Por Europa Press / Redacción | MADRID | 20/07/2025 | Actualizada ás 13:41
A secretaria de Política Económica, Transformación Dixital, Emprendemento e Impacto Social e portavoz adxunta do PSOE, Enma López, criticou a "morneza" do Partido Popular ao coñecer a noticia da imputación ao exministro de Facenda Cristóbal Montoro por presuntamente cambiar leis para beneficiar a empresas gasísticas.
"Non amosaron sorpresa, non amosaron ningún tipo de shock, por suposto non pediron perdón, tratárono con absoluta distancia coma se aquí non pasase nada. Feijóo ten nas súas filas ao equipo de Montoro e o equipo de Montoro está en Feijóo. Montoro é o PP e quédanos claro que esa formación é a corrupción", sinalou Enma López este domingo en declaracións aos medios.
A portavoz socialista considera que o PP quere "obviar" que Feijóo hai uns días estaba con Rajoy, cuxo ministro era Montoro, e tamén se rodeou de Aznar, quen tamén tiña a Montoro como ministro. "Tiñamos titulares onde se dicía que Feijóo se rodeaba do equipo de Montoro. Isto é así e non poden mirar para outro lado. É o Partido Popular, é a súa forma de actuar. É a que tiveron e é a forma de actuar que agora mesmo tería se Feijóo estivese na Moncloa", recalcou.
A imputación de Montoro, segundo López, é un caso "gravísimo" e arremeteu contra os populares porque "non pediron perdón" e porque "tampouco propuxeron ningunha medida para evitar estes comportamentos". "Dentro desa morneza o que fixeron é tentar lanzar balóns fóra", comentou. "Feijóo di que se investigue e por suposto que se vai a facer. Está a facerse con ou sen o seu permiso. Trátase dun presunto caso absolutamente gravísimo que pon nun espello como funciona o Partido Popular. Esa patrimonialización das institucións que xa as coñecemos e esa privatización absolutamente de todo", engadiu.
Por último, pediu coñecer cando ocorrían os presuntos delitos de Montoro para esclarecer se coincidiu cando "pedía á sociedade apertarse o cinto". "Parece ser que puña á venda o BOE e que facía recortes neste caso, non ás pensións, non á dependencia, non aos dereitos dos españois, senón aos impostos das empresas máis poderosas a cambio de que presuntamente pasasen por caixa. Ese é o exemplo do que é o Partido Popular", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.