Por Galicia Confidencial | Allariz | 27/05/2025 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz vén de adherirse á Rede de Cidades que Camiñan, unha asociación internacional sen ánimo de lucro aberta a entidades locais e outras administracións públicas, centrada en despregar políticas de mobilidade urbana nas que as persoas peonais sexan as protagonistas.
"CAMIÑABILIDADE E METROMINUTO"
No compromiso pola mobilidade peonil gaña importancia o concepto de “camiñabilidade”, entendido como a capacidade da poboación para se desprazar a pé polos diferentes espazos do territorio, poñendo o foco, por tanto, na accesibilidade e na seguridade dos vieiros municipais.
Grazas á participación de Allariz na devandita Rede poderase elaborar un metrominuto, mapa deseñado cos elementos visuais dos planos de metro e adaptado á realidade do concello. Este gráfico lexendado incluirá lugares de referencia do casco urbano, así como a distancia e o tempo aproximado que se tarda en chegar a eles camiñando.
Ademais do anterior, Allariz poderá gozar doutros servizos que ofrece a propia Rede. Entre eles destacan o asesoramento técnico, a realización de actividades formativas e a difusión de boas prácticas en mobilidade urbana por parte das entidades membro desta asociación internacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.