Marty McFly levaba razón

Estaba eu saíndo da adolescencia e, coma millóns no mundo, fun ao cine a ver "Regreso al futuro", divertida historia na que se nos presenta a un personaxe que, sen dúbida, é xa un dos máis recoñecibles do cinema de todos os tempos.

Por Francisco Castro | Vigo | 04/06/2014

Comparte esta noticia
Refírome ao eternamente adolescente de vaqueiros perennes e skate incombustible, Marty MacFly. A primeira das fitas da saga, remataba coa chegada de Doc (o entolecido inventor da Máquina do Tempo que funciona co "Condensador de Fluzo"!!!!) ao tempo presente, dende o futuro, para dicirlle a Marty que teñen que ir, precisamente, con urxencia ao futuro a solucionar un problemón. 
 
O rapaz, preguntaba, intrigado pola alteración do científico:
-Pero que pasa en el futuro, ¿Es que nos hemos vuelto gilipollas?
 
A pregunta quedaba en suspenso e, tantos anos despois, podemos contestala sen medo a trabucarnos porque xa estamos no futuro, cando menos no futuro dos personaxes desa película, do ano 1985, tempo no que, sen dúbidas, imaxinarían o 2014 como un lugar, sen dúbida, moito máis interesante do que a diario comprobamos que é.
 
Así que si, Marty, volvémonos completamente gilipollas. 
 
Porque todas as ideas que a miña infantil imaxinación manexaba como visión do que sería o futuro (en especial o cartesianamente sedutor ano 2000), nada teñen que ver co que de verdade pasa neste futuro que é xa presente. En realidade é moito peor. De feito, e comprobado o resultado final do avance da historia, cómpre afirmar sen sombra ningunha de dúbida, que somos moitos os decepcionados polo futuro, os que non entendemos nada, os que esperábamos moitísimo pero moitísimo máis.
 
O século XXI  aparecíasenos coma unha posibilidade case que certa de progreso, de ciencia ben aplicada, de liberdades individuais que virían dadas en parte, por ese despegue tecnolóxico, por esa realidade construída á medida das persoas e as súas necesidades máis importantes e esenciais. Os nenos que nacemos nos sesenta fomos obrigados a ser optimistas utópicos cheos de fe e esperanza nuns tempos que serían chegados e que, dalgunha maneira, posibilitaba a fundación dun reino, por fin, vivible.
 
Marty MacFly debe saber que no futuro, a xente adora a Belén Esteban, perde a cabeza polo fútbol, traballa máis ca nunca e con menos dereitos, que siguen habendo monarquías, lugares no mundo (tamén por aquí) onde as mulleres siguen sendo consideradas inferiores, incluso polos que se din representantes dun deus de bondade, que os neonazis subiron nos resultados electorais, que a precariedade e a burremia medran a diario coa complicidade dos gobernos que nos queren parvos e que, sen sombra de dúbidas a parvura é o diagnóstico definitivo para o mundo que fundamos. 
 
Que si Marty. Volvémonos. Así que pregunto: hai sitio para un máis no coche do tempo? Porque igual marchaba contigo. ..directamente á prehistoria...cando aínda todo era posible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro