca, ao transporte e que "está a pór en risco" a recuperación económica. "Feijóo, no canto de estar a se ocupar dos problemas dos galegos, está en campaña electoral, nunhas eleccións ás que só se presenta el. É evidente que lle parece máis importante solucionar as pelexas do Partido Popular que enfrontar os problemas que ten a sociedade galega", lamentou.
Pontón conveu que "ata agora tiñamos un goberno que era incapaz de pór solucións", pero "agora temos ademais un presidente ausente, que segue cobrando o salario dos galegos, pero que segue facendo campaña interna do PP". "Nós, desde logo, cremos que Galicia non merece isto; necesitamos un Goberno que tome decisións e que se poña á fronte de tomar medidas", sentenciou.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "pare a súa carreira electoral", na que non ten "adversario político", e volveulle a pedir unha reunión para falar dos problemas que atravesan os mariñeiros, os agricultores e os transportistas.
"Necesitan un presidente que estea comprometido agora mesmo cun proxecto que se chama Galicia", sostivo Formoso este mércores no Parador de Turismo de Ferrol, onde mantivo un encontro co director xeral de Sepes, Fidel Vázquez; a xerente de Chan Empresarial do Atlántico (SEXA), Beatriz Sestayo; e varios alcaldes desta comarca para abordar o futuro de varios polígonos industriais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.