Amparo Alvajar: unha vida marcada pola guerra civil

Filla dun destacado republicano, Amparo viviu primeiro a disgregación da súa familia e despois a guerra e a persecución. En Bos Aires e París viviu o seu amor ao teatro, antes de se xubilar na localidade fronteiriza de Monçao. Foi unnha das principais financiadoras da UPG no exilio. Nova crónica da vida dunha das loitadoras antifranquistas galegas.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 30/05/2014 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

María do Amparo Alvajar López naceu, segundo consta na súa partida de nacemento, na cidade da Coruña, o 11 de agosto de 1916. Foron seus pais César Alvajar Diéguez e Amparo López Jeán. A familia Alvajar gozou de gran prestixio na cidade pola súa longa tradición republicana progresista. César Alvajar foi presidente do Casino Republicano, mentres que a súa nai foi membro das Irmandades da Fala, presidiu a Agrupación Republicana Feminina e foi afiliada do Partido Galeguista. Amparo será a primeira filla deste matrimonio. Logo nacerán Javier, María Teresa e Ana María.

Amparo Alvajar
Amparo Alvajar

A filla maior dos Alvajar era unha adolescente que tiña o corpo estilizado e de faccións moi fermosas. Seu pai, para que puidese ir bailar ao Club Náutico, afiliouna a ela e máis ao seu irmán Javier, co obxectivo de que este lle fixera compaña. En agosto de 1917 seu pai pasou unha tempada preso no castelo de San Antón. Javier, nas súas memorias, lembrará as visitas que a súa irmá lle realizaba ao seu pai:

Miña irmá Amparo, a maior, recordaba ao botero que viña tódolos días a recoller a comida para meu pai e o que invariablemente repetía: “señora, o preso está ben e espera regresar axiña a casa”.

Como era común naqueles anos, os Alvajar estaban intimamente vinculados á masonería liberal daqueles tempos. Tanto César Alvajar coma seu fillo Javier tiveron unha longa actuación nesta vella institución do libre pensamento. O 21 de agosto de 1932, César Alvajar funda a agrupación ‘A Terceira República’ e realiza un mitin no Teatro Rosalía de Castro. Alvajar tiña unha concepción política localista. Realizou distintas campañas en pro da Coruña, solicitando a capitalidade desta cidade. Coa fundación de Unión Republicana, dirixida polo masón Diego Martínez Barrio, Alvajar integrouse neste novo partido.

En 1936 créase a Frente Popular, formada polos partidos republicanos, os socialistas, os nacionalistas cataláns, o Partido Galeguista, os comunistas, etc. Os Alvajar puxéronse a traballar para o triunfo electoral desta fronte.

Amparo Alvajar
Amparo Alvajar

Amparo vivía estes días electorais con grande ilusión. Polas mañás ía ao seu traballo no concello, e polas tardes trasladábase ao local de Esquerda Republicana, onde colaboraba como secretaria de Casares Quiroga. Co triunfo das esquerdas, Amparo é chamada a Madrid por Casares Quiroga, quen desempeñaba o cargo de ministro da gobernación. Amparo ingresou a traballar para os Servizos Secretos do Ministerio que Casares Quiroga dirixía. A bela moza coruñesa foise convertendo nunha persoa de plena confianza do goberno republicano. Mentres, César Alvajar foi nomeado gobernador civil en Soria.

A partir do fatídico ano 36, comeza a disgregación desta familia. Co estalido da guerra civil, Amparo vive momentos moi difíciles ao carón da plana maior do goberno. Os erros políticos de Casares Quiroga serán decisivos para a derrota do bando republicano. Casares négase a tomar medidas contra os sediciosos e cando lle esixen que entregue as armas para facerlle fronte ao golpe militar, négase a facelo.

Javier Alvajar, seu fillo, conta unha anécdota que lle relatará Amparo:

“Anos máis tarde en París, miña irmá Amparo, que traballaba nos servizos secretos do goberno, contoume que varios meses despois de comezada a guerra foi a ver a Casares para lle preguntar que quería que fixese coas copias dos informes que lle pasaban a el como presidente do goberno, dándolle conta detallada do que se tramaba nos cuarteis, cos nomes e graos respectivos dos conspiradores. A contestación de Casares á miña irmá foi a seguinte: “Amparito, por favor, fai desaparecer eses papeis que demostran  a miña culpabilidade”.

No Madrid heroico que resistía baixo o berro de “non pasarán” vivía outro paisano de Amparo moi amigo de Casares Quiroga, o poeta Arturo Cuadrado. O novo intelectual de esquerdas salvara a súa vida ao atoparse o 18 de xullo en Madrid, despois de ter ido, como subsecretario da Comisión do Estatuto da Autonomía, a entregar dito documento ante o presidente da República. Os dous mozos comezaron a verse nos momentos libres. Ao pouco tempo, a amizade converteuse en noivado e xuntos trasladáronse co goberno a Valencia. Nesta cidade casan, sendo o padriño de vodas o destacado dirixente galeguista Alfonso Rodríguez Castelao. O novo matrimonio, despois dunha tempada, trasládase co goberno legal ata Barcelona. Nos últimos meses da súa estadía en Barcelona nace a súa única filla, Silvia.

Ana María Alvajar conta nas súas memorias inéditas, Soltando Lastre, que Amparo marchara para Madrid en marzo do 1936 para colaborar con Casares Quiroga:

“Xamais regresou á Coruña. Non volvín vela até o ano 1965 en París e con motivo do falecemento de meu pai”.

Coa derrota do exército republicano, Amparo e Arturo cruzan os Pirineos ata chegar a Francia; alí os esperará o campo de concentración. Grazas aos vínculos que seu pai ten coa masonería de Francia, logran saír deste lugar. Sen embargo, a desgracia chegará a este matrimonio. A súa filla Silvia, de cinco meses de idade, colle unha enfermidade respiratoria e falece cando o matrimonio se atopa en Tolouse.

Meses despois logran embarcar en Burdeos, no barco Massilia, fretado polas organizacións republicanas da Arxentina. No buque están de pasaxeiros o ex alcalde de Vilagarcía Elpidio Villaverde, na compaña da súa muller e das súas fillas Rosina e Mariví. Rosina cóntanos unha referencia desta viaxe:

“Coñecina no barco Massilia cando o collimos en Burdeos. Viña con Cuadrado, que era amigo do meu pai. Amparo era unha muller moi fermosa. Quen anos despois tiveron unha relación máis estreita ca miña, lémbrana como unha muller moi intelixente. A fermosura de Amparo e a bohemia de Arturo terminaron con esta parella”.

Ao chegar ao porto de Bos Aires, estábanlles agardando un grupo de intelectuais galegos que chegaran antes á Arxentina. Luis Seoane sería o encargado de lle facilitar a súa rápida integración á vida intelectual deste país. Os primeiros anos deste matrimonio non serán nada doados. O recordo da filla falecida e as dificultades de comezar unha nova vida van afastando a este matrimonio, ata que deciden separarse. Amparo viviu neste país ata o ano 1955, adicándose de cheo ao teatro e á actividade intelectual. Segundo conta Luis Seoane:

“Publicou moitos artigos e ensaios encol de problemas do teatro e de Galicia. Fixo numerosas traducións ó castelán de obras de Diderot, Flaubert, Romain Rolland, etc.”.

Mentres, Arturo será un dos editores máis importantes de poesía. Xunto con Seoane, fundaron un senfín de editoriais e revistas. O Instituto de Arte Moderno, que era unha agrupación teatral de Bos Aires, puxo en escena varias obras de Amparo. Entre os éxitos máis distinguidos estivo a estrea da obra Amada y Tú. Esta comedia dramática consta de tres actos que se desenvolven nun clima  neboento e poético, nunha vella casa onde tres homes novos namóranse da pantasma dunha adolescente. A obra foi dirixida polo director Marcelo Lavalle e contou cuns actores que anos despois se converterían en primeiras estrelas da escena arxentina. A actriz principal da obra era a famosa actriz Norma Aleandro, de gran éxito internacional. Acompañábana o coñecido actor Emilio Alfaro, o actor vigués Ignacio Quirós e Eduardo Balza. Outra das obras estreada por Amparo, con gran éxito, foi El balcón de los Lester.

Amparo Alvajar casou posteriormente cun avogado arxentino que gozaba dunha boa situación económica, co que se trasladou a México. Anos despois volve separarse, trasladándose a traballar a Nova York como tradutora da ONU. Dos Estados Unidos trasladouse a París, onde traballou como tradutora do Correo da UNESCO. Amparo mantivo en París unha estreita amizade con outra gran muller galega e coruñesa como ela, María Casares. Ambas mulleres tiñas un amor especial polo teatro e ambas sufriran a persecución, por ser fillas de destacados republicanos.

En Xenebra, en 1961, foi directora do equipo de tradución da O.I.T. A súa especialidade era a tradución do inglés ao español: 

“En Xenebra -sinala Seoane- foi unha das fundadoras do Grupo Artístico Hispanoamericano e dirixiu a estrea das obras de Moratín, Lope de Vega e Buero Vallejo”.

Tamén realizou innumerables artigos de crítica e ensaios sobre teatro. Entre as obras que dirixiu están Fuenteovejuna, en 1964, Lectura de Os Vellos non deben de namorarse, en 1975, ou Cara de Plata, en 1975.

O editor Carlos Díaz, quen participou naqueles grupos teatrais e coñeceuna durante a súa estadía en Xenebra, relata algúns aspectos da súa personalidade:

“Amparo era unha muller de forte carácter, moi nerviosa, que vivía o teatro con moita paixón. A pesar de que os que integrabamos o elenco eramos todos amateur, ela impoñíanos unha disciplina de profesionais”.

