Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2025 | Actualizada ás 13:15
As sete cidades galegas, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Ferrol, continuarían cos seus alcaldes actuais se se celebrasen agora as eleccións municipais, segundo a enquisa elaborada por Sondaxe e publicada este domingo por 'La Voz de Galicia'.
Nos próximos comicios municipais, que se celebrarán en maio de 2027, os socialistas revalidarían mandato en Lugo, A Coruña e Vigo. Así, na cidade olívica o PSOE obtería un 58,7% dos votos, o que lle concedería 18 edís --un menos que en 2023--. Con todo, a maioría absoluta do alcalde, Abel Caballero, non se vería afectada. Pola súa banda, o PP manteríase como segunda forza política e o BNG tería catro concelleiros, fronte aos tres actuais.
Na Coruña, o PSOE perdería un concelleiro, que cedería ao BNG que gañaría 3,3 puntos en estimación de voto con respecto aos anteriores comicios municipais. Nese contexto, os socialistas, --que gobernan en minoría-- para manter o bastón de mando necesitarían ao BNG. Pola súa banda, os populares crecería en estimación de voto e situaríase no 39,7%, pero mantería os seus 12 concelleiros.
Na capital galega, o BNG sobe en intención de voto e obtería un concelleiro máis --pasaría de seis a sete--, que arrebataría ao PSOE. Santiago é a cidade galega onde máis baixan os socialistas, 3,8 puntos con respecto ás anteriores eleccións, un escenario marcado pola crise derivada da expulsión de catro concelleiros.
Así, en Santiago o BNG sería a forza que máis crece e o PP, liderado por Borja Verea, aínda que sobe en intención de voto, mantería os mesmos concelleiros (11).
En Lugo, o actual bipartito PSOE-BNG podería seguir gobernando. Os socialistas perderían un concelleiro que recollerían os nacionalistas que soben 3,2 puntos con respecto aos anteriores comicios, sendo o partido cun maior aumento. Pola súa banda, os populares só soben unha décima en estimación de voto e manterían os seus 12 concelleiros.
En Pontevedra a situación manteríase igual que nas municipais de 2023. O actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que xa anunciou que encabezará as listas do BNG, repetiría o mesmo resultado --9 concelleiros e subiría un 1,3 en intención de voto--. Pola súa banda, os socialistas manterían os seu cinco edís e os populares serían o partido que máis sobe en apoios (2,1 puntos con respecto a 2023), pero tería os mesmos edís (11).
Polo que respecta a Ferrol, os populares, con José Manuel Rey Varela á fronte, manterían a súa maioría absoluta e soben 2,3 puntos en intención de voto. Todo iso, nun contexto no que o PSOE gañaría un concelleiro, pasando de sete a oito, que arrebataría a Ferrol en Común (que quedaría cun edil) e o BNG seguiría cos seu tres concelleiros.
En Ourense, Democracia Ourensá, o partido do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sería o máis votado, mantería os seus 10 concelleiros pero baixaría en estimación de voto --pasando do 33,7%, ao 32,2%--. Na cidade das Burgas a situación sería moi similar á dos últimos comicios municipais, cun único cambio: os socialistas perderían un concelleiro que gañaría o BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.