O Museo Carlos Maside: ecos dun proxecto vangardista que hoxe se afunde no esquecemento

A menos de 15 días da caducidade do expediente de declaración BIC do museo, só o movemento memorialista loita por conservar un proxecto pioneiro na expresión artística galega.

Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 18/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O complexo de Sargadelos, a editorial Ediciós do Castro, o Novo Seminario de Estudos Galegos ou o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside artelláronse arredor do Laboratorio de Formas, un ambicioso proxecto froito das longas conversas que mantiveron Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Cómpre incidir nun deses nomes: o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Ubicado no complexo da fábrica de Sargadelos do Castro, en Sada (A Coruña), este museo foi unha institución pioneira que, en palabras de Díaz Pardo, pretendía recuperar “o movemento renovador da arte galega”. Castelao, Laxeiro, Seoane, Urbano Lugrís, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou o propio Carlos Maside son algúns dos autores que permanecen agochados tralas paredes dun edificio que alberga gran parte da expresión artística galega.

Cerámicas do Castro (Sargadelos), Sada
Cerámicas do Castro (Sargadelos), Sada | Fonte: Claudia Varela Lourido

Nun ano marcado polo recoñecemento da Real Academia Galega de Belas Artes a Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea, continuamos presenciando como seu legado segue sendo sistematicamente atacado e silenciado. A menos dun mes da caducidade do procedemento de declaración BIC (Ben de Interese Cultural) do Museo Carlos Maside, as asociacións culturais e memorialistas asinan un manifesto reclamando a resolución do expediente de incoación, incidindo na situación actual do museo: “En todo este tempo, o Museo atravesou unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración".

Deseñado por Andrés Fernández-Albalat, o Museo Carlos Maside foi o segundo dos proxectos que inaugurou o Laboratorio de Formas no ano 1970. Inicialmente, o museo estaba ubicado nunhas dependencias cedidas pola Fábrica de Cerámicas do Castro, e logo trasladouse ao edificio hexagonal no que se atopa actualmente. Apunta a historiadora da arte Carolina Monzo que a concepción arquitectónica deste museo bebe, por unha banda, da austeridade das igrexas franciscanas— cun áxido central que logo vai formando axidiolos—, mais tamén fixo unha aposta polo vangardismo: “Para non deixar de lado a vangarda, miran cara o extranxeiro, cara Europa. Polo tanto, existen dúas correntes: as Maisons de la Culture, que son as casas da cultura en Francia, espazos polivalentes, flexibles e pluridisciplinares. É dicir, un centro cultural en si mesmo. E por outra banda, a nivel estético, ten unha clara influencia da escola de Bauhaus, combinándoo así mesmo co brutalismo, un movemento caracterizado pola sobriedade”.

Unha das premisas fundamentais do museo sempre foi a democratización da cultura e da arte. Díaz Pardo e Seoane concebírono como un centro de promoción cultural. O escritor Xosé Ramón Fandiño recolle no seu artigo “O Museo Carlos Maside”, publicado na revista Areal, que “máis alá do coleccionismo e das obras pictóricas expostas, o Museo Carlos Maside converteuse nun centro de iniciativas artísticas e culturais que achegaba moita xente a Sada para asistir ás sesións de cine de vangarda, de teatro, conferencias, encontros e seminarios, exposicións retrospectivas de artistas galegos e estranxeiros e trouxo por primeira vez a Galicia mostras da obra de Picasso, Miró, Alberto, Solana, Clavé, Ginovart, etc”. 

Unha parte moi importante da concepción do Laboratorio de Formas en xeral, e do Museo Carlos Maside en particular, articulouse a través da correspondencia entre Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Nun extracto dunha carta de Seoane a Díaz Pardo no ano 1976, recollida no artigo de Xosé Ramón Fandiño, Seoane apunta o seguinte sobre o Carlos Maside, dando a entender o carácter especial do proxecto: “Tú sabes que el Museo es algo que a mí me importa mucho más que todo el resto de proyectos que hicimos juntos. Con él no quise proyectar un Museo al uso corriente, sino un centro de cultura gallega y en esto estuvimos de acuerdo. Entregué todo lo que pude para él y conseguí mucho de mis amigos de siempre (…)”.

Entrada do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, ubicado nas Cerámicas do Castro, en Sada
Entrada do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, ubicado nas Cerámicas do Castro, en Sada | Fonte: Claudia Varela Lourido

Cómpre destacar que este museo nace durante o franquismo, polo que para sortear a censura, os seus artífices evitaron a denominación de “museo do exilio”, xa que todas as pezas albergadas nestes museos quedaban excluidas dos estudos histórico-artísticos durante a ditadura. Afirma Carolina Monzo que “sendo conscientes destas limitacións, Seoane e Díaz Pardo pretenderon pasar desapercibidos para evitar a censura e tratando de evitar a designación de museo monográfico, ao que non se lles presta maior atención, xa que son museos que carecen de actividade cultural”.

A colección actual do museo consta de 2100 obras e 500 delas están en exposición permanente. Na planta baixa, amósanse as obras de Castelao e do movemento renovador, na segunda planta, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade, e a última planta alberga coleccións de debuxo humorístico e cómic. 2100 obras de arte que puxeron voz a un pobo silenciado e forzado a olvidar as súas orixes. Tres plantas cheas de historia, cultura e tradición que revalorizaron a arte galega e contribuíron a universalizar o coñecemento e o acceso á cultura. Ese é un dos principios fundacionais do Museo Carlos Maside, mais desde o ano 2006, o declive do espírito cultural que vertebraba o proxecto contribúe diariamente a ensombrecer o xerme renovador que Seoane e Díaz Pardo cimentaron en Sada.

Aquel 18 de maio de 1970, co discurso que Rafael Dieste pronunciou nas Cerámicas do Castro, quedou inaugurado o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. Hoxe, 55 anos despois, pouco queda dos comezos daquel museo. Desde o ano 2006, —momento no que Isaac Díaz Pardo foi apartado do mando das fábricas de Sargadelos e, por conseguinte, tamén do Museo Carlos Maside—, a deriva cultural do complexo é máis que evidente. O socio maioritario da empresa Sargadelos, que tamén adquiriu a propiedade do museo, deixou completamente de lado os principios fundacionais que Seoane e Díaz Pardo concebiron desde a Arxentina para o Carlos Maside. Segundo apunta o escritor Xosé Ramón Fandiño, “só permanece aberto o Museo Carlos Maside —un día á semana, durante 4 horas— pero nun estado de abandono e de desidia lamentables, sen que os responsables de dirixir a política cultural de Galicia comprendesen a Isaac cando os alertaba de que era necesario salvar da barbarie o Museo Carlos Maside”. Quedan menos de 15 días para que caduque o expediente de declaración BIC do Museo, e, ante a inacción institucional, semella que só o movemento memorialista loita por preservar a memoria e o significado dun proxecto pioneiro na renovación cultural e artística galega. Unha loita arriscada, pero necesaria. Porque como sempre dixo Isaac Díaz Pardo: “o Museo Carlos Maside é tamén un lugar de memoria”.

Dous cadros de Urbano Lugrís, ubicados no Museo Carlos Maside
Dous cadros de Urbano Lugrís, ubicados no Museo Carlos Maside | Fonte: Claudia Varela Lourido
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada
Museo Carlos Maside, situado en Cerámicas do Castro, Sada
Cerámicas do Castro e Museo Carlos Maside, en Sada (Sargadelos)
Cerámicas do Castro e Museo Carlos Maside, en Sada (Sargadelos)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta