Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2025 | Actualizada ás 15:52
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou que "Galicia quere estar na primeira poxa de megawatts de eólica mariña" que convoque o Goberno central. Durante a súa intervención na xornada 'Enerxías mariñas, unha grande oportunidade para Galicia', organizada polo clúster de enerxías renovables Cluergal en Ferrol, Fernández Vila advertiu de que non participar nesta primeira poxa suporía para Galicia "perder unha oportunidade única" para situarse "á vangarda desta tecnoloxía".
O pasado martes, a comisión de agricultura do Congreso, co voto en contra do PSOE e o apoio de Sumar, aprobou unha proposición non de lei do BNG que pide ao Executivo aprazar o desenvolvemento do decreto que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de instalacións situadas no mar ata que se coñeza o impacto que poden ter a nivel ambiental, paisaxístico e turístico.
A paralización dos proxectos de enerxía eólica mariña vén sendo unha reivindicación do Bloque desde que se aprobou o decreto en 2024 aínda con Teresa Ribeira como ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o director xeral asegurou este martes que a postura do Goberno galego é coherente coa defensa que mantén dunha eólica mariña compatible coa actividade pesqueira.
"Defender esta postura non está en contra do que levamos meses e anos dicindo: que debemos desenvolver a eólica mariña garantindo a coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coas actividades existentes", incidiu. Fernández Vila resaltou o potencial da eólica mariña para "traccionar toda a cadea de valor da industria, atraer riqueza, xerar postos de traballo e investimentos". Así mesmo, sinalou a posibilidade de "xerar sinerxías coas actividades preexistentes como o sector pesqueiro", sempre mantendo o rigor técnico.
ATRASOS
O director xeral lamentou "case tres anos de atraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña" en España, tras a aprobación en 2023 dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e o posterior decreto que regula a produción de enerxía eléctrica no mar. Respecto diso, lembrou que este decreto non tivo en conta as alegacións presentadas pola Xunta, acordadas no seo do observatorio de eólica mariña de Galicia, que solicitaban compensacións para os sectores afectados e unha maior ponderación dos criterios sociais e ambientais na baremación para outorgar os dereitos de tramitación dos proxectos.
CRÍTICAS DO PPdeG AO BNG
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou a "demagoxia e incongruencia" do BNG respecto ao sector eólico e sinalou que "os que agora se presentan como máximos defensores do ecoloxismo, son os mesmos que se vían beneficiados polo concurso eólico do Goberno bipartito". Nunha rolda de prensa celebrada este venres en Compostela, o popular denunciou que "aqueles que se beneficiaban", son os mesmos que actualmente "protagonizan moitas das demandas que se presentan contra proxectos eólicos que se queren implantar neste momento en Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.