Montserrat Díaz, investigadora: "O 40% dos solos en Galicia están degradados"

"Se non facemos nada, no ano 2050 non haberá suficientes alimentos para abastecer as necesidades dunha poboación que está medrando", alerta Díaz, membro do CSIC.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Europa, e co Estado español á cabeza, está quedando sen solo. A base de construír enriba del, contaminalo e acelerar a súa erosión, este "sistema vivo, complexo e dinámico" que é o solo enferma e deixa de desenvolver as súas funcións e servizos ecosistémicos. Galicia ten unha perda de 14,5 toneladas de solo por hectárea e ano, segundo o Inventario Nacional de Erosión de Solos. A comunidade experta nesta ciencia urxe a súa protección, posto que sen el, a vida no planeta non sería posible. Para coñecer de primeira man o estado de saúde dos solos agrarios, forestais e urbanos galegos, GC conversa con Montserrat Díaz, investigadora científica na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e recentemente nomeada socia de honra da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS). 

Montserrat Díaz, á esquerda, no Museo de Historia Natural
Montserrat Díaz, á esquerda, no Museo de Historia Natural | Fonte: remitida

Que papel xoga o solo no funcionamento do ecosistema e da vida? 

O solo é un sistema vivo, complexo e dinámico que ata agora non se tiña en conta, e que proporciona moitos servizos ecosistémicos. Sen el non sería posible a vida no planeta. Un solo san garante a produción de alimentos saudables, a conservación da biodiversidade, a calidade da auga, e contribúe tamén a mitigar o cambio climático. Ademais, sobre el susténtanse todas as infraestruturas, é fonte de materias primas e lugar de ocio e recreación que condiciona a paisaxe. 

Nunha culleriña de solo peneirado hai máis microorganismos que habitantes no planeta Terra. Con todo, o solo no que construímos edificios, estradas e infraestruturas, é solo que selamos. Deixa de ser vivo para ser só morto, deixa de facer as súas funcións. Isto é moi importante, cada vez temos menos solo porque as poboacións están medrando, e esta tamén supón unha forma de degradación na que moitas veces non poñemos o foco. Temos que ter en conta, ademais, que o solo é un recurso non renovable a escala humana. Tarda millóns de anos en formarse e degrádase en poucos días no caso dos incendios, por exemplo. Eses dous centímetros que se destrúen precisan 500 anos para rexenerarse. Por iso urxe a súa protección.

"Nunha culleriña de solo peneirado hai máis microorganismos que habitantes no planeta Terra"

Montserrat Díaz, investigadora científica do CSIC
Montserrat Díaz, investigadora científica do CSIC

Que acontece nos solos cando se altera o clima?

O cambio climático produce a degradación e a perda da calidade dos solos, que enferman e non poden levar a cabo todas estas funcións das que vimos falando. Un dos elementos moi vinculados a eles é a auga, o principal factor limitante da colleita. O solo é o seu almacén, purifícaa e leva a cabo a detoxificación das súas substancias tóxicas. Polo tanto, é o responsable da calidade da auga. Se non chove, teremos escaseza de auga potable e un risco maior de incendios forestais. As chuvias torrencias, polo seu lado, provocan tamén unha perda dos solos por erosión.

O aumento das temperaturas causa que se incremente a mineralización da materia orgánica e a emisión de gases de efecto invernadoiro, que van afectar os servizos ecosistémicos. Se temos solos sans temos máis biodiversidade, máis calidade e maior capacidade de resposta e resiliencia para recuperarse fronte a estes tipos de estrés. 

En Galicia temos uns solos sans?

En Galicia, o 40% dos solos están degradados, unha porcentaxe que irá en aumento nos próximos anos. Urxe a protección do solo e a impantación de medidas. Desde a Unión Europea e a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación) dinnos que estamos nun escenario tal que non só hai que protexer os solos senón que hai que recuperar todos aqueles que se poidan. 

E dese solo degradado, canto se pode recuperar?