Logo, Carlos Díaz agrega que:

“A Amparo lémbroa como unha persoa culta, dun gran espírito republicano, pero moi marcada pola vida. Lembro que por aqueles anos de loita antifranquista tódolos anos realizabamos campañas para xuntar diñeiro para a loita clandestina. Cada un de nós facía o seu pequeno aporte para a Unión do Povo Galego, que era a organización que por aqueles anos tiña unha actitude máis comprometida con Galicia. Era curioso que Amparo era a nosa máis importante cotizante. Mentres nós poñiamos algúns francos ela sempre nos daba preto de 100 francos, que por aqueles anos era unha cantidade moi importante. A pesar de non ser do noso partido, contabamos con todo o seu apoio económico e tamén moral”.

Amparo Alvajar, cando se xubila, trasládase a vivir a Monçao, xusto na fronteira de Galicia. Alí, contemplando o Miño, mirando día e noite a costa de Salvaterra, viviu recluída os últimos anos da súa vida. Amparo, a pesar da proximidade da súa Galicia natal, non volveu pisar o seu país. As profundas feridas da vida impedíanlle reatoparse cunha paisaxe que tanto amaba pero que lle producía tanta dor.

Amparo Alvajar faleceu na soidade no mes de maio de 1998.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Duarte

En resumo: a UPG é un invento financiado por pijos ególatras. A diferenza é que agora seguen sendo pijos pero financiámolos todos

1 Luisfoz

O que diz Duarte é uma parvada que se autodesqualifica. O cabeçalho de GC é incorreto como se vê no próprio texto, Amparo -isso é o que disse Carlos Díaz- pagava a quota mais alta na célula de Genebra mas a organizaçao exterior da UPG (pode-se ver o meu livro "A prganizaçom e a política exterior da UPG 1964-1986") era muito mais que que a célula de Genebra. Se houve alguém que deu muito dinheiro para a UPG foi a organizaçao mexicana onde estavam Carlos Velo e Luís Soto entre outros

2 moitomito

Criouse nun ambiente de sectarismo. En maio do 34 Amparo nai foi buscar a Amparo filla a un baile do Clube Náutico da Coruña. Como ao saír un rapaz distribuía follas de Renovación Española e disque deu gritos de Viva el Rey, Amparo nai denunciou ao rapaz. Instruíronselle dous sumarios sobre delito contra a forma de goberno e sobre infracción da lei de imprenta, sobreseídos por non poder probarse debidamente os delitos imputados http://es.scribd.com/doc/65563060/C... http://es.scribd.com/doc/65562783/C...

1 Artur2.

Xa está a bibliotecaria xesuítica mentindo, ti si que es unha mitómana, creste a mer_da divulgada por aqueles golpistas.

2 cazamitos

Amén. ¿As ligazóns proen, eh? :)))

1 Foucellas

Condena de tres años de cárcel por un empujón durante una protesta. El 21 de abril Tamara Vidal, de 29 años y embarazada de tres meses, oyó el teléfono cuando volvía del hospital después de que le hiciesen la primera ecografía. Era Ana Outerelo, compañera de trabajo en las piscinas públicas de Campolongo, en Pontevedra, donde ambas son profesoras de gimnasia. La llamada era para avisar de que acababa de salir la sentencia de apelación contra ellas por una protesta sindical de 2010. Las condenaban a tres años por estar en un grupo en el que alguien dio un empujón y tiró pintura a una piscina.

1 Doutor Moreno

Esta é unha Monarquía mais Despótica e Fascista que a que querían construir os rapacinhos lambeortosborbónicos, e o seu actual édmulo a quén suponho sicario-mercenario do Ministerio do Interior "moitomito", daquela Renovación Española Cañí...

2 cazamitos

Hai que perder con mais deportividade... As Amparos estas eran unha pijiñas de moito carallo, cousa que non se pode dicir do irmán ou fillo Javier. Non ían ao baile do Cura alí polo San Amaro, que bah, era cousa de obreiros; nin ás verbenas, que era cousa de aldeáns que falaban galego e tal e tal e tal. Non, elas ían aos bailes do (Real) Clube Náutico para tratarse ou coller marido da súa clase... Algo parecido ao pai que era masonazo, e xa se sabe que estes non dan corte a calquera e teñen moitos fumes. No caso deste é peor. Porque se o dos masonazos so fose postureo tampouco daba mais que para unhas risas. O problema está en que fan de filtro nas posibilidades de ascenso social de quen non comulga con eles. Vamos, uns sectarios igualiño que o Opus. Ambos pretenden que todo o mundo sexa como eles, e caso de non conquerilo, adícanse a facerlle a vida imposible ao diferente.