Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 20/07/2025 | Actualizada ás 22:00
O 3 de marzo de 1937, na parroquia coruñesa de San Pedro de Visma, produciuse unha tentativa de fuga desde unha pequena enseada denominada “o Portiño”. Tal e como apunta a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña: “as fuxidas desde a costa por mar organizadas arredor do Sindicato de Industria Pesquera adscrito á CNT e da súa sección de pescadores chamada El Despertar Marítimo sucedéronse desde o inicio da resistencia á sublevación”.
A Coruña, como moitas outras cidades, foi durante a Guerra Civil un núcleo referente no sindicalismo anarquista organizado, principalmente, arredor da industria portuaria. A fuga do Portiño non foi a primeira escapada por mar que se levara a cabo na cidade herculina, mais si foi a primeira que se realizou desde esa localización. Tal e como apunta o historiador Eliseo Fernández no libro “A fuxida do Portiño”, a conformación do porto, resgardado do mar aberto polas Illas de San Pedro (Aguión, As Tres Illas, Illa do Pé e Vendaval), “facilitaría o embarque nas bucetas existentes no Portiño cara aos pesqueiros que chegarían agachados na noite despois de seren tomados en alta mar polos tripulantes”.
O número de persoas que aquela noite se concentraban no Portiño ascendía a 80, aproximadamente, segundo publicaba un dos protagonistas no xornal Galicia Libre, Andrés Seijas Salgado. Outro dos implicados na fuxida, Juan García Durán, sinalaba que no Portiño se concentraran 115 persoas. Sexa cal for o número exacto de persoas que trataron de fuxir, un número importante deles morreron no acto, ben sexa por saltaren ao mar ou polos disparos das forzas militares da garda civil.
OS DO PORTIÑO: SORPRENDIDOS IPSO FACTO
Eran as 23:00 e un pequeno grupo de homes que se dirixían ao Portiño para emprender a fuxida non deron atopado o camiño e foron dar á Agra de Orzán. Alí cruzáronse cun home, ao que abordaron para pedirlle axuda. O home era un empregado da Radio Costeira e comezou a dar voces ao pensar que ía ser atracado. Os berros alertaron a outro veciño da zona, Manuel Castro Pérez, que resultou ser garda civil e avisou telefonicamente á comandancia do posto ante o temor de que a batería do monte de San Pedro fora ser atacada. Tras realizar unha inspección, destaca Eliseo Fernández que “á medianoite, outras unidades da garda civil ao mando do teniente Ángel Ramos Patiño, do sarxento Manuel Santos Otero e do cabo Ángel Fernández Garea, e mesmo militares da batería do monte de San Pedro ao mando do capitán Carlos Pallaré Vicente, comezaron a bater a maior parte da costa coruñesa: un grupo foi cara a zona comprendida entre o Orzán e a Torre de Hércules, outro bateu a zona de Riazor, mentres un terceiro inspeccionaba os arredores do Monte de San Pedro”.
“¡Viva España! ¡Arriba España! Manos arriba”. Os homes agochados no Portiño escoitaron berros e decatáronse do que acontecía. “No Portiño foron detidas nun primeiro momento 12 persoas. As batidas da garda civil e os militares conseguiron apresar a outros doce fuxidos que conseguiran escapar do cerco. Un último grupo formado por tres deles foi sorprendido cando xa reventaba o día”, destaca Eliseo Fernández.
Salvador M. Domingo Lliso, Alejandro Dopico Saleta, José García Vázquez, Ramón Díaz Valeiro, Francisco Díaz Moreno, Antonio Lorenzo García, Federico Rivadulla Rivero, Luis Lafuente Naveira, Manuel Bergantiños Pose, Ramiro Fontenla Ándujar, José Rodríguez Ándujar, José Rodríguez Serantes, Manuel Tellado Villar, Antonio Vidal González, Manuel Baldomir Vázquez, Ramón González Canosa, José A. Boedo Núñez, Emilio Rodríguez Doldán, Genaro Pazos Maceira, Manuel Parga Suárez e Luis Pita da Veiga Mojón. 20 persoas falecidas no intento de fuga do Portiño e posteriormente o número ascendeu a 27. Todos eles intentaron chegar a unha vida mellor, pero morreron afogados ou fusilados.
O CASO DE FEDERICO RIVADULLA, "IQUIÑO"
De todos estes nomes, chama a atención un deles: Federico Rivadulla Gómez. O certo é que o fusilado non foi Federico Rivadulla Gómez, senón o seu fillo, Federico Rivadulla Rivero, alcumiado “Iquiño”, que pertencía ás Xuventudes Socialistas Unificadas. “Este é un caso moi curioso porque a este rapaz detéñeno, xúlgano e condénano a morte. E tiña 17 anos”, afirma o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío Urkidi. A súa familia, tal e como recolle a declaración da CRMH, lembrábao así: “Iquiño estivo na cadea ata que tivo a idade suficiente para ser fusilado. A miña avoa Filomena visitábao no cárcere e sempre traía consigo unha das súas fillas para que puidesen ver á súa curmá. A miña nai, Julia, que era unha nena naquel momento, lembraba con moita tristeza os choros de Federico, suplicando que non quería morrer”. Destaca Carlos Babío que el atopou o erro de casualidade, “nunha esquela de lembranza do ano 1976, na que figura que el joven Federico Rivadulla Rivero, de 17 anos, que foi fusilado no Campo da Rata, na Coruña. Afirma a CRMH que este erro na transcrición do segundo apelido “repítese en varios documentos, incluída a propia sentenza de morte, na que figura seu pai como a persoa condenada”. Pero a realidade é que fusilaron a un mozo de 17 anos e o máis probable é que fora un erro intencionado.
"A traxedia do Portiño ficou na memoria popular da cidade da Coruña con moita máis forza da que outras operacións de fuxida frustradas naqueles anos de guerra civil", afirman no libro "A fuxida do Portiño". Non obstante, a meirande parte deses nomes permanecen hoxe no esquecemento. Desde a CRMH da Coruña veñen de presentar un escrito ante a Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática, no que solicitan a declaración de Lugar de Memoria Democrática para a zona do Portiño. No monumento que honra ás vítimas, deseñado por Pepe Galán, figuran uns versos de César Pazos que reflicten a loita popular do Portiño e honran a aqueles que morreron no camiño cara a liberdade:
Camiñantes!
Ollade o ceo!
Ulide o mar!
Sentide o vento!
Non esquezades a quen morreu pola liberdade!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.