(Vídeo) "A medida do ferrado é diversa, como o país mesmo"

Nace unha plataforma da man da mocidade galega para conxugar tradición e futuro nas catro provincias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O sector dos medios galegos segue vendo nacer iniciativas novas que achegan diferentes propostas ao público galegofalante. A derradeira en saír á luz é 'O ferrado', unha web posta en marcha por distintos mozos do país --algúns deles localizados na emigración-- e que, segundo destacan, pretende "a divulgación cultural, política e lingüística de todos os aspectos relacionados coa Galiza".

Portada do vídeo promocional d''O Ferrado'
Portada do vídeo promocional d''O Ferrado'

O colectivo tras tal portal defínese como galeguista, de aí que teña tamén por fin o espallamento de "calquera representación social e artística, así como a manifestación do sentir popular que acredita no propio país". "Aspirando a reflectir as distintas visións da nación e a traballar pola súa defensa e o seu respecto", inciden. Esa pluralidade viría determinada, precisamente, pola propia medida do ferrado, típica de Galicia pero diferente en distintos puntos do país, como apuntan neste vídeo a modo de 'teaser' gravado por estudantes da Escola Audiovisual da Universidade de Vigo.

Segundo destacan, o proxecto atópase xa construído e teñen intención de presentalo aos Premios Provinciais á Xuventude na categoría audiovisual. Unha breve ollada á páxina web permite comprobar o amplo abano temático abranguido polos promotores da iniciativa, que achegan esa ollada plural tanto no tocante á lingua galega como no relativo á política. En suma, unha iniciativa para "construír o futuro do país" tendo en conta o pasado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xulio de Ramirás

Bravo! Veñan máis mil proxectos para a lingua e a cultura galega.