Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/05/2025 | Actualizada ás 11:50
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela decidiu ampliar a imputación no procedemento aberto por presunta insolvencia punible no caso relacionado co grupo de empresas vencelladas a 'El Correo Gallego'. Entre os novos feitos investigados está a suposta utilización dunha empresa testaferro para evitar o pago a acredores, entre os que se inclúen os propios traballadores.
Segundo un novo informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF), podería existir unha colaboración entre Asemali Inversiones S.L., o seu administrador Ricardo Asensi Fajardo e José Manuel Rey Novoa --exdirector do grupo de comunicación-- para empregar esta sociedade como pantalla no alugueiro dunha nave industrial de Santiago, co fin de subtraer parte do beneficio económico obtido do contrato de aluguer aos lexítimos acredores da empresa Think First S.L.
Ademais, o xulgado investiga que os responsables de Editorial Compostela S.A. poderían ter desviado obras de arte e outros obxectos valiosos --ata un total de 101 pezas-- que formaban parte da colección da empresa entre os anos 2020 e 2023, mentres esta se atopaba inmersa no concurso de acredores, o que tamén podería constituír un delito. Moitas destas obras estaban expostas nas instalacións de 'El Correo Gallego' no Polígono de Costa Vella e formaban parte da decoración.
A xuíza require agora aos imputados que informen en 15 días sobre a localización deses bens, advertíndolles de que, se non colaboran, poderían adoptarse medidas máis graves. "No caso de facer desaparecer algunha obra de arte ou obxecto no período de tempo concedido para dar resposta ao requirimento, valorarase a adoptación de medidas precautorias de maior gravidade", sinala a xuíza no auto.
Entre os novos imputados figura tamén Fernando Barrera Morata e amplíase formalmente a imputación a Ricardo Asensi e á sociedade Asemali Inversiones S.L. Ricardo Asensi era tamén o responsable das Empresas de Traballo Temporal (ETT) que contrataban aos novos traballadores que se sumaban ao plantel do xornal cando este xa estaba en crise.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.