Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 25/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Apenas un zunido, unha ferida invisible na copa dunha árbore, e a historia dunha casa pode comezar a morrer. En Galicia, as palmeiras fai tempo que deixaron de ser só ornamento: son memoria viva en moitos fogares, sentinelas do pasado. Cada unha, plantada en xardíns e prazas, garda segredos familiares, veráns lentos, fotos antigas. Medraron xunto a nós, como un membro máis da familia, testemuñas de xeracións. Pero hoxe esas siluetas que recortan o ceo corren un grave perigo, devoradas dende dentro por un inimigo silencioso que, a onde chega, non perdoa, facendo que as súas follas caian como plumas vencidas, mentres a palmeira, alta e nobre, se convirte nunha ruína vertical que xa non dá sombra, nin abrigo, nin historia. O picudo vermello, un escarabello invasor chegado dende Asia, expandiu o seu reino dende Ferrol ata Pontevedra, e semella que xa ninguén o pode deter... Ou si?
"A xente chámanos preocupada polas súas palmeiras", asegura José Antonio, xerente e responsable técnico da empresa Sergal, especializada en control de pragas. Como nos conta, "moitas familias deixaron de ver as palmeiras coma unha simple árbore porque foron plantadas polos seus antepasados, dende os seus pais ata os seus avós, e hai exemplares que levan máis de 100 anos en moitos fogares, polo que a xente non quere perdelos". E é que a expansión do picudo foi implacable. Aínda que chegou a España hai cousa de 20 ou 25 anos, o seu avance viuse reforzado pola globalización. "Como acontece con moitísimas outras pragas, o tema da globalización ten estas vantaxes e estes inconvintes", sinala José Antonio, que lamenta que "aínda que hai países que contan con protocolos de trazabilidade moi estritos tanto na saída como na entrada de envíos, entre as mercadorías poden chegar pragas, e o picudo é un bo exemplo diso, ao igual que aconteceu tamén coa velutina".
Durante a pandemia paralizáronse os avisos para tratar as palmeiras infestadas, pero dende hai un par de anos as chamadas non pararon de aumentar, o cal "é lóxico tendo en conta que cada vez hai máis palmeiras afectadas". Por desgraza, a alarma adoita soar tarde. "Nun comezo, cando a xente ve que as follas dunha das tres ou catro palmeiras que teñen na casa comezan a murchar, hai persoas que non lle dán maior importancia, ata que realmente se dán conta de que está practicamente morta e de que as demais tamén comezan a estar afectadas, pero claro, canto máis afectada estea unha palmeira, máis difícil é de rescatar cando deciden poñerlle remedio", explica o xerente e responsable técnico de Sergal. Afortunadamente, celebra que a día de hoxe si existen tratamentos, máis ou menos complexos en función de se a palmeira xa está afectada ou aínda non. José Antonio detalla: "En función da evolución da palmeira, procederemos a tratala dunha maneira ou doutra". Ese tratamento aplícase no momento en que o picudo se atopa máis activo, coincidindo co comezo da primaveira ou o outono.
"NO CONTEXTO ACTUAL DE EXPANSIÓN DA PRAGA, O NORMAL É QUE ATA UNHA PALMEIRA TRATADA VOLVA SER ATACADA SE NON SE FAI UN MANTEMENTO"
Así, sinala que "a maneira máis xeralizada de tratala é aplicando un tratamento foliar, que consiste en aplicar un insecticida pulverizado sobre a copa da árbore". Se a situación é máis grave, habería que recorrer á endoterapia: "Inxectas un fitosanitario nos vasos condutores da palmeira, do mesmo xeito que se che metesen un medicamento en vea". Iso tamén debería apoiarse coas duchas foliares. E, no caso de que o picudo xa fixese mella na palmeira, non quedaría máis remedio que operar: "A cirurxía consiste na retirada das zonas afectadas, sacando aqueles brazos que están infestados e, a partir de aí, aplicar o tratamento correspondente", concreta José Antonio. En calquera caso, o procedemento de prevención e sanación non é barato nin doado. Para abaratar custos, Sergal investiu en equipos de aplicación que rondan os 7.000 ou 8.000 euros, unha contía moi elevada pero que permite aforrar tempo e, mesmo ás veces, cartos: "Cun bo equipo podemos tratar tres palmeiras nunha hora, por exemplo, e se eu cobro 15 euros por hora, por dicir algo, eses cartos repartidos entre tres palmeiras tratadas son só 5 euros por cada una".
