O CPXG chama a reforzar a confianza da cidadanía no xornalismo tras as últimas agresións a profesionais

O CPXG condena as intimidacións a xornalistas e chama a reforzar a confianza da cidadanía na profesión

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/05/2025 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia condena as agresións e intimidacións ás e aos profesionais da comunicación, cada vez máis comúns, e incompatíbeis co dereito da poboación a estar informada. Nun momento marcado pola desinformación, o CPXG recorda o papel irremprazábel do xornalismo nas sociedades democráticas.

Agresión a unha xornalista e a un cámara
Agresión a unha xornalista e a un cámara | Fonte: Youtube

 "Nos últimos tempos, unha serie de circunstancias ás que non son alleas as distintas crises do xornalismo ou a crecente crispación política, teñen provocado un aumento dos ataques aos e ás profesionais dos medios de comunicación", denuncia esta entidade. Critica que os sinalamentos, os insultos, as ameazas ou mesmo as agresións físicas a xornalistas son cada día máis comúns non só a nivel mundial, senón tamén nas nosas contornas máis próximas.

Alude ao último caso de agresión e intimidación dunha okupa a un cámara e unha xornalista da Televisión de Galicia acontecida hai uns días no desaloxo dunha vivenda okupada en Vigo. "Non é máis do que un novo exemplo dunha situación intolerábel cada vez máis habitual, que se estende ao ámbito dixital e que afecta de maneira máis acusada ás xornalistas mulleres", indica. Reclama, ademais, que as empresas de comunicación teñan entre as súas prioridades a seguridade das e dos profesionais e non os expoñan a riscos innecesarios. 

"Como calquera outro tipo de profesional, os e as xornalistas poden ser cuestionados e mesmo criticados polo exercicio do seu traballo, mais as discrepancias non poden ser a escusa para violentar a quen garante un dos dereitos fundamentais da cidadanía: o de estar informada", engade.

O CPXG lembra que o xornalismo enfróntase a unha crise de credibilidade nun panorama marcado polo cuestionamento interesado da necesidade dunha información profesionalizada. "O reforzamento da confianza da cidadanía debe abordarse tamén dentro do propio xornalismo, mediante o reforzamento dos estándares profesionais e do compromiso deontolóxico, ofrecendo transparencia sobre os procedementos de traballo ou establecendo mecanismos para que os medios de comunicación reciban, canalicen e respondan axeitadamente as críticas que son expresadas de maneira correcta", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta