Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2025 | Actualizada ás 16:36
Máis de vinte persoas, a maior parte estudantes, traballan desde onte luns na terceira campaña de escavación do castro de Esmelle coordinadas polo profesor de Historia Antiga do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luís Montero Fenollós, e polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Samuel Nión.
Trátase dunha das actividades que forman parte do programa da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que impulsan a Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol.
Ata o 1 de agosto, o equipo volverá actuar neste castro que, xunto cos de Santa Comba e Lobadiz, ambos os costeiros, permiten entender a ocupación do territorio occidental do municipio na Idade do Hierro.
Nesta ocasión, os traballos centraranse en tentar completar a escavación do sector da porta do castro e en sacar á luz unha casa castrexa situada na croa. Ademais, se non hai imprevistos, en setembro comezarase a consolidación e restauración da zona de acceso ao castro para que poida visitarse.
Nas campañas anteriores, de 2022 e 2023, as intervencións puxeron o foco nas construcións entre a muralla da croa e a segunda liña de muralla do castro, un sistema do que Fenollós e Nión, director científico e técnico do proxecto, respectivamente, destacan pola súa complexidade. Nesas campañas tamén se descubriu un camiño empedrado en moi bo estado.
O día 31 haberá dúas visitas guiadas gratuítas que sairán desde a Asociación de Veciños Val de Esmelle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.