É posible calcular a idade e o sexo dunha persoa a partir dunha radiografía dental?

Unha investigación da USC presenta un novo sistema capaz de facelo automáticamente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Unha serie de sistemas de Intelixencia Artificial parapredicir a idade e o sexo a partir dunha radiografía dental panorámica de xeito automático, rápido, fiable e explicable. Isto é o que vén de desenvolver o investigador posdoutoral Nicolás Vila a través dunha investigación no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), na que logrou demostrar a súa eficacia. 

Unha das rexións anatómicas máis relevantes usadas neste proceso é a cavidade oral, xa que contén certas estruturas moi útiles, como os dentes e a mandíbula
Unha das rexións anatómicas máis relevantes usadas neste proceso é a cavidade oral, xa que contén certas estruturas moi útiles, como os dentes e a mandíbula | Fonte: USC

“O primeiro foi desenvolver unha metodoloxía para estimar a idade e o sexo a partir da radiografía completa, un paso preliminar que nos permitiu acadar unha precisión superior á dos métodos existentes”, explica Nicolás Vila. “Empregamos métodos baseados en mapas de calor para determinar as rexións da radiografía máis relevantes cando tratamos de estimar a idade”, prosEgue o autor da tese. “Deste xeito, confirmamos o coñecemento adquirido nos estudos clínicos previos, que afirmaban que a rexión dental é a que máis inflúe na predición final”, afirma o investigador posdoutoral. O traballo, dirixido polas científicas María José Carreira e Inmaculada Tomás, contou tamén coa colaboración das odontólogas Paulina Varas e Ángela Aneiros.

PAPEL CRUCIAL EN PROCESOS LEGAIS

Determinar o sexo e estimar a idade cronolóxica dunha persoa —ou o que é o mesmo, calcular en anos, meses e días o tempo transcorrido dende o seu nacemento ata o momento actual da súa vida— son tarefas fundamentais nunha ampla gama de disciplinas científicas. A máis coñecida delas é a identificación de restos humanos, malia que o seu uso xoga tamén un papel crucial noutros moitos ámbitos, como a validación de partidas de nacemento en casos de adopción, ou a determinación da maioría de idade de persoas indocumentadas inmersas en procesos legais. Unha das rexións anatómicas máis relevantes usadas neste proceso é a cavidade oral, xa que contén certas estruturas moi útiles como os dentes e a mandíbula, explican dende a USC.

SISTEMA AUTOMÁTICO

A segunda fase da investigación desta tese consistiu no deseño dun sistema completamente automático para detectar nas radiografías o contorno mandibular e caracterizalo posteriormente en forma e tamaño. Os resultados deste novo método demostraron que os cambios ao longo da vida na forma da mandíbula son útiles para establecer a idade cronolóxica dun suxeito, mentres que o tamaño resulta indispensable para diferenciar entre homes e mulleres. A profesora Inmaculada Tomás resalta que "o novo sistema é compatible con calquera outra práctica odontolóxica que requira caracterizar a mandíbula, como a cuantificación da asimetría mandibular ou a planificación de cirurxías ortognáticas, entre outras".

Por último, o equipo de traballo desenvolveu unha nova metodoloxía para detectar as pezas dentais presentes na radiografía, co obxectivo de usalas no proceso de estimación. A investigadora María José Carreira explica como “tras estimar a idade e o sexo de cada dente por separado, as predicións individuais resultantes combínanse, para obter unha única estimación global”. “Grazas a esta integración temos un sistema altamente explicable, xa que en todo momento é posible saber en que dente confiar máis, e en cal menos”, destaca a investigadora do CiTIUS. 

Os investigadores destacan tres beneficios fundamentais das novas tecnoloxías: “son altamente precisas á hora de determinar a idade e o sexo, reducen dramaticamente os tempos e a subxectividade das estimacións manuais, e son altamente explicables, o que facilita a súa implantación en escenarios reais”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta