Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2025 | Actualizada ás 13:33
A asociación ecoloxista ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) presentou hoxe no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza 1.415 solicitudes de arquivo do expediente de tramitación da concesión de augas do río Ulla para a macrocelulosa de Altri e Greenalia en Palas de Rei, por incumprir os prazos legais de resolución.
Este rexistro masivo tivo lugar o día no que se fai un ano desde a data límite legal (30 de maio de 2024) na que Augas de Galicia debera ter arquivado o expediente de solicitude de concesión de Altri por ter excedido o prazo máximo de resolución, entendéndose desestimada. Malia a ter transcorridos os 18 meses de prazo máximo que fixa o Regulamento de Dominio Público Hidráulico para resolver os expedientes de concesión, Augas de Galiza persiste en manter en trámite o procedemento administrativo derivado da solicitude de Altri para a captación de 46.000 m3/día de auga do río Ulla con destino ao uso industrial na macrocelulosa de Palas de Rei.
As irregularidades na tramitación da concesión de augas provocaron unha manchea de críticas e animaron a milleiros de persoas e entidades galegas a subscribir nos últimos meses a solicitude de arquivo do expediente de augas impulsada por ADEGA. Ao acto público de rexistro das solicitudes tamén acudiron representantes dalgunhas das entidades que colaboraron con ADEGA na recompilación dos escritos dirixidos a Augas de Galiza. Así, estiveron presentes voceiros da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), da CIG, e dos Grupos Vivos organizados en torno á defensa do Ulla nas localidades de Compostela e comarca, Santiso, Agolada, Palas de Rei, Arzúa, do Baixo Ulla, entre outros, aos que ADEGA dirixiu un agradecemento expreso que fixo extensíbel a todas as persoas que participaron nesta campaña de sinaturas.
XUDICIALIZACIÓN
A concesión de augas é un dos trámites administrativos da factoría que aínda fican por resolver por parte da Xunta para autorizar a macrocelulosa de Greenfiber, e ten unha especial importancia para o proxecto. "O outorgamento da concesión de augas é imprescindíbel para que o proxecto de Greenfiber sexa viábel xa que sen auga, non hai celulosa, pois é un elemento esencial no proceso industrial de fabricación de pasta de papel", destaca ADEGA.
De feito, e dada a relevancia que a concesión de augas ten para a macrocelulosa de Altri-Greenalia, a asociación ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa da Ría de Arousa (PDRA) rexistraron hai 15 días un recurso de alzada contra a desestimación por silencio administrativo de Augas de Galicia da solicitude de arquivo do expediente. O recurso de alzada é o paso previo á interposición de recurso contencioso-administrativo contra Augas de Galicia no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que se fará efectivo en caso de que a Xunta non acceda a arquivar o expediente de augas nos próximos dous meses.
ADEGA, PDRA, CIG e os Grupos Vivos reunidos diante do rexistro da Xunta apelaron á cidadanía galega a participar na mobilización deste domingo, 1 de xuño, que terá lugar en Pontevedra baixo o lema “Nin Ence na Ría, nin Altri na Ulloa”.
PODEMOS
Por outra banda, Podemos Galicia e Alianza Verde rexistraron unha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Asuntos Exteriores solicitando a intervención da Delegación Permanente de España ante a UNESCO contra o proxecto de Altri.
Denuncian que os únicos informes son a Avaliación de Impacto Patrimonial (EIP) encargada pola empresa GREENFIBER S.L., que “loxicamente”, é favorable, e o informe favorable subseguinte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia asinado pola entón Directora Xeral, hoxe dimitida, realizado só sete días despois da data da EIP.
"Analizados por numerosos expertos en patrimonio mundial, constátase que tanto a EIP presentada pola propia empresa como o Informe subseguinte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, non ofrecen garantía algunha de obxectividade nin de protección patrimonial do Camino de Santiago, nin da súa zona de amortecemento. E moito menos do patrimonio da contorna territorial próxima", critican as entidades nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.