O PSdeG ve a Rueda "secuestrado polas directrices" do PP en financiamento

Critica a baixa execución dos fondos europeos e reclama un modelo que recoñeza a singularidade galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, criticou duramente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por manterse “mudo” en materia de financiamento autonómico e actuar, segundo ela, “secuestrado polas directrices do seu partido”. Méndez esixe que compareza na Cámara galega para aclarar cal é o seu modelo de financiamento e aproveite o pleno previsto para aprobar o teito de gasto dos orzamentos para facelo. Acusa a Rueda de poñer os intereses do PP por enriba dos da cidadanía galega e de carecer de rumbo: “Non ten proposta, non executa o que xa ten e só di 'quero máis'”, reprocha.

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez. PSDEG
A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez. PSDEG | Fonte: Europa Press

Méndez denunciou que a Xunta rexeitou recentemente 22 millóns de euros do Estado para escolas infantís e outros 380 millóns destinados a vivenda, ademais de manter unha execución dos fondos europeos por baixo do 50%. Tamén criticou que o Goberno galego se opoña á quita da débeda que permitiría aliviar a situación financeira da comunidade. Ao tempo, defendeu a necesidade dun modelo de financiamento que recoñeza a singularidade de Galicia, baseado en principios de solidariedade, e con criterios que teñan en conta factores como a dispersión, o envellecemento e a perda de poboación.

Por outra banda, advertiu dos efectos negativos dos recortes nos fondos europeos para o novo período, que afectan á PAC e ao Fempa, e responsabilizou á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, por estas “reducións brutais”. Finalmente, tras as declaracións do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, pedindo rebaixar a crispación, Méndez respondeu que respecta o seu papel institucional pero acusa ao PP de ser o principal responsable dese clima, “alentando a crispación a base de bulos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta