Carpintaría de ribeira II: a madeira como materia prima e as velas como colofón final

Desde a fraga ata a ribeira, a carpintaría tradicional galega conversa coa natureza para dar vida a embarcacións únicas. Un oficio antigo no que cada barco respira memoria, vento e man.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai oficios que nacen da necesidade e outros que medran en sabedoría, pero poucos que, como a carpintaría de ribeira, pertenzan ao territorio do simbólico. Porque cada barco non é só unha ferramenta de traballo ou un medio de transporte: é tamén un ser que respira salitre, que sabe do vento e que nace da man dun artesán que, sen fórmulas exactas, constrúe coa intuición herdada e a experiencia do tempo. Nun recuncho da costa galega, entre o salitre que se crava na madeira e o eco do mar nas pedras, pervive o oficio que resiste o paso dos séculos. A carpintaría de ribeira é máis ca unha técnica: é unha linguaxe ancestral. A linguaxe da madeira que se curva ao ritmo do formón, da serra que canta coma un vento antigo, do martelo que marca compases sobre a cuberta. Aquí, preto da beira do mar, nacen embarcacións únicas, feitas a man, cun coñecemento que non colle nun manual: hai que velo, tocalo, repetir mil veces o mesmo xesto ata entendelo...

Velas tradicionais da costa galega nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira
Velas tradicionais da costa galega nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira | Fonte: GC - Museo do mar de Rianxo

DA FRAGA Á CARPINTARÍA: A VIDA SECRETA DA MADEIRA COA QUE SE FAI O BARCO

Non hai embarcación sen bosque. Antes de que o serrado se converta en quilla e a cuberta coñeza a salitre, hai unha viaxe silenciosa que comeza na fraga. O carpinteiro de ribeira non só traballa coa madeira: conversa con ela dende que está en pé, dende que é árbore. Para a obtención da madeira e a adecuación da mesma para construír un barco séguense varios procesos básicos, que son de grande importancia para construír a mellor embarcación posible. Construír un barco non comeza co serrado, senón ca mirada:

  • Selección das árbores adaptadas ás pezas: O carpinteiro sobe ao monte coma quen busca unha mensaxe oculta nas curvas das pólas. Percorre a fraga coa paciencia de quen sabe que a natureza xa fixo parte do traballo: a póla curva que será codaste, o tronco recto que servirá para a quilla, a madeira con nervo que resistirá a treboada. Visitar o monte para observar as formas de troncos e pólas do tamaño e figura desexadas permite elixir as árbores máis axeitadas. Posto que a lancha necesita tanto pezas rectilíneas como curvilíneas de determinadas formas, o carpinteiro debe localizar de antemán as árbores que se acomoden ás formas que precisa e que, ademais, reúnen boas calidades.
  • A corta, no outono ou no inverno: Este é un paso transcendental, xa que a corta debe facerse nunha época determinada do ano para garantir a súa duración e calidade. A corta realízase nos derradeiros meses de outono e inverno, nese limiar silandeiro. Isto é importante porque, unha vez abatida a árbore, a seiva atrae insectos e fungos que deterioran a calidade da madeira e ocasionan un proceso de fermentación que a apodentraría. Ademais débese escoller a época de lúa en minguante e cara á caída da tarde, preferentemente. A elección do momento é unha sabedoría antiga, transmitida de xeración en xeración.
  • O curado e o secado, madeira de calidade: Abatidos os troncos, estes non se converten de inmediato en pezas, pódense curar ou deixalos secar ata que consigan un punto óptimo para a construción da embarcación. Outra opción é a de empregar en certas partes a madeira 'verde', que é a que non está suficientemente curada e secada aínda. Loxicamente, a madeira, canto máis curada estea, mellor será a súa calidade. Por esta razón, nos grandes estaleiros deixábanse os paus en remollo no mar durante moito tempo. Outra maneira de usar parcialmente esta madeira de excelente calidade era reciclar partes doutras embarcacións despezadas ou a leña de naufraxios, a leña de derivas que o mar botaba ás praias, chamada madeira de 'querbaso', regalada polas ondas.
  • O despece, aproveitando o tronco: Do tronco poden obterse pezas dereitas ou de volta. Ademais daquelas pezas que aproveitan grande parte do tronco, este pode dar varias pranchas. Tradicionalmente as cortas facíanse con serras de dous tipos: a de aire e a portuguesa. A primeira, tamén chamada tronzador de aire, ten unha folla distinta do tronzador convexo; e a segunda está montada nun bastidor e ten unha folla máis estreitiña. As dúas son de fío transversal que se accionan sobre o tronco colocado nun cabalete e sempre coa parte curvada deste para arriba. Ao serrar, o carpinteiro decide que parte servirá para que uso: cerne ou albura, dereita ou curva. Cada corte é unha decisión técnica e estética.

A MADEIRA TAMÉN FALA: DISTINTAS ESPECIES PARA DISTINTOS USOS

Non todas as madeiras falan o mesmo idioma mariñeiro. A carpintaría de ribeira usaba, no posible, materias primas locais para a construción das embarcacións. Entre estas, a madeira é a base do proceso construtivo, utilizando diferentes especies para cada unha das pezas da embarcación. Outro tipo de materiais eran os cravos: existían diversos tipos de cravos que se empregaban segundo as pezas que cumpría unir. Xunto coa estopa, a brea e, máis recentemente, as diversas pinturas, conforman o conxunto de materias primas da carpintaría de ribeira. O carpinteiro de ribeira obtén a madeira do tronco da árbore atendendo a características especiais, das súas cañotas ou pólas. Selecciona cada árbore e tipo de madeira e, ao serrala, ten en conta as súas características en función da peza do barco para a que se vaia dirixir o material:

Velas tradicionais da costa galega nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira
Velas tradicionais da costa galega nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira | Fonte: GC - Museo do mar de Rianxo
  • Carballo: Especie de crecemento lento: ten unhas calidades de dureza e resistencia á podremia que fan da súa madeira a máis idónea para certas partes do barco que requiren un alto grao de fortaleza e resistencia como o conxunto quilla-roda-codaste e as cadernas. Basicamente correspóndense con dúas especies botánicas: o carballo e o rebolo ou cerquiño.
  • Piñeiro: Madeira flexible que se adapta moi ben ás formas da embarcación e posúe unha boa durabilidade cando está somerxida ou húmida permanentemente. Úsase na carpintaría de ribeira principalmente para forro e cuberta das embarcacións. Basicamente correspóndese co piñeiro bravo ou do país e co piñeiro manso. Tamén se usa o piñeiro de Monterrei.
  • Sobreira: Empregada só ocasionalmente, caracterízase pola súa casca grosa, que é a que dá o cortizo.
  • Castiñeiro: Usouse esporadicamente na carpintaría de ribeira.
  • Eucalipto: Especie orixinaria de Australia que se utilizou na construción naval como substituto do carballo en certas pezas como a sobrequilla e a quilla, escollendo moito a súa calidade dado que non é unha madeira de calidade tan excelente. Tamén se usa no emparrado das bateas.

CANDO O VENTO ERA MOTOR: AS VELAS TRADICIONAIS

Durante séculos, o vento foi o corazón que impulsaba as embarcacións galegas. Chámase aparello vélico á vela ou conxunto de velas que ten unha embarcación. Poden ser de varias clases e tamaños, e nas embarcacións máis pequenas combinouse este medio de propulsión con outros medios como o remo ou, xa máis recentemente, o motor. O tipo de vela máis usada polas embarcacións tradicionais galegas foi a vela ao terzo ou de relinga.

  • As velas ao terzo eran unha adaptación á nosa costa: As velas ao terzo evolucionaron dende a vela cadrada, desprazando cara atrás o seu centro vélico, e a vela de relinga que evolucionou inclinando o mastro para navegar con ventos fortes. A súa orixe está na particular evolución da vela cadrada no século XVIII. Desprazando a súa cruz un terzo avante e o mastro un pouco para atrás, o centro vélico sitúase máis atrasado e así aumenta a súa capacidade de bolinear, navegar de cinguida ou á máis, é dicir, co vento de proa.
  • A vela mística aumenta a capacidade de navegar cinguida: A vela ao terzo ten outras adaptacións para poder navegar mellor co vento de proa. Unha é o puño da relinga de avante que se afirma á roda e a outra é a vara de portar, un pau que tensa a relinga de avante, forzando á vela a abrirse máis. Nas embarcacións galegas a pica ten tres buracos, o que permite que o mastro se poida inclinar case ata 45º, coma no trincado. Esta outra característica propia das velas de relinga galegas permitíalle navegar con ventos moi fortes.

REMO E MOTOR: DA FORZA DO BRAZO Á FORZA DO COMBUSTIBLE

Pero non sempre sopra o vento. E é entón, nesa calma queda, onde entra en escena a forza humana, cos remos. A maioría das embarcacións tradicionais navegan preferentemente a vela, pero tamén poden facelo a remos, utilizándoos maioritariamente nas manobras de pesca. Remar é vogar cara á popa, ou cear cara á proa. Co tempo, tamén o motor chegou aos portos galegos, mudando formas de navegar e costumes. Isto obrigou a realizar modificacións na construción dos barcos na súa popa e precipitou tamén a desaparición dalgunhas embarcacións por non poder adaptarse aos novos tempos e á inclusión desta máquina.

  • Os remos, a forza humana: Nas embarcacións pequenas os remos son o principal medio de propulsión, nas demais utilizábanse nas manobras de pesca, nas que non interviña apenas o aparello vélico. Os remos teñen dúas partes: o guión e a pa. Para o seu funcionamento articúlanse sobre o tolete, ou na remadoira, á que se unen por estrobos. O xeito máis común de remar é mirando cara á popa, vogar, pero tamén se pode facer mirando cara á proa ou vogando de puxo. Cando reman avanzando cara á popa chámase cear.
  • Embarcacións adaptadas para levar motor: O motor nas embarcacións tradicionais obrigou a adoptar outro tipo de popa no que había que deseñar un espazo onde iría aloxado o hélis e o vano do hélis. Optouse polo modelo cántabro-biscaíño da traiñeira en baixura, substituíndo a lancha de relinga. No caso das embarcacións de transporte non houbo ruptura e o modelo galeón continuou usándose, metéuselle un motor intraborda apenas modificando unha popa cortada. Para as embarcacións máis pequenas o motor foraborda adaptouse na popa cun taco, o que fixo cambiar un pouco a dorna, ou abríuselle nela un pozo, como foi na gamela coruxeira. Os motores usados nas embarcacións tradicionais eran diésel ou semi-diésel de baixa potencia, tamén coñecidos como motores de cabeza quente.

Madeira empregada nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira
Madeira empregada nas embarcacións feitas en carpintarías de ribeira | Fonte: GC - Museo do mar de Rianxo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta