Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 12:20
Continúan adiante as mobilizacións contra a avalancha eólica de Galicia. As manifestacións organizadas polo movemento veciñal comezan a sumar cada vez máis apoios da estrutura institucional galega. Desta vez, oito alcaldes da provincia da Coruña veñen de manifestar en contra da implantación de torres éolicas e liñas de evacuación sobre os seus concellos, apoiando o rexeitamento dunha multitude de asociacións civís.
As plataformas, entre as que se contan Aldeas Libres de Macroeólicos, a Asociación Monte do Gato Seselle, Aire Limpo Mariñas Mandeo, Monfero di non, Salvemos a Comarca de Ordes e outras varias implicadas na loita por un rural sostible, veñen de apuntar que contan co apoio dos alcaldes destes concellos, entre os que se atopan algúns consistorios gobernados polo PP.
Os rexedores locais que apoian a iniciativa son os de Abegondo, Aranga, Boimorto, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis, segundo puido comprobar o Galicia Confidencial tras acceder a un documento no que estes rexedores subliñan a súa "oposición frontal" ao actual modelo de implantación eólica. Neste aspecto, todos os firmantes subliñan a necesidade de camiñar cara a unha implatanción de enerxías renovables "ordenada", en espazos que conten cunha "ampla aceptación veciñal".
MOBILIZACIÓNS
A difusión do comunicado de apoio por parte destes alcaldes coincide coa convocatoria dunha mobilización "antieólicos" prevista para o vindeiro sábado 2 de abril ás 17 horas no Concello de Curtis. A marcha, explican dende as plataformas, "sairá do cruce de Curtis ata o cruce de Sesmonde". Os veciños mobilizados insisten unha vez máis no apoio "sen fisuras" dos alcaldes á veciñanza, "dados os graves prexuízos que causarían estes parques".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.