A maior parte non se pode. Hai solos en situación irreversible. O que se ve é que van perdendo espesor, por exemplo, a consecuencia dos incendios, que ás veces son recorrentes sobre o mesmo solo cada tres ou cinco anos. Desta maneira, solos que antes eran moi profundos e podían soster árbores, agora só están con matogueira. Noutros espazos xa nin sequera hai solo, e polo tanto, nin vexetación nin vida.

Hai algo moi difícil nesta cuestión, e é que recuperar os solos custa moitísimos cartos, por iso é mellor previr. O prezo de recuperar unha hectárea simplemente botando palla para evitar a erosión elévase ata os 3.000 euros. Isto faino imposible. Cando se produce un incendio priorízanse determinadas zonas nas que cómpre actuar porque existe posibilidade de que as cinsas cheguen ás augas potables e ao mar, e polo tanto hai que tomar medidas. Pero sempre se elixe. 

"Nos solos agrícolas cómpre adoptar boas prácticas agrícolas e silvícolas para promover un desenvolvemento sostible e paliar a degradación"

Eu penso que o único que se pode facer é tomar medidas de protección. Nos solos agrícolas cómpre adoptar boas prácticas agrícolas e silvícolas para promover un desenvolvemento sostible e paliar a degradación. Hai que recordar que o 95% dos alimentos que consumimos veñen do solo e son de orixe animal e vexetal. Un solo san produce alimentos saudables, un solo enfermo, non. Estamos perdendo profundidade e biodiversidade. Cada vez é menos produtivo. E fronte a isto, non hai unha xestión adecuada del. 

Segundo os últimos rexistros, Galicia ten unha perda de 14,5 toneladas de solo por hectárea e ano. Que lectura podemos facer destes datos? 

Moi negativa. Pon de manifesto que hai que tomar medidas urxentes para intentar frear esta degradación, que se produce por causas naturais, pero maiormente debido ás actividades humanas, e aí cómpre actuar.

Onde e debido a que actividades se está perdendo solo en Galicia?

Basicamente nos solos forestais onde houbo incendios, que son provocados. E hai que ter en conta que no futuro se incrementará a súa severidade e recorrencia. A degradación tamén pode vir dada polo cambio de uso no solo, de forestal a cultivo, a pradeira, a vide... Pérdese moito solo igualmente na construción de estradas, infraestruturas, vivendas... Estas obras non deberan facerse sobre solos produtivos, porque ao quedar enterrados, non poden respirar e morren. A realidade é que cada vez temos menos solos, de menor calidade, e por riba, non xestionamos ben o seu uso. Se non temos solos vivos, produtivos e sans non é posible a vida na terra. 

E no caso dos solos agrícolas, que provoca a súa degradación? Que diferenza a gandaría e agricultura intensiva da extensiva na afectación ao solo?

Nos solos agrícolas, a degradación fundamental é debida ao cultivo intensivo, ao laboreo non adecuado e á utilización masiva e incontrolada de fertilizantes orgánicos e inorgánicos, e de produtos fitosanitarios. Todo isto conduce á súa degradación e á súa compactación debido ao emprego de maquinaria pesada. Pérdese materia orgánica e contamínase o solo, e con el, as augas superficiais e subterráneas. Agora estamos vendo que tamén atopamos antibióticos de orixe veterinaria e humana que do solo pasan ás augas e aos alimentos. Isto afecta os seus microorganismos e poden deterioralo.

A gandaría intensiva afecta tamén á compactación do solo porque hai moitos máis animais por hectárea, mais hai que dicir que en Galicia, dado que temos minifundio, isto non ten tanta relevancia.

Como impactan na calidade do solo a minaría ou os parques eólicos que se estan proxectando sobre moitos espazos?

A minaría a ceo aberto implica a inutilización e morte de solo, ademais da contaminación polo emprego de produtos tóxicos na extracción dos minerais. Iso dá lugar ás lagoas químicas que non só afectan esa zona senón todo o arredor. Neses casos o que queda é restaurar paisaxisticamente. En canto aos parques eólicos, afectan fundamentalmente ao cambio da paisaxe. Todo depende da intensidade e da presión por hectárea, mais non é das cousas que máis degradan.

Que espazos están máis expostos a esta erosión?

A cuberta vexetal proxete o solo fronte o impacto da choiva, e as raíces axudan a fixalo. Así que todos os solos espidos sen vexetación son susceptibles á erosión. No solo agrario, entre cultivo e cultivo o solo queda espido, e nese caso o que se debe facer é formar cubertas vexetais cos restos do cultivo, ou plantar leguminosas para aportar tamén nutrientes. No caso dos ecosistemas forestais está o solo espido nunha deforestación, cando se cambia o uso do solo ou durante os incendios forestais. 

"A saúde dos bosques empeorou e os solos degradados incrementáronse moito nas últimas décadas"

Xa que estamos ás portas do Día dos Bosques, en que estado se atopan e como habería que xestionalos?

A saúde dos bosques empeorou e os solos degradados incrementáronse moito nas últimas decadas. Talas salvaxes, clareos excesivos, monocultivos... Un bosque ten que ser diverso, e ademais, resistente aos incendios. Cando reforestamos temos unha oportunidade para facer ben as cousas, para crear un mosaico de paisaxe e manter tamén o equilibrio das especies. 

O problema é que non se fan plans de xestión do solo a medio e longo prazo, que é o que precisamos para camiñar cara a un desenvolvemento sostible. Sempre é mellor ter calquera planta ca non ter nada. Nas reforestacións, cómpre escoller as árbores en función do solo, rexeitar os monocultivos e respectar o ciclo da natureza: primeiro herbácea, logo matogueira e logo árbores. Tal e como estamos, hai que tomar medidas e xestionar o solo, e para iso, as persoas teñen que saber facelo. Xa non vale que haxa enxeñeiros e asesoramento, estamos situación crítica. 

"Se non facemos nada, no ano 2050 non haberá suficientes alimentos para abastecer as necesidades dunha poboación que está medrando"

A guerra en Ucraína volveu poñer no foco a necesidade de traballar por unha soberanía alimentaria, por unha agricultura ecolóxica menos dependente de combustibles... Son os camiños a seguir para coidar os nosos solos?

Non estamos neste debate. Ata agora a sociedade non se preocupou polos solos. De feito, a ciencia do solo é recente e o concepto de solo vivo aparece no ano 2000. Agora, a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible condicionará as directrices para o futuro. Dentro dela promóvese a fin da pobreza, a fame cero, saúde e benestar, auga limpa e saneamento, enerxía... De sete obxectivos que propón, cinco están relacionados co solo. Hai que actuar, pero aínda estamos en cueiros.

Se non facemos nada, no ano 2050 non haberá suficientes alimentos para abastecer as necesidades dunha poboación que está medrando. Tal e como estamos producindo hoxe en día, non vai haber alimentos no futuro. Pero penso que neste momento non podemos poñernos estritos, porque aínda que a produción sexa ecolóxica, ten que ser sobre solos sans e en pequenas porcentaxes, e iso non é suficiente para abastecer a poboación. Do que se trata é de producir de forma racional, con boas prácticas agrícolas e silvícolas, dentro dunha forma o máis sostible posible. Hai que atopar o termo medio, ser realistas e apostar pola axenda. 

 

Para rematar, vés de ser nomeada socia de honra na Sociedade Española da Ciencia do Solo. Como recibiches este recoñecemento?

 

Todos os nomeamentos son benvidos. Estou orgullosa de estar nese espazo, onde só hai dúas mulleres máis: Laura Bertha Reyes e Tarsy Carballas. É un recoñecemento que vén de compañeiros pola labor na divulgación da ciencia do solo a través de proxectos como 'Vivir no solo', un libro para a rapazada que manda a mensaxe de que o solo é importante e de que hai que salvalo. Eles son os políticos de mañá. E por iso tamén, a presenza de mulleres nestes espazos e a construción de referentes actuais é moi necesaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta