Por Europa Press / Redacción | LUGO | 05/09/2025 | Actualizada ás 17:36
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este venres, durante unha visita a Quiroga --afectada os lumes--, que o seu Executivo "vai tentar" que as axudas a afectados por incendios "cheguen canto antes". Acompañado pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, visitou este venres a explotación do gandeiro Mario Nogueira, que conta con máis de 200 cabezas de gando, entre elas exemplares da raza autóctona cachena. Este foi un dos prexudicados pola vaga de incendios deste verán, xa que arderon os pasteiros que servían de alimento.
Durante o percorrido, Rueda puxo en valor o esforzo e compromiso de quen manteñen viva unha actividade esencial para o rural galego. "É fundamental escoitar aos que realmente saben. Son quen coñecen perfectamente o que pasa, por que pasa e como se pode evitar minimizar o dano. Eu veño tamén a escoitar", subliñou. "Teorías hai moitas e ás veces fálase sen saber, pero esta xente sabe e pode achegar. Os primeiros que poden dar leccións son quen levan moito tempo aquí e evitan o despoboamento", concluíu.
O presidente lembrou que Quiroga foi un dos municipios máis castigados polos incendios do pasado mes de agosto, en concreto polo lume iniciado en Larouco, que arrasou máis de 30.000 hectáreas. Nesta explotación, as perdas afectaron especialmente a pastos e forraxe. O presidente defendeu que para paliar a situación, a Xunta activou un mecanismo de urxencia que permitiu repartir máis de 93 toneladas de alimento para o gando en 15 concellos. "Tiñamos que estar con eles e preguntar que necesitaban. Fomos fornecendo o que fixo falta, e seguirémolo facendo", explicou.
Ademais, destacou que a Consellería de Medio Rural puxo en marcha varias liñas de axudas que cobren o 100 % do investimento ata un máximo de 200.000 euros por persoa, con posibilidade de acollerse a distintas modalidades. "A Xunta vai estar aí, como o estivo coa forraxe, e imos tentar que estas axudas para alimentación, maquinaria ou perdas de produción cheguen canto antes", garantiu. As axudas pódense pedir desde o pasado luns e, en declaracións esta semana, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, prognosticou que empezarían a chegar en "mes e pico".
REIVINDICACIÓN DA GANDARÍA
O presidente da Xunta aproveitou a visita para reivindicar a gandaría en extensivo como un modelo sustentable, con futuro e clave na protección do territorio fronte aos incendios, xa que os pasteiros actúan como barreiras naturais. Neste sentido, lembrou que o Plan de Pastos de Galicia mobilizou desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 zonas de pastoreo cun investimento próximo aos 10,5 millóns de euros. Ao longo deste ano sumaranse outras 519 hectáreas en 26 novos pasteiros, cun orzamento adicional de 4 millóns.
Rueda tamén resaltou o valor das razas autóctonas como a vaca cachena, ás que definiu como "patrimonio cultural e identitario de Galicia". Este ano, por primeira vez, habilitouse unha orde de axudas específicas para apoiar a recría de razas ameazadas, dotada con 390.000 euros, xunto con convenios con diversas entidades que suman máis de 2,5 millóns de euros destinados á súa conservación e fomento.
Na súa intervención, o presidente agradeceu a colaboración do alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, e agradeceu a importancia do recambio xeracional. "Galicia non pode entenderse sen o seu rural nin sen as persoas que manteñen vivas as tradicións e, ao mesmo tempo, impulsan un futuro sustentable e innovador. Este é un gran exemplo de empresa familiar. Espero que os fillos superen aos pais e sigan mellorando con novas ideas, dando máis vida a esta gran zona que debemos preservar", sinalou.
A XUNTA OFRECE AXUDA AOS CONCELLOS AFECTADOS
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres Ponteceso e tamén Camariñas para informar as axudas que dará o Executivo galego a concellos galegos para facer fronte aos gastos derivados dos incendios. A visita foi a dous dos municipios afectados polos lumes e nos que nalgún caso foi necesario activar a situación 2 pola proximidade das vivendas. En Ponteceso, lembrou que, como xa se lles trasladou esta semana a alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, o Goberno galego colaborará coas entidades locais para atender, dixo, as súas necesidades. Tamén comprometeu a axilización na tramitación das mesmas e para o seu pago. Nelas, inclúense apoios aos gastos das entidades locais derivados das súas actuacións como consecuencia dos incendios e tamén polos danos en bens de titularidade municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.