Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 13:04
As votacións ás mellores músicas galegas e portuguesas do certame aRi[t]mar, con preto de 5.500 votos emitidos polo público, veñen de decidir que “Peixe”, de Xisco Feijóo, fose elixida Mellor Música do Ano 2021 en Galicia. Igualmente, “Andorinhas”, de Ana Moura, foi elixida Mellor Música do Ano 2021 en Portugal.
A segunda e terceira cancións máis votadas na categoría galega foron, respectivamente, “Pobo de Artistas” de Dakidarría, e “Maneo de Cambre”, de Caamaño&Ameixeiras. Na categoría lusa, a segunda e terceira cancións máis votadas foron “Estou por tudo”, de Miguel Araújo, e “Eco”, de Carolina Deslandes.
APOSTA POLA VISIÓN CONTEMPORÁNEA
“Peixe” é o nome do primeiro traballo discográfico de Xisco Feijóo en solitario. Este bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre e cantor ten participado en máis de vinte traballos e presentacións de artistas de proxección internacional como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní. En concreto, “Peixe” é un canto á aceptación e á natureza única, incoherente e irrepetible do ser humano, no que unha fonda tradición emerxe grazas a unha mirada recuperadora pero tamén actual e contemporánea.
Pola súa banda, “Andorinhas” é o primeiro tema do novo camiño que a fadista máis exitosa do presente século, Ana Moura, botou a andar tras romper coa súa casa discográfica e comezar a crear e producir música dun xeito máis diverso e independente. “Andorinhas” é boa mostra desta nova senda, basculando entre unha voz sentida de fadista e unha envolvente musical que, sen deixar de recordar á música nacional lusa, tamén se achega a ritmos contemporáneos coma o da electrónica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.