O BNG sobe unha décima en estimación de voto no último barómetro do CIS tras o 'caso Cerdán'

Mantén ao PSOE como primeira forza, aínda que só medio punto por encima do PP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/07/2025 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O Barómetro de Opinión do mes de xullo realizado polo CIS, tras o ingreso en prisión do ex secretario de Organización socialista Santos Cerdán, amosa unha lixeira suba do BNG ata o 0,7% en estimación de voto. O estudo mantén ao PSOE como primeira forza política cun 27%, só medio punto por encima do PP, que se sitúa no 26,5%. A enquisa baséase en 4.018 entrevistas realizadas entre o 1 e o 7 de xullo en 1.138 municipios de España, xusto despois do ingreso de Cerdán e tras o congreso nacional do PP.

Barómetro electoral de xullo de 2025 do CIS. EPDATA
Barómetro electoral de xullo de 2025 do CIS. EPDATA | Fonte: Europa Press

A sondaxe revela que, en voto directo, o PP supera ao PSOE, cun 18,8% fronte ao 18,3%, pero un 17,2% dos entrevistados aínda non decidiu o seu voto, e un 5,5% prevé absterse. A estimación do PSOE (27%) é a máis baixa desde abril de 2018, cando figuraba como terceira forza. Pola súa banda, o PP tamén experimenta unha caída, ata o 26,5%, a súa peor porcentaxe da lexislatura, o que reduce a diferenza entre ambos a só cinco décimas, un empate técnico segundo o CIS.

Vox sobe notablemente ata o 18,9%, a súa mellor cifra nas sondaxes do CIS e moi por riba do 12,3% conseguido nas xerais de 2023. Políticamente máis pequenas, Sumar mellora ata o 7,8%, a súa mellor marca desde setembro, mentres que Podemos crece lixeiramente ao 4,4%, a súa cifra máis alta da lexislatura. A diferenza entre dereita e esquerda amplíase a favor da primeira, cun 45,4% que suman PP e Vox fronte ao 39,2% da esquerda.

No ámbito dos partidos territoriais, o barómetro mostra unha subida de ERC ao 2,1%, mantendo a súa vantaxe sobre Junts, que se mantén no 1%. No País Vasco, Bildu continúa por diante do PNV, aínda que perde dúas décimas, mentres que o PNV sube ao 0,8%. O BNG alcanza o 0,7% e Coalición Canaria o 0,2%. En canto aos líderes políticos, Pedro Sánchez segue sendo o máis valorado cunha media de 3,99, aínda que baixa respecto a xuño, mentres Feijóo mellora ata 3,83.

Finalmente, Sánchez continúa sendo o líder favorito para presidir o Goberno cun 22,5%, aínda que perdeu algo de apoio, seguido por Feijóo, que mellora ao 11,4%, e Santiago Abascal, que sube ao 11,3%. A confianza no presidente do Goberno é maior que na do líder do PP, con 25,1% fronte a 20,8%, aínda que a porcentaxe de desconfianza cara a Feijóo é maior (78,1%) que cara a Sánchez (73,6%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta