O comité de Navantia Ferrol di que o contrato das F-110 "só garante o 50% da carga"

Sánchez ve "asegurado" o futuro de Navantia en Ferrol no "curto e medio prazo". A Xunta chama á colaboración institucional para conseguir nova carga de traballo.

Por Europa Press / Redacción | Cobas (Ferrol) | 06/04/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou que o futuro de Navantia está "asegurado" no "curto e medio prazo" co programa das fragatas F-110, que "vai impulsar o desenvolvemento do tecido industrial e empresarial de toda a comarca". O titular do Executivo estatal asistiu na mañá deste mércores ao primeiro corte de chapa da primeira das cinco fragatas F-110 que se construirán no estaleiro ferrolán.

Na súa intervención, o presidente do Goberno destacou que este programa está a ser a "panca para a transformación dixital do estaleiro" e converterao nunha "referencia non só nacional, senón internacional, en materia de fragatas". Así, sinalou que contará cun investimento de 4.320 millóns ata o ano 2031, e creará 9.000 empregos durante o próximos dez anos. 

Concentración de sindicatos fronte a Navantia o día de corte de chapa das novas fragatas, con presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez
Concentración de sindicatos fronte a Navantia o día de corte de chapa das novas fragatas, con presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez

COMITÉ DE EMPRESA: "SÓ GARANTE O 50% DA CARGA DE TRABALLO"

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey (CCOO), asegurou que este contrato "só" lles garante "o 50% da carga de traballo" dos últimos trinta anos nun contexto no que se necesita "outro tanto para poder manter a industria auxiliar que temos".

O integrante do comité de empresa detallou que o presidente lles mostrou o seu interese. "Que está moi preocupado por Navantia e que ten sempre na súa axenda os nosos produtos", explicou, para indicar que tamén lles sinalou que "o PERTE Naval é moi importante para o sector e para a industria española".

"Agora o que nos queda a nós é esperar e o que tanto levamos pedido e que se nos prometeu hai anos, como é que a transformación dixital e física do estaleiro, e o dique seco, se materialicen", asegurou o sindicalista, que destacou que estas cuestións son "fundamentais" para acometer os retos de futuro, como as propias fragatas F-110.

Con motivo da visita do presidente do Goberno aos estaleiros, delegados da CIG concentráronse ás portas do estaleiro de Navantia. O responsable de CIG Industria na comarca de Ferrol, Vicente Vidal, asegurou que "é a primeira vez que vén un presidente do Goberno español a un acto como este", un feito que tachou de "meramente político" e "propagandístico". "Este corte de chapa xa tiña que realizarse hai anos e isto non quere dicir que a carga de traballo apareza de maneira inmediata, senón que ata dentro dun ano non haberá ocupación para os traballadores das auxiliares", sostivo.

Mentres, delegados da Sección sindical da CXT en Navantia Ferrol concentráronse nas proximidades do taller onde tivo lugar o corte de chapa, neste caso para pedir a finalización da subcontratación en Navantia. Así, denunciaron a "degradación das condicións de traballo na industria auxiliar e na sinistralidade laboral", tras lembrar nas últimas horas o falecemento dun traballador dunha compañía nun accidente laboral acontecido na factoría de Navantia-Puerto Real (Cádiz).

A ministra de Facenda, María Jesús Montero; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a presidenta da SEPI, Belén Gualda; e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; entre outras autoridades no arranque do corte de chapa das F-110 en Navantia Ferrol. EUROPA PRESS // M. DYLAN / Europa Press
A ministra de Facenda, María Jesús Montero; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a presidenta da SEPI, Belén Gualda; e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; entre outras autoridades no arranque do corte de chapa das F-110 en Navantia Ferrol. EUROPA PRESS // M. DYLAN / Europa Press

"DÍA HISTÓRICO"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou as oportunidades laborais, de talento e de diversificación industrial que se abren para Ferrol, a súa comarca e o conxunto de Galicia co inicio da construción das novas fragatas F-110. 

Tras cualificar a xornada como "un día realmente histórico", Formoso sinalou que este "megacontrato" por valor de 4.320 millóns de euros suporá un impulso para a contratación e o mantemento dunha media de 9.000 traballadores e traballadoras durante o próximos dez anos. "Vai ser", resaltou, "un contrato e un proxecto tractor non só para Ferrol e a súa comarca senón para toda Galicia".

"PUNTO DE INFLEXIÓN"

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asegurou que a construción das fragatas e o desenvolvemento da eólica mariña marcan un punto de inflexión para a cidade e a súa comarca. O rexedor de Ferrol valorou como "un impulso moi importante, non só para Navantia, senón para toda a industria española", o programa das F-110. Ademais, considerou que hai que aproveitar o momento para poder diversificar mercados, modernizar o estaleiro, dixitalizar todos os procesos produtivos e arrastrar á industria auxiliar ligada ao naval.

XUNTA DE GALICIA

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que as fragatas F-110 son un proxecto vital para a comarca de Ferrolterra e apelou á colaboración para conseguir nova carga de traballo para Navantia. Así, apuntou que a Xunta de Galicia seguirá estando co Goberno para sacar adiante proxectos que realmente se traduzan en carga de traballo.

Conde, que lembrou a proposta lanzada hai un ano pola Xunta para pór en marcha un Pacto de Estado por Ferrol, apelou ao espírito de colaboración, sinalando o obxectivo común de axilizar o proceso de modernización cara ao estaleiro 4.0. O vicepresidente económico fixo fincapé na necesidade de que o Perte do Naval cumpra os seus obxectivos e que, unha vez que o Goberno teña convocadas as diferentes liñas de axuda, Ferrol e Galicia ocupen o espazo que merecen dentro da repartición dos fondos europeos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta