Os delitos sexuais aumentaron un 22% en Galicia en 2021

As denuncias por violencia de xénero subiron un 2,97%, mentres que as medidas de protección diminuíron un 5,92%

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/03/2022 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

Os delitos contra a liberdade e a intimidade sexual aumentaron un 22,63% en Galicia durante o ano 2021, pasando dos 547 en 2020 aos 707 do ano pasado. Así o informou este luns a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que compareceu para informar dos datos de 2021 relativos a violencia de xénero e que cualificou estes datos de violencia sexual de "preocupantes".

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, en rolda de prensa.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Lorenzana referiuse, dentro da violencia contra a muller, de forma concreta a este tipo de delitos, que supoñen un "asunto relevante" para o Goberno galego e que demostran que "hai moito que traballar neste ámbito".

Dentro dos datos de violencia sexual, a conselleira apuntou que unha parte moi importante afecta a mulleres vítimas de trata. Para elas, a Xunta mantén vivendas asistenciais que o pasado ano tiveron 27 usuarios, 24 mulleres e tres menores.

MÁIS DENUNCIAS POR VIOLENCIA DE XÉNERO

Segundo trasladou María Jesús Lorenzana, as denuncias por violencia de xénero en Galicia aumentaron o ano pasado un 2,97%, ata as 6.259. Pola contra, as medidas de protección ditadas polos xulgados baixaron un 5,92%, pasando de 1.131 en 2020 ás 1.064 de 2021.

Así mesmo, o pasado ano houbo unha vítima mortal en Galicia, o caso de Mónica Marcos, de 52 anos, asasinada na Coruña. En 2020, lembrou Lorenzana, producíronse tres crimes machistas.

En todo caso, a conselleira destacou que, a pesar de ser o máis dramático, os asasinatos de xénero son "só a punta do iceberg" da violencia de xénero, e lembrou que, "detrás de cada un destes datos", hai mulleres e nenos que "están a sufrir".

Segundo apuntou Lorenzana, o teléfono de atención á muller recibiu 3.180 chamadas, un 4,68% menos que o ano anterior, case a metade da provincia da Coruña e a práctica totalidade realizadas por mulleres. A información máis solicitada, case na metade dos casos, foi a atención psicolóxica, seguida da información de recursos económicos.

POLÉMICA SOBRE FEIJÓO

Preguntada acerca da posición do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en relación á violencia de xénero e á violencia intrafamiliar, a conselleira de Emprego e Igualdade afirmou que o líder do Goberno galego "non ten nada que demostrar con respecto a isto".

"O seu goberno leva loitando contra a violencia de xénero desde o inicio", dixo Lorenzana, que asegurou non ter "ningunha dúbida" respecto diso. "O Goberno, o presidente e o PP temos claro que é a violencia de xénero, a violencia machista, e loitamos contra ela", apuntou a conselleira, que vinculou esta situación ao "foco mediático" que se pon sobre "cada palabra" de Núñez Feijóo. "Calquera actuación dun home contra unha muller ou contra alguén para facerlle dano a ela, é violencia de xénero ou violencia machista", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta