O BNG denuncia que a Xunta subvenione a La Voz sen que cumpla o mínimo do "10% de uso do galego"

A Xunta destaca que desde 2018 subiron as publicacións en galego en medios ante críticas de BNG por "insuficientes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral dá Lingua, Valentín García Gómez, defendeu que desde 2018, cando se aumentou a porcentaxe que os medios tiñan que publicar en galego ao 10% para recibir axudas da Xunta, aumentaron o número de publicacións na lingua nos medios de comunicación, entre críticas do BNG polo "uso insuficiente".

A deputada do BNG Mercedes Queixas denunciou publicamente este venres, durante unha comparecencia na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, a "ineficacia das axudas públicas" outorgadas pola Xunta de Galicia a empresas xornalísticas co obxectivo de fomentar o uso do galego nos medios de comunicación.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, en comisión parlamentaria
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, en comisión parlamentaria | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

CRÍTICAS AOS MEDIOS TRADICIONAIS

Entre os anos 2017 e 2025, a Xunta destinou máis de 15 millóns de euros a esta convocatoria anual para "favorecer o uso do galego" en prensa escrita e dixital. Desta cantidade, adxudicáronse 1.255.000 euros a medios en papel e 455.377 euros a medios dixitais que, segundo a normativa, deberían garantir polo menos un 10% do seu contido en galego.

Con todo, o BNG denunciou que moitos destes medios non cumpren o requisito mínimo e que a Xunta non fiscaliza nin avalía con rigor o cumprimento do uso do galego. "Unha cabeceira que no ano 2024 recibiu 790.000 euros, diariamente non cumpre ese mínimo do 10%, senón que o que máis cumpre é o 0%", denunciou en alusión a La Voz de Galicia.

Así mesmo, Queixas cuestionou o procedemento administrativo que permite a estas empresas seguir accedendo ás subvencións ano tras ano sen que se esixan responsabilidades nin penalizacións.

OS MEDIOS "PASAN DESE 10%"

Na súa intervención, o secretario xeral de Lingua defendeu que as empresas xustifican o cumprimento do 10% de contido en galego mediante mostras documentadas e que existen mecanismos de control e comisións de seguimento. Ademais, asegurou que a maior parte dos medios "mesmo pasan dese 10%".

No entanto, recoñeceu que existe coincidencia entre todas as Administracións en que hai "unha materia pendente para gañar máis espazo nos medios de comunicación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta