Extracción todo o ano e control informático, propostas da Xunta para a recollida de cría de mexillón

Actualiza un texto que data do ano 2000 e mantén o máximo de 3.500 quilos ao ano por batea

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar trasladou ao sector o borrador da orde de extracción da cría de mexillón, que actualiza un texto que data do ano 2000 e inclúe novidades como flexibilizar a recollida e estendela a todo o ano, á vez que se incrementa a rastrexabilidade ao comunicarse a captación de forma inmediata a través de ferramentas informáticas.

Reunión da Xunta co sector do mexillón
Reunión da Xunta co sector do mexillón | Fonte: Xunta de Galicia.

Así, mantense un máximo de recurso por batea de 3.500 quilos ao ano, unha cantidade que non se pode destinar á comercialización, senón unicamente á batea á que está adscrita a autorización.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, expuxeron este texto ao sector do mexillón, unha proposta coa que se busca garantir a explotación "sustentable" dos recursos mariños, así como a mellora da rastrexabilidade e a incorporación das novas tecnoloxías á xestión administrativa desta actividade.

O borrador de orde recolle que para a extracción en bancos naturais con destino ao cultivo en viveiros debe contarse cun carné, previa autorización da actividade aos titulares de bateas. De feito, o recurso poderá ser extraído polos propios concesionarios ou por persoas vinculadas a eles cun contrato laboral ou semellante e as persoas colleiteiras deberán estar adecuadamente identificadas polo titular da concesión na solicitude de autorización para a extracción. A presentación de solicitudes estará aberto todo o ano, cunha vixencia de ano natural.

A nova norma tamén pretende flexibilizar a extracción ao outorgar ao propio sector a competencia e autorización para realizar a mesma ao longo de todo o ano, de maneira que os titulares dos viveiros poidan contar coa capacidade de adaptar os procesos extractivos aos produtivos.

O texto tamén indica que o acceso ás zonas de extracción realizarase a pé ou mediante embarcación auxiliar de acuicultura, pero en ningún caso a nado. Ademais, establécese que, de maneira puntual e extraordinaria, poderanse dar autorizacións para extraer semente nas zonas de servizo dos portos autonómicos previa solicitude a Portos de Galicia.

A Consellería do Mar remarca que se trata un borrador, polo que é posible a súa mellora a través das achegas e alegacións do sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta