Faltan pensos para o gando e o leite recóllese de forma desigual en Galicia

O sector lácteo reclama responsabilidade para non paralizar a actividade nin provocar o seu colapso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/03/2022 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

As cooperativas agrarias advirten dos problemas que están a provocar os paros do transporte no sector agrogandeiro, desde o desabastecemento de alimentos para o coidado de animais á falta de recollida do leite, unha circunstancia que afecta de maneira desigual segundo constatan os sindicatos.

Neste escenario, comezan a convocarse tamén mobilizacións máis aló das do transporte. Así, o sindicato Fruga chama a mobilizarse este venres ás 12 da mañá ante a Delegación da Xunta en Lugo para denunciar que as explotacións agrogandeiras están a verse afectadas por unha serie de "sobrecustos de produción, que poñen en risco a súa viabilidade a curto prazo". A subida dos carburantes, concentrados alimentarios da gañado tarifa eléctrica, plásticos, fertilizantes e outros insumos supoñen un notable incremento dos gastos, sen que veña acompañado por un "aumento dos prezos" que reciben polas producións.

"Ante tal situación, observamos un abandono das funcións que lle corresponden ás administracións competentes, tanto no que respecta a medidas de carácter inmediato, como medidas a longo prazo, que contribúan a abaratar os custos de produción", apuntou Fruga, que sinala que Galicia "ten as condicións necesarias para poder desenvolver un modelo propio de agricultura, favorecendo o acceso á terra e, desta maneira, diminuír a dependencia" actual.

Pola súa banda, Unións Agrarias tamén pide unha "actuación inmediata" do Goberno para pór "orde no caos provocado pola folga salvaxe de transportistas, que están a levar ás explotacións gandeiras a unha situación límite ante a falta de alimentación animal e de recollida do leite". "Dificilmente se pode permitir que o paro patronal no transporte tome por reféns a pouco máis de de 6.000 familias que sobreviven no sector lácteo para crear unha situación de presión cara ás súas reivindicacións".

Cola de camións pola A6 en dirección A Coruña, durante o cuarto día de paros no sector dos transportes, a 17 de marzo de 2022,. Carlos Castro - Europa Press
Cola de camións pola A6 en dirección A Coruña, durante o cuarto día de paros no sector dos transportes, a 17 de marzo de 2022,. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Desta maneira, UU AA reclama a posta en marcha dun plan de continxencia que coordine accións para garantir o mantemento da produción dada "a delicada situación" na que se atopan as explotacións polas consecuencias derivadas da guerra de Ucraína, a seca e agora a folga de transportes.

ASOCIACIÓN DE COOPERATIVAS

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), xunto coas súas homólogas da Cornixa Cantábrica (Asturias e Cantabria), emitiron un comunicado no que tamén reclaman medidas urxentes para garantir o funcionamento do transporte no sistema agroalimentario.

Así, reclaman aprovisionar as fábricas cos medios de transporte habituais e fornecer pensos as explotacións gandeiras cos que preservar a saúde e a vida dos animais; garantir a recollida do leite e o transporte de animais ao matadoiro; asegurar a saída de leite, carne e outros derivados lácteos desde as fábricas aos puntos de venda, abastecer as explotacións do combustible, e a recollida de animais mortos, subproductos animais e os produtos derivados non destinados ao consumo humano das explotacións gandeiras para o seu posterior tratamento e eliminación.

"DISPARIDADE"

A situación nas granxas leiteiras é "dispar", segundo constata tamén o Sindicato Labrego Galego (SLG), respecto do que indicou que "é posible na maioría de industrias lácteas manteñan a recollida ás granxas, posto que o compromiso dos convocantes da folga é deixar pasar aos camións de recollida de alimentación".

Así, advirte de que "son empresas como Lactalis", que "conta cun longo prcedentes de prácticas abusivas con respecto aos gandeiros, as que deron "aviso" de "non recollida en todo o Estado". "Temos claro que esta industria, responsable da maior parte de recollidas en Galicia, está a usar as granxas como escudo e arma contra esta folga, cando os principais responsables de que non se recolla (o leite) son eles", apuntou.

O SLG advirte de que "estudará vías legais para facer cumprir os contratos". "Non admitiremos que a industria, e singularmente Lactalis, utilicen as granxas para as súas codiciosas estratexias comerciais", avisaron.

Pola súa banda, a principal cooperativa agrogandeira de Galicia, CLUN que ten máis de 3.000 asociados e con presenza en máis de 80 concellos, sinalou nun comunicado que afronta esta situación "centrando os seus esforzos en garantir a subministración dos insumos necesarios" ao seu ssocios, así como en garantir o abastecemento de materia prima nos seus centros de produción. "Debemos evitar que a situación derive en efectos irreparables sobre o benestar animal, polo cal estamos a facer todo o posible para procurar o abastecemento do alimento para o gando", afirmou o director xeral de CLUN, Juan Gallastegui.

RESPONSABILIDADE

A Organización Interprofesional Láctea (Inlac) reclamou "responsabilidade" para non paralizar a actividade do sector lácteo "nun momento tan sensible como o actual", no que o desabastecemento de leite e lácteos está a notarse xa nos lineais a causa do bloqueo do transporte. En concreto, advirte que a recollida do leite nas granxas, o envasado, a transformación de produtos lácteos e a distribución aos supermercados corre perigo, polo que chama ao diálogo e á responsabilidade para atopar unha saída ao conflito.

"O sector lácteo comparte o impacto pola subida imparable do combustible e o respecto ao dereito á folga pero chama á responsabilidade de todos para non paralizar o sector lácteo nin provocar o seu colapso", afirmou. Segundo a organización, os efectos do paro dos transportes e o bloqueo de estradas xa está a ter efectos "moi negativos" no lácteo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta