Futuro Xunta: Rueda xa pon prazos á substitución de Feijóo

Asegura que "a partir desta semana" se "empezará a falar" disto. Diego Calvo, sobre unha bicefalia en Galicia: "Sería mellor que non, pero todo se pode falar". Candia di que o sucesor será "previsible" e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, esixe a Feijóo que o aclare "canto antes".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "a partir desta semana" se empezará "a falar" dos cambios que se poidan producir no Goberno galego derivados da futura marcha do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a Madrid tras ser elixido líder do PP.

Así se pronunciou Alfonso Rueda este luns ao ser preguntado nun acto no Pino pola data na que se prevé que Núñez Feijóo deixe a Presidencia da Xunta e sobre a súa posible substitución. "Está a cumprirse exactamente o que dixemos que ía suceder, que ata este fin de semana, que foi o congreso en Sevilla, había que ver como quedaba o partido e a nova directiva e que, a partir desta semana, empezaremos a falar dos cambios que se poidan producir".

Todo iso, indicou, "sen deixar en ningún momento de xestionar, que é o que lle interesa á xente de verdade, xestionar os asuntos públicos desde o Goberno da Xunta". "Niso imos seguir igual, con independencia do que dure este procedemento que, efectivamente, despois deste fin de semana entra nunha nova fase", apuntou para remitirse ás afirmacións nas que Feijóo situou no mes de abril o inicio da súa substitución á fronte do Goberno galego.

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press - Arquivo

BICEFALIA?

O presidente do Comité Electoral do PP e presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, defendeu este luns que o seu partido abre a etapa de Alberto Núñez Feijóo co obxectivo de ser "un partido de maiorías", facendo valer que en Galicia se gañaron catro maiorías absolutas "sen presenza" de formacións políticas como Vox na Cámara galega.

En clave de sucesión galega, e nunha entrevista na TVG, Diego Calvo evitou avanzar pistas e seguiu a liña de que non cre "que haxa problema", cun partido en Galicia, dixo, que está "unido, organizado, tranquilo e contento" nas catro provincias cos seus catro presidentes provinciais.

Preguntado por se cabería unha bicefalia en Galicia, é dicir, que o presidente da Xunta fose unha persoa distinta á do PP galego (sen precisar o marco temporal ou a forma), Diego Calvo sinalou que "podería ser", pero sostivo que "sería mellor que non".

"Podería ser; eu entendo que sería mellor que non houbese esa bicefalia, pero todo se pode falar e todo se pode estudar e, se é o caso, chegar a facelo", apostilou, a continuación, o tamén vicepresidente do Parlamento de Galicia.

En todo caso, e sobre a substitución pendente, Diego Calvo remarcou que o "partido está ben organizado" e conta con "catro presidentes provinciais que fan o traballo".

"O partido unido, organizado, tranquilo e contento e agora o que temos que facer é cubrir un espazo difícil de cubrir, que non se vai cubrir o primeiro día, que temos que facelo xuntos e organizarnos ben. E se o facemos así, non haberá grandes problemas", sinalou, antes de indicar que, ademais, terán "a Feijóo en Madrid a un paso, sempre ao carón".

ELENA CANDIA

Pola súa banda, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, apelou hoxe á "previsibilidade e á responsabilidade" para designar o sucesor de Alberto Núñez Feijoo á fronte da Xunta de Galicia. Así, mostrouse convencida de que a sucesión será "ordenada, responsable e á altura das circunstancias". "Os galegos esperan de nós que tomemos as mellores decisións con acerto e antepondo os intereses xerais, moi especialmente nun momento económico tan complicado", manifestou.

INÉS REY

Doutro lado, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, esixiu a Feijóo que aclare "canto antes" a sucesión á fronte do Goberno galego e que "se poña a traballar". Así, a alcaldesa insistiu na necesidade de que o Goberno galego "estea presente" e indicou que o presidente da Xunta "non o está desde que iniciou a súa carreira en Madrid". Rey engadiu que "a metade" dos conselleiros están "de viaxe" en Sevilla e destacou que Galicia "nestes momentos" necesita un Goberno "estable" que traballe polos galegos.

Por iso, a rexedora instou o executivo a que tome decisións "canto antes". "Non podemos ter un presidente da Xunta que está en Xénova", recalcou e demandou un goberno "que traballe" porque "nestes momentos non se sabe onde está".

CUCA GAMARRA

A nova secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, preguntada sobre cando vai deixar Feijóo a Presidencia da Xunta de Galicia, manifestou que é el mesmo ao que corresponde informar de "todo o que afecta" o Goberno autonómico, pero non no marco dun comité do PP "por respecto aos galegos". "Farao nese marco e non nun comité de dirección que é o órgano interno dun partido", abundou. A pasada semana, Feijóo xa dixo que "a partir da primeira semana de abril", inmediatamente despois de ser elixido presidente do PP de España, se empezaría a "concretar" cal é "a fórmula elixida" para a súa sucesión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta