Rey Novoa insta á UDEF a inspeccionar a nave da editorial do antigo El Correo para buscar as obras de arte desaparecidas

A Avogacía do Estado pídelle que devolva os cartos adelantados polo Fogasa a decenas de traballadores: máis de 1,7 millóns de euros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

El Correo Gallego, histórico diario compostelán, segue sendo noticia pola investigación xudicial despregada sobre o seu exdirector xeral, José Manuel Rey Novoa, por presuntos delitos económicos relacionados coa desaparición de obras de arte, o uso de empresas pantalla e o impago de nóminas a provedores e traballadores. Todo iso nun contexto de quebra da empresa editora, Editorial Compostela S.A., declarada en concurso de acredores. No medio desta causa penal, que segue aberta no Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago de Compostela, Rey Novoa respostou por escrito a varios requerimentos xudiciais, negando ter substraído bens da propia compañía. Mentres, o Estado xa lle reclama 1,7 millóns de euros para compensar ao Fogasa polos pagos adiantados aos traballadores.

Sede de El Correo Gallego no Polígono de Costa Vella en Santiago
Sede de El Correo Gallego no Polígono de Costa Vella en Santiago | Fonte: Arquivo

REY NOVOA ASEGURA QUE NON TEN AS OBRAS

Nun escrito presentado o pasado 12 de xuño nos tribunais, Rey Novoa afirma que non ten no seu poder ningunha das obras de arte cuxa desaparición investiga a UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal). Segundo a súa versión, as pezas seguían almacenadas na nave industrial que ocupaba a editorial na Rúa Polonia nº 10, no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela, cando os traballadores abandonaron as instalacións tras declararse o concurso de acredores. 

O escrito tamén resposta sobre varias máquinas reprográficas mencionadas pola UDEF. Nel, Rey Novoa asegura que continúan na mesma nave, porque a empresa propietaria dos equipos, Ricoh España S.L.U., aínda non procedeu á súa retirada. Aporta mesmo unha factura do ano 2023, por valor de 732,99 euros, que detalla o número de serie dos equipos.

UDEF: MÁIS DE 100 PEZAS DESAPARECIDAS E UNHA EMPRESA PANTALLA

A versión de Rey Novoa contrasta co recollido en informes policiais. Tal e como publicou Galicia Confidencial fai semanas, a UDEF investiga o desvío de máis de 100 obras de arte que formaban parte do patrimonio da editorial. No 2020, a colección estaba valorada en 465.000 euros, pero no 2023 apenas quedaban pezas por valor de 50.000, unha desvalorización do 89 %. Entre as obras desaparecidas estarían traballos de Antón Lamazares, Acisclo Manzano, Laxeiro e outros artistas galegos.

O informe tamén apunta a unha empresa pantalla, Asemali Inversiones S.L., e a un entramado presuntamente deseñado para transferir parte do patrimonio da editorial fóra do alcance dos acredores e dos traballadores. A xuíza chegou a requirir en maio aos investigados que revelaran a ubicación exacta das pezas, advertindo de que poderíanse adoptar medidas cautelares máis duras se non colaboraban.

O ESTADO ESIXE A REY NOVOA O REINTEGRO DE 1,7 MILLÓNS DE EUROS

Paralelamente, a Avogacía do Estado presentou nos xulgados o pasado 16 de xuño un escrito no que solicita que Rey Novoa sexa condenado a pagar 1.700.838,34 euros ao Fondo de Garantía Salarial (FOGASA). Esa é a cantidade que o Estado tivo que adiantar aos traballadores de Editorial Compostela S.A. ante a imposibilidade de cobrar os seus salarios pola vía ordinaria. En total, o FOGASA abonou 1.839.069,70 euros, dos cales só se recuperaron 138.231,36 euros ata a data. A Avogacía entende que Rey Novoa debe respostar por esta débeda como responsable civil derivado do delito, e pide que se lle impoñan tamén os intereses legais correspondentes.

UNHA CAUSA CON MÚLTIPLES RAMIFICACIÓNS

A causa xudicial contra José Manuel Rey Novoa segue aberta. Os investigadores tratan de determinar se existiu administración desleal, alzamento de bens e baleiramento patrimonial na xestión da empresa editora de El Correo Gallego. Tamén se investigan posibles irregularidades fiscais e o vencellamento con empresas instrumentais creadas para desviar activos. O caso tense convertido xa nun símbolo do afundimento dun dos medios de comunicación máis antigos de Galicia, con máis dun século de historia, cuxa estrutura económica colapsou mentres os seus traballadores loitaban por cobrar os seus salarios. Agora, os tribunais dirimen as responsabilidades penais e civís derivadas deste derrube.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta