Aprobado o novo currículo de Bacharelato, que permite aos alumnos acceder á universidade cun suspenso

Os estudantes poderán pasar de 1º a 2º con dúas materias sen aprobar e haberá cinco modalidades de Bacharelato. A Xunta critica o currículo de bacharelato aprobado polo Goberno e reforzará os contidos de Historia.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 05/04/2022 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Educación e FP, o Real Decreto polo que se establece a ordenación e os ensinos mínimos de Bacharelato. Estes cambios implantaranse no ano académico 2022-2023 para 1º de Bacharelato e no curso 2023-2024 para o 2º curso. A norma fixa, entre outras cuestións, a promoción, avaliación e titulación dos estudantes.

Estudantes de bacharelato realizan os exames de Selectividade en Viveiro
Estudantes de bacharelato realizan os exames de Selectividade en Viveiro | Fonte: CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS.

En relación coa titulación, a norma establece que os alumnos poderán obter o título cando aproben todas as materias do ciclo. No entanto, mantén a excepción de poder conseguilo cunha pendente, se así o decide o equipo docente, no caso de que considere que alcanzou os obxectivos e competencias, que non se ausentou de maneira continuada e non xustificada a clase, que se presentou a todos os exames, e que a media das notas obtidas en todas as materias sexa igual ou superior a cinco.

Así, un alumno que aprobe todas as materias excepto unha, poderá presentarse á Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU), se cumpre os requisitos. Respecto da promoción, os alumnos pasarán de 1º a 2º cando superasen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo.

Outra novidade é que, aínda que a superación das materias de 2º estará condicionada á superación das materias de 1º, o alumnado poderá matricularse de materias de 2º sen cursar a correspondente materia de 1º "sempre que o profesorado que a imparta considere que o alumno ou alumna reúne as condicións necesarias para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo". En caso contrario, deberá cursar a materia de 1º.

A avaliación será "continua e diferenciada segundo as distintas materias" e será o profesor quen decidirá, ao termo do curso, se o alumno logrou os obxectivos e alcanzou o adecuado grao de adquisición das competencias correspondentes.

O texto tamén recolle que os alumnos poderán someterse a exames de recuperación daquelas materias que non aprobasen, outra diferenza significativa con respecto á ESO, onde se eliminan este tipo de probas.

De maneira excepcional, permítese que os alumnos poidan cursar o Bacharelato en tres cursos en lugar de dous, naqueles que o requiran polas súas "circunstancias persoais, temporais ou permanentes". Refírese a quen cursen a etapa de maneira simultánea aos ensinos profesionais de música, os que sexan deportistas de alto nivel ou de alto rendemento, ou quen presenten algunha necesidade específica de apoio educativo.

O Bacharelato a partir de agora terá cinco modalidades: Ciencias e Tecnoloxía; Humanidades e Ciencias Sociais; dous bacharelatos de Artes (un de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño e outro de Música e Artes Escénicas); e outro Xeneral. Onde se imparten, decidirano as comunidades autónomas.

CRÍTICAS DA XUNTA

A Xunta criticou esta reforma e anunciou que reforzará os contidos humanísticos nos currículos educativos coa incorporación da Historia anterior a 1812 en Bacharelato ao considerar que o Goberno do Estado "obviou" introducir esta materia "fundamental no desenvolvemento do alumnado", e que se complementará co impulso das competencias STEM (Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía).

Así o avanzou no pleno da Cámara galega o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, en resposta a unha pregunta do deputado popular Ovidio Rodeiro, na que defendeu a importancia da formación humanística, que resulta elemental na responsabilidade de "formar cidadáns libres, críticos e con capacidade analítica", fronte ao "tanto dá e o facilismo" que promove o Goberno do Estado.

Unha liña de traballo que, conforme indicou o conselleiro, "é todo o contrario da aposta pola calidade e a cultura do esforzo que en Galicia está avalada polos resultados, en alusión aos datos PISA ou á redución do abandono temperán ao 8,1% (fronte ao 25,8% de 2009).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta