Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 14:59
Varios puntos da provincia de Ourense alcanzaron este venres temperaturas por enriba dos 35 graos e Leiro case se achegaron aos 40 graos, segundo os datos recolleitos por Meteogalicia. No municipio de Leiro os termómetros marcaron o máximo valor na provincia e en Galicia. En concreto, a estación da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) rexistrou 38,7 graos ás 18.00 horas desta xornada.
As temperaturas máis altas deste venres, segundo os datos das estacións meteorolóxicas, rexistráronse en varios puntos das provincias de Ourense e de Lugo. Concretamente, despois de Leiro, os termómetros alcanzaron en Ourense capital os 38,6 graos; na estación de Arnoia os 37.3 graos; e en Pantón o mercurio marcou os 36.7 graos.
A XUNTA ACTIVA O NIVEL 1 DE ALERTA
A Xunta activou o nivel 1 de alerta en diversos puntos de Galicia por altas temperaturas. Meteogalicia detallou que, a partir deste venres, as altas presións volveranse a localizar ao norte da península Ibérica, polo que chegará unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Isto levará a que as temperaturas experimentes significativos ascensos, tanto nos valores mínimos como nos máximos. Esta subida comezará a notarse este venres, cando varios puntos de Galicia superarán os 30 graos e, mesmo, os 35 graos en puntos de interior.
Os valores máis elevados rexistraranse entre este sábado e o luns cando a situación de calor será máis xeneralizada. Con todo, unicamente quedan fóra desta onda de calor puntos do norte da Coruña e de Lugo. Así mesmo, espéranse néboas costeiras nas xornadas do domingo e o luns nas Rías Baixas que contribuirán a un descenso das temperaturas nas zonas de costa durante a mañá. As temperaturas volverán aos poucos á normalidade o vindeiro mércores.
RECOMENDACIÓNS
Ante este episodio a Xunta lembra que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e nenos menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstructiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Aazheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas. Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores.
Por iso, a Consellería de Sanidade recomenda: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucaradas; aumentar o consumo de ensaldas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.