Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/05/2025 | Actualizada ás 22:00
No mapa demográfico de Galicia, algúns puntos comezan a desdibuxarse. Municipios rurais, antano buliciosos e autosuficientes, enfrontan hoxe un proceso silencioso pero constante de baleirado. A emigración, tanto histórica como recente, deixou fonda pegada nestas zonas, marcadas pola marcha de mozos na procura de oportunidades que os seus lugares de orixe xa non lle poden ofrecer. Fronte a esta perda, a inmigración tense presentado nos últimos anos como unha posible vía para soster a vida nos pequenos concellos e núcleos rurais, revitalizar escolas pechadas, reanimar economías locais e manter servizos públicos básicos. Sen embargo, a realidade demostra que, en moitos casos, non está sendo suficiente. Galicia, coma outros territorios do interior peninsular, viviu durante décadas unha emigración continua, primeiro cara América e Europa, e logo cara as cidades galegas ou do resto do Estado. Ese fluxo de saídas continuo, agora impulsado polas dinámicas laborais, educativas e de concentración de servizos nas grandes urbes.
Aínda que algunhas cidades galegas como A Coruña, Vigo ou Santiago logran manter ou mesmo aumentar a súa poboación grazas aos movementos internos dentro da comunidade e a chegada de persoas estranxeiras, o patrón é moi diferente nos núcleos rurais e en moitos concellos do interior. Nestes concellos, a chegada de persoas procedentes doutros países supuxo un alivio relativo. Hai historias de integración, de repoboamento parcial e de pequenas transformacións positivas. Pero os números revelan que esta inmigración, aínda que valiosa e significativa, non logra compensar o saldo negativo entre os que marchan e os que chegan. A balanza demográfica segue sendo desfavorable en moitos casos. Este fenómeno obriga a reflexionar sobre o papel da inmigración como motor de equilibrio poboacional e sobre as políticas que poderían favorecer unha acollida máis efectiva, tanto para quen chega como para quen permanece.
Na presente análise, abordaranse os datos que aporta o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre distintos concellos galegos para observar como se distribúen os movementos migratorios (emigración e inmigración), en que medida afectan ás cidades fronte ao rural, e ata que punto os fluxos actuais poden (ou non) frear o baleiramento do territorio. Se falamos a nivel galego en xeral, na nosa terra houbo no ano 2022 un total de 56 concellos (o 18 % dos 313 totais) que perderon máis veciños dos que recibiron; e no 2023 esta cifra chegou ata os 67 concellos (o 21 %) que non foron quen de atraer a máis habitantes dos que marcharon --hai que resaltar que nesta cifra aportou a maior cantidade cunha notable diferenza a provincia de Ourense--. Se falamos de cantos saíron a perder durante os dous anos consecutivos no total de Galicia, serían un total de 19 (o 6 %), a maioría deles concellos rurais de menos ou moito menos de 2.000 habitantes.
OURENSE, A QUE SAE PEOR PARADA; PONTEVEDRA, A QUE MELLOR RESISTE
Se facemos un desglose por provincias, na provincia da Coruña, no ano 2022 houbo un total de 18 concellos dos que marcharon máis persoas das que chegaron: Boqueixón, Cabana de Bergantiños, A Capela, Cedeira, Cerdido, Corcubión, Dumbría, Lousame, Mañón, Mesía, Muros, A Pobra do Caramiñal, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Rois, Santiso, Toques e Touro. No 2023, foron 17 os municipios que recibiron menos persoas das que se foron: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Dodro, Dumbría, Frades, Lousame, Mañón, Mesía, Muxía, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Vedra e Cariño. Como se pode observar, hai entre estes 6 concellos que encadean dous anos consecutivos atraendo menos poboación da que perden: Cabana de Bergantiños (4.098 habitantes), Dumbría (2.776), Lousame (3.099), Mañón (1.223), As Pontes de García Rodríguez (9.782) e Rianxo (10.748). Todos eles son concellos de menos de 10.000 habitantes, agás Rianxo.
No caso da provincia de Lugo, no ano 2022 houbo 15 concellos que perderon veciños e non foron quen de subsanar a perda coa chegada de novos habitantes: Abadín, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Guitiriz, Guntín, As Nogais, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Ribas de Sil, Triacastela, O Valadouro e O Vicedo. Mentres que no 2023 esa mesma situación vivírona 14 municipios: Antas de Ulla, Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, Xermade, Guitiriz, As Nogais, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín e Triacastela. Así, nesta provincia hai 5 concellos que encadean dous anos consecutivos de atracción de habitantes máis baixa que a perda: Cervantes (1.187 habitantes), Guitiriz (5.122), Paradela (1.591), Pedrafita do Cebreiro (898) e Triacastela (609). Só Guitiriz supera os 5.000 habitantes, mentres que todos os demais están moi por debaixo dos 2.000.
Pasando á provincia de Ourense, no 2022 houbo nela ata 17 municipios dos que marcharon máis persoas das que chegaron vivir: Baltar, Beade, Beariz, Os Blancos, A Bola, Carballeda de Valdeorras, Cenlle, Xunqueira de Espadanedo, Laza, Leiro, Montederramo, Paderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Sandiás e Trasmiras. E xa no 2023 esa cifra incrementouse ata os 28 concellos con maior perda de habitantes que recepción de novos veciños: A Arnoia, Baltar, Boborás, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Castrelo de Miño, Entrimo, Triacastela, O Irixo, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Maceda, Manzaneda, Montederramo, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Sandiás, Sarreaus, A Teixeira, Toén, A Veiga, Vilardevós e Vilariño de Conso. Deste xeito, un total de 7 concellos non foron quen de atraer a máis veciños dos que se foron durante dous anos consecutivos: Baltar (853 habitantes), Carballeda de Valdeorras (1.341), Triacastela (609), Xunqueira de Espadanedo (673), Montederramo (670), Padrenda (1.534) e Sandiás (1.113). Todos eles son concellos que están moi por debaixo dos 2.000 habitantes.
E xa na provincia de Pontevedra, no ano 2022 houbo 6 municipios dos que marchou máis xente da que chegou: Covelo, Moaña, Mos, Portas, Rodeiro e Valga. No 2023 a cifra incrementouse ata chegar aos 9 concellos dos que marcharon máis persoas das que entraron: Baiona, Bueu, Campo Lameiro, Dozón, As Neves, Oia, Portas, Pontecesures e A Illa de Arousa. Agora ben, só un concello de todos os citados mantivo esa maior emigración que inmigración os dous anos consecutivos: Portas (2.781 habitantes). Trátase do concello da provincia con menor número de habitantes, baixando xa dos 3.000.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.