Unha vez feito o tratamento, o mantemento da palmeira tampouco é sinxelo. "Cando rematas un tratamento podes garantir un período de efectividade do produto aplicado determinado e, a partir dese tempo, a palmeira volverá quedar desprotexida fronte ao picudo", advirte José Antonio. E é que, como indica, hai dous factores que entran en xogo na protección da palmeira: un é o efecto residual do sanitario --"como tomarse unha vacina que te protexe durante un ano, pero que debes reforzar ao seguinte"--; e outro é o avance do picudo como tal, xa que, "ao ser un ser vivo, móvese, polo que esa palmeira que foi tratada pode pasar en perfectas condicións un ano máis porque non hai moito picudo na zona pero, ao seguinte, volver ser atacada". "Pode pasar un ano ou dez, pero nas circunstancias actuais nas que nos atopamos, o normal é que volve ser atacada, porque cada vez a poboación de picudo aumenta máis", asegura. É por iso que insiste no tema da prevención. "Isto é como saír da casa facendo sol pero levar un paraugas porque en Galicia nunca se sabe se máis tarde pode chover; sempre é mellor previr que curar", resalta.
"CANDO COMEZAMOS A RECIBIR AS PRIMEIRAS CHAMADAS SOBRE A PRESENZA DE PICUDO VERMELLO EN PALMEIRAS, PENSABAMOS QUE ÍA AVANZAR MÁIS LENTO"
Cando comezaron a traballar con esta praga, cando lle chegaron os primeiros avisos e peticións de tratamento contra o picudo vermello, en Sergal non imaxinaban nin de lonxe que a súa expansión sería tan rápida. "Pensabamos que ía avanzar máis lento do que está avanzando", admite José Antonio, xustificando esta crenza no carácter estacionario da praga e en que a maioría das palmeiras galegas están na cornixa atlántica, mentres que no interior as que hai son poucas e están dispersas. Ao darse conta da complexidade do problema ao que se estaban enfrontando, lembra que mandaron aos seus técnicos a formarse a Elche, onde se atopa o maior palmeiral de Europa. Ademais, dende as empresas que lles proporcionan os tratamentos tamén lles deron a formación correspondente para usalos axeitadamente. Así as cousas, hoxe por hoxe os servizos de Sergal son requiridos tanto por parte de institucións como de particulares. "Traballamos para calquera que nos chame", asegura José Antonio.
Agora ben, esta loita é moi desigual, pois mentres os picudos vermellos seguen avanzando, moitas familias aínda non saben que a súa historia, esa que medra á sombra dunha palmeira, está en serio risco de perdurar no tempo. As árbores morren en silencio, pero con eles morre tamén un cacho da paisaxe, da memoria, do fogar... En cada palmeira que cae, rómpese un vínculo co vivido, co herdado, co que semellaba ser eterno. E, aínda que como vemos, os tratamentos existen, non todos os propietarios saben como nin cando actuar, ou simplemente non son quen de asumir o seu custo. Así as cousas, a prevención, como adoita acontecer con moitas outras cousas, é o mellor remedio. Se non se toma en serio o problema, o que algunha vez foi un símbolo de resistencia ao paso do tempo, podería converterse nunha vítima máis da globalización, deixando cando xa non estea entre nós o eco daquilo que unha vez foi.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.