Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 12:32
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) calcula entre un 40 e un 50 por cento a redución de entregas de material sanitario con respecto aos días de actividade normal por mor da folga do transporte que cumpre cinco días de paro. Así o informou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa, no que concreta que a folga do transporte iniciada o pasado 14 de marzo "ten unha repercusión importante" na entrega de pedidos de material na Plataforma Loxística Sanitaria de Galicia, situada en Negreira.
Debido a esta afectación, a Subdirección Xeral de Compras e Servizos Xerais do Sergas procedeu a "adoptar diferentes medidas" co fin de "minimizar ao máximo o impacto da folga" na subministración de material aos centros sanitarios. Entre as decisións acordadas, o Sergas procedeu a contactar cos provedores "máis importantes" que non realizan entregas na plataforma estes días de folga, para "acordar posibles solucións" no que se refire ao transporte.
ACREDITACIÓNS
Así mesmo, Sanidade destacou que o departamento sanitario facilitou acreditacións ás empresas con cargas completas e habituais para o Sergas, nas que "se advirte dun modo específico que transportan material sanitario" para a Plataforma Loxística da sanidade galega, engade.
Do mesmo xeito, acordou flexibilizar o horario de entregas e a recepción do material na plataforma loxística de Negreira, "unha actividade que se podería levar a cabo mesmo en horario nocturno", matiza. Ademais, o Sergas tamén identificou os artigos almacenados "con existencias por baixo do seu stock de seguridade", resalta Sanidade, para "buscar alternativas no caso de ser necesario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.