Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2025 | Actualizada ás 14:08
A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, censura que o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, "volve mentir". "Por moito que o negue si que tivo imputados Feijóo dentro do seu goberno", recriminou.
Nunha entrevista en La Voz de Galicia o pasado domingo, Feijóo asegurou: "En 30 anos en política non nomeei a ninguén que estea nun caso de corrupción". Sobre estas palabras, Méndez afeou que "volve mentir a todos os cidadáns", á vez que enumerou diferentes casos con imputados durante os mandatos do líder popular na Xunta: "Campión, Patos ou Pokémon".
Así, dixo que lle parece "sorprendente" que "fale de limpeza o amigo de Marcial Dourado e Pachi Lucas". Lembra que as fotos co narcotraficante "o que demostra é unha amizade de anos", pois detrás están "todas as vacacións e viaxes" que fixeron xuntos.
Acusa a Feijóo de "falta de escrúpulos", pois "máis que principios ten finais". Na entrevista asegura non ter ansiedade para ser presidente do Goberno. "Dime de que presumes e direiche de que careces", reprocha Méndez.
E é que expón que Feijóo puxo "alfombra vermella" á ultradereita para gobernar "a calquera prezo". Apunta que o presidente popular sabe que é "a súa última oportunidade" e está "obsesionado", co cal "non lle importa romper as normas de convivencia política".
Tamén se referiu ao PP como o partido das "30 causas" de corrupción e cargou contra o exministro popular Cristóbal Montoro, quen estaba "a asfixiar aos municipios" mentres estaba "a abrir a porta de atrás para favorecer a unha elite para que tivese uns beneficios ilícitos". "Puxeron o BOE en venda", denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.