(Vídeo) O segredo da Lúa: historia soterrada dun castelo en Rianxo

Entre a brétema da ría e o rumor das pedras antigas, o Castelo da Lúa garda na súa ruína os ecos dun pasado de poder, loitas nobiliarias e vida cotiá esquecida.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 13/07/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Nun recuncho discreto da paisaxe atlántica, onde o mar se volve espello de brétemas e memorias esquecidas, hai unha vila que agocha segredos entre as pedras e os ventos salgados. Rianxo, antigo porto de mariñeiros e cantores, respira historia en cada esquina, máis tamén garda no seu corazón un segredo de pedro, herba e silencio. Poucos o saben, pero alí onde hoxe medran árbores e bulen os ecos da vida cotiá, dorme o esquelete dun tempo remoto, cheo de intrigas, loitas e símbolos de poder.

Así tería sido o Castelo da Lúa, en Rianxo
Así tería sido o Castelo da Lúa, en Rianxo | Fonte: Forega

Entre paseos de granito e casas con galerías que miran cara o mar, poucos se imaxinan que no alto do núcleo urbano repousan os cimentos dun dos castelos máis antigos e importantes da comarca do Barbanza: o Castelo da Lúa. O seu nome, envolto en misterio, alude quizáis ao reflexo plateado que a lúa deixa sobre a ría, aínda que outros apuntan ao seu posible vencellamento cunha familia nobiliaria. Construído no século XIII, o castelo foi unha peza estratéxica dentro da rede defensiva costeira de Galicia, vencellado ao señoría dos Mariño de Lobeira e, posteriormente, aos Soutomaior. Dende a súa altura dominaba non só o tráfico marítimo que entraba pola ría de Arousa, senón tamén a vida política, xudicial e relixiosa da zona. 

OS MARIÑO DE LOBEIRA: OS PRIMEIROS SEÑORES DOCUMENTADOS

A familia Mariño de Lobeira é unha das máis antigas e poderosas do Reino de Galicia, e tamén están identificados como os primeiros señores do castelo. Procedentes dunha longa estirpe vencellada á nobleza de orixe medieval, atribúeselles a construción ou, alo menos, a consolidación do castelo no século XIII. Nesta época, o castelo formaba parte dunha rede defensiva vencellada á ría de Arousa e ao control do comercio marítimo e as rutas interiores cara Santiago e Noia.

Os Mariño eran señores xurisdiccionais: administraban xustiza, cobraban impostos, outorgaban permisos de pesca e supervisaban as terras agrícolas da contorna. Movíanse entre Rianxo, Santiago, Padrón e outras localidades próximas. En moitos documentos aparecen como mecenas de igrexas ou litigantes fronte a outras linaxes polo control de terras, rendas ou parroquias. Sábese, por exemplo, que no século XIV algúns membros da linaxe participaron en conflitos nobiliarios que afectaron directamente ao castelo, e que os Mariño aliáronse ou enfrontáronse con outros poderosos da zona, como os Traba ou os Moscoso.

Ruínas do Castelo da Lúa, en Rianxo
Ruínas do Castelo da Lúa, en Rianxo | Fonte: Turismo de Galicia

O SALTO AOS SOUTOMAIOR: PEDRO MADRUGA E OS CONFLITOS DE PODER

No século XV, os castelo pasou a mans doutra das casas máis influíntes de Galicia: os Soutomaior, cuxo membro máis destacado foi Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga. Este personaxe histórico --violento, astuto e temido-- foi protagonista das loitas entre a alta nobleza galega e a monarquía dos Reis Católicos. Pedro Madruga reforzou o seu control sobre Rianxo e outros enclaves costeiros no marco das súas ambicións políticas e bélicas. O castelo era entón máis ca un fogar: un centro de mando, un punto estratéxico para controlar vilas, foros e pasos marítimos.

Hai constancia de que durante o seu tempo, o castelo serviu como lugar de encerro para adversarios, sede de autos xudiciais e lugar de organización de expedientes militares. Non hai que esquecer que Pedro Madruga foi acusado de secuestrar ao bispo de Tui e que mantivo disputas cos Reis Católicos, nun intre no que a monarquía quería reducir o poder da nobleza galega. A caída do castelo --probablemente cara o século XVI ou comezos do XVII-- está relacionada con esta transición cara un poder máis centralizado: a nobleza foi perdendo poder militar, os castelos deixaron de ser útiles e moitos foron abandonados, vendidos ou convertidos en almacéns.

UN ESCENARIO DE PODER

Os restos actuais do Castelo da Lúa definen unha planta case rectangular cun extremo apuntado e un antemural externo, que rodeaba o cantil. O recinto quedaría cinguido pola muralla interior, da que formaría parte un portón de acceso, tras pasar o foso por unha ponte levadiza. Dentro, disporíase do patio de armas de planta rectangular e a casa forte do castelo, sendo a torre da homenaxe o edificio senlleiro. Na parte posterior distribuiríanse unha serie de dependencias e no extremo norte o baluarte que defendía a poterna de saída ao peirao. O castelo tería sufrido transformacións e destrucións ao longo dos seus case tres séculos de vida, converténdose en cárcere na última fase de uso. Boa parte dos perpiaños que formaban parte do castelo conservan marcas de canteiro. Correspóndense con signos gravados na pedra que probablemente servirían para sinalar o traballo realizado por cada obradoiro. O nivel do solo estaría asentado sobre a rocha viva, pero non se conservan os restos.

A TORRE DA HOMENAXE COMO SÍMBOLO DE PODER

Ademais de ser o núcleo de defensa e de vida do castelo, a torra da homenaxe é o emblema do poder señorial, feito polo que os irmandiños se centrarán na súa destrución. É a torre máis visible da fortaleza, sendo superior á muralla e podendo quedar illada do resto do castelo, no caso de ataque. Nela desenvolvíanse as funcións máis relevantes, albergando estancias con usos diversos: dependencias señoriais, almacéns de víveres, tesouro, etc. De xeito aproximado, unha torre da homenaxe tería unha altura equivalente a multiplicar por tres a lonxitude dun dos seus lados. No caso de Rianxo, a torre podería ter arredor duns 23 metros de altura.

A VIDA NO CASTELO

As evidencias materiais achégannos trazos da vida cotiá dos habitantes e visitantes do castelo. Este non foi a residencia habitual do seu señor, máis si dunha pequena gornición militar, como reflicte un documento de 1457, que describe o armamento do que dispuña a persoa encargada da custodia da fortaleza. Entre os obxectos fornecidos polas intervencións arqueolóxicas, acháronse vaixelas, moedas, armas e pezas metálicas de uso persoal como alfinetes, cadeas ou fibelas. Moitos destes produtos foron traídos de lonxe, algúns deles procedentes da costa do levante, Andalucía ou Portugal. Os mariñeiros e comerciantes rianxeiros exportaban peixe cara esas latitudes e aproveitarían a viaxe de volta para traer estes valiosos obxectos. Da dieta dos habitantes do castelo, dan mostra a cantidade de cunchas de moluscos recuperadas, así como os restos óseos pertencentes á fauna doméstica e á caza.

O ESTABLECEMENTO DUN ALFAR DE CERÁMICA POPULAR TRAS O ABANDONO

Coa fortaleza en ruínas constrúese un alfar de cerámica popular que funcionará ata a segunda metade do século XVIII. A descoberta deste obradoiro cerámico supuxo unha novidade desde o punto de vista arqueolóxico. Os milleiros de fragmentos de pezas cerámicas desbotados por presentar roturas ou erros de fábrica, localizados nos estratos superiores do xacemento, permitiron fixar as bases para caracterizar a cerámica común ou popular de Galicia na época moderna (séculos XVI-XVIII). Fisicamente eran unhas cerámicas moi resistentes. As súas formas compúñanas olas, tapadeiras, xerras, botellas, barreños, cuncas e pratos, principalmente.

Todo alfar cerámico debe contar con tras materias primas básicas que son a auga, a arxila e a madeira coa que quentar o forno. A subministración sería doada debido á posición do alfar na punta do Pazo e tamén se limitaría a posible propagación do lume. O forno cerámico foi construído en cachotería de granito con arxila, estando composto por unha boca de combustión e unha cámara de cocción. Os paralelos máis directos atópanse nos fornos tradicionais de Gundivós (Sober) e Betanzos, onde, como aquí, se realizan estruturas sinxelas, cunha soa cámara de tipo descoberto e sen grella.

CRONOLOXÍA:

  • C. 1225: Nace Paio Gómez Chariño, posiblemente en Pontevedra.
  • 2ª metade do s. XIII: Gómez Chariño é nomeado primeiro señor de Rianxo.
  • 1295: É asasinado en Ciudad Rodrigo (Salamanca).
  • Comezos do século XIV: Xoana Mariño de Rianxo, filla de Paio Gómez Chariño, convértese en señora da fortaleza de Rianxo e do seu territorio.
  • 1426: O rei Xoán mandáballe a Paio Gómez de Soutomaior derrubar a reconstrución que estaba a facer do castelo de Rianxo.
  • Mediados do s. XV: Reformas por parte de Sueiro Gómez de Soutomaior.
  • 1465: Destrución do castelo na segunda revolta irmandiña.
  • Posterior a 1465: Reconstrución por Sueiro Gómez de Soutomaior.
  • 1480: Nova destrución por parte do gobernador real Fernando Acuña.
  • Fins do século XV: O edificio convértese en cárcere.
  • 1532: Abandono da fortaleza.
  • S. XVI: Xurisdición directa da torre por parte do arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca.
  • 1544 e 1547: Visitas e taxación da fortaleza de Rianxo por parte da Mitra de Santiago de Compostela.
  • 1617: Os visitadores do castelo sinalan o estado ruinoso no que se atopa a fortaleza.
  • 1737: Con pedras procedentes do castelo constrúese o campanario da igrexa.
  • 1738: Toma de posesión da fortaleza de Rianxo polo mestre de campo Don Benito José de Bazán y Mendoza, en nome do conde de Castronuevo.
  • 2ª metade do s. XVIII: Abandono do alfar de cerámica popular.
  • 1850: Artigo de J.R. Figueroa no que se amosa un gravado do castelo.
  • S. XX: O castelo serve de canteira para diversas construcións na zona.
  • 2001-2010: Realízanse as intervencións arqueolóxicas que poñen ao descuberto os restos.
  • 2017-2018: O Concello de Rianxo promove o proxecto de restauración e consolidación do castelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta