Miguel Anxo Bastos: “Que o PP ten unha política económica de libre mercado en Galicia, habería que velo”

Miguel Anxo Bastos (Vigo) está de actualidade co seu libro 'O pequeno é possível' onde defende que os grandes estados-nación non teñen por que ser máis poderosos pola súa extensión. Defende neste novo documento que pequenos estados (Suíza, Austria, Irlanda e outros) teñen maior axilidade económica que os máis grandes. Sobre o peso económico de Galicia en España, se ben o nivel non é alto con respecto a outras autonomías, dentro do marco noroeste da Penínsual é o máis rico. Sobre determinados posibles no futuro como superar retos actuais que afronta Galicia, as cousas van ir "paseniño"

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Dicía Vicente Risco: “Ti dis que Galicia é ben pequena, eu dígoche que Galicia é un mundo”. Esta sentenza estaría ligada co título do seu traballo 'O pequeno é possível'?

Miguel Anxo Bastos Boubeta
Miguel Anxo Bastos Boubeta | Fonte: PGL

Eu refírome á escala dos estados mais desde a perspectiva actual, as polis gregas falaban de 10.000 habitantes como máximo, a escala actual entenden uns poucos millóns, tampouco hai un mínimo, hai estados de miles de habitantes. Galicia, dentro dunha escala medieval, sería un dos grandes estados de hoxe e si é un mundo, porque dentro dela hai moitas peculiaridades e moitas formas culturais distintas.

-Por que sentiu a necesidade de escribir este libro sobre o espazo que ocupan os estados-nación ademais do seu peso político no mundo contemporáneo?
Naceu dunha conversa cun grupo de persoas e ao final dixeron: “por que non fas algo?” Mais basicamente vén de estar eu moi canso do “máis Europa”, “todo máis grande” e ao final dixen: “non, non estou de acordo con esa postura”. A esa postura de “deberiamos ser coma a China ou a India de grandes” é algo ao que non lle vexo a lóxica. Cando estivo unida Europa? É algo contrario ao seu xenio, á súa historia e á súa peculiaridade, nunca estivo unida. Esa é a clave do éxito de Europa.

-Describe ese desexo de unión como obsesivo.
Insisto, non sei a que se debe, mais puidera ser, primeiro, unha lóxica de escala pois en política, en empresa e noutros ámbitos senten que “canto máis grande mellor”, demóstramo porque eu non acabo de velo. Comparando, os estados máis pequenos de Europa acumulan unha riqueza maior que a dos estados máis grandes, mesmo operan en todos os ámbitos culturais, polo menos de promedio a renda dos estados de menor tamaño é superior á dos máis grandes. Mesmo países que non están inseridos na Unión Europea tenden a ser máis ricos que os extracomunitarios na Europa Occidental. Canto máis grande é unha organización peor calcula chegando a un punto de colapso. Iso pasou cos grandes imperios e aos grandes estados, canto máis se ampliaban chegaba un punto en que colapsaban. Iso pode verse na historia do mundo, algo que fago eu no libro 'O pequeno é possível'.

Cando estivo unida Europa? É algo contrario ao seu xenio, á súa historia e á súa peculiaridade, nunca estivo unida

-Aínda así, a maioría ve na amplitude dun estado o seu grao de potencia. Rusia, EE.UU ou China son grandes, mais a súa amplitude significa directamente poder?
Rusia colapsou cando era enorme e toda esa grandeza non lle valeu para nada, agora o problema é que volva colapsar outra vez, mais ese é outro debate. O único estado grande que funciona medianamente ben con máis de cen millóns de habitantes son os EEUU, e aínda así é un estado moi descentralizado. No outro lado está a China, todos os seus problemas foron máis graves cando se unificou. As etapas históricas non son comparables, mais as épocas de florecemento na China foron durante os períodos nos que estivo dividida. Realmente, tanto tamaño de que lle valeu á China grande comparada coas “Chinas” máis pequenas: Taiwán e Singapur, que non é exactamente chinesa mais a súa cultura está moi influída polos chineses. Outro caso sería Hong Kong aínda que desde a súa integración en China xa non lle vai tan ben coma os outros. O mesmo sucede coas “Alemañas pequenas”, Liechtenstein ou Austria, as dúas son máis ricas que a grande. En resumidas as contas, non por ser máis grande che vai ir mellor. Podemos coller dous países pequenos como Luxemburgo ou Andorra, e podemos coller dous países como China ou a India, se falamos co cidadán medio: que lle falta ao de Andorra que ten o de China? Un servizo de tren máis rápido ou que cousa?

-Podería ser que no caso de Andorra o sistema burocrático é máis próximo.
Si, mais iso é unha consecuencia, iso tamén o levan no nivel de vida mais o nivel de renda é abismal. Con todo, que lle falta ao cidadán medio dun lugar que ten outro lugar? A wifi vai máis rápida ou que? Que vantaxes existen para o cidadán? Por outra banda, claro está que aos dirixentes lles convén ter máis xente ao seu mando.

Os grandes imperios e os grandes estados, canto máis se ampliaban chegaba un punto en que colapsaban

-Dentro dos estados xigantes dicía que EEUU sería aquel cun mellor funcionamento. Porén, hai quen apunta ao seu poder militar como o elemento básico da súa prevalencia. Isto lévame a preguntarlle, a día de hoxe o peso militar é máis decisivo que o económico?
Depende para que mais ten a súa influencia. Aínda así, EEUU non pode dominar o resto do mundo e xa se está vendo, non ten a capacidade de influír en todos os conflitos e xa non ten a proxección de hai décadas. Hai décadas era a metade do PIB do mundo, hoxe en día non. En tal caso, si é certo que canto máis grande os exércitos teñen un maior poder e se iso é unha vantaxe, non o sei.

-Cal sería o peso económico de Galicia, como un estado soberano, dentro da Península ibérica?
Sería un territorio de renda media. Con todo, Galicia segue sendo un país desenvolto e segue sendo un dos centros máis ricos do mundo, independente ou non. O debate sería se podería ir a mellor ou a peor. Poñamos por caso, Esolvenia acaba de superar ao estado español en PIB per capita e o país balcánico é máis pequeno que Galicia. Estonia e Letonia están a piques de superar o PIB español, e iso vindo de onde veñen. Por outra parte, falamos de países dun millón ou dous de habitantes, e por que son tan áxiles? A pregunta de: se fose independente funcionaría mellor? Si, mais dependendo do que se faga, se se pón un sistema de libre mercado aberto como fixo Irlanda, entón si funciona, se fai como Albania, pechando as fronteiras, non funciona. En tal caso, Galicia tería todas as potencialidades para saír cara adiante. Todo isto é unha hipótese, non estou facendo unha campaña política.

-Unha estrutura burocrática como a autonómica galega sería capaz de soportar a xestión dun estado?
Home claro, porque os estados novos nacen sobre unha infraestrutura previa, non nacen da nada. No caso das repúblicas bálticas ou das repúblicas ex-iugoslavas, tiñan a estrutura dunha república federal, neste caso temos unha estrutura autonómica que asumiría máis competencias como a defensa, facer trámites para ser recoñecidos a nivel internacional e logo acordos internacionais. Temos o caso de Islandia, unha illa grande que ten a poboación de Vigo.

EEUU non pode dominar o resto do mundo e xa se está vendo, non ten a capacidade de influír en todos os conflitos e xa non ten a proxección de hai décadas

-Que pasos lle quedan a Galicia para ter a preponderancia económica que teñen País Vasco, Cataluña ou Madrid?
Creo que se están facendo as cousas ben mais non a un ritmo moi rápido, non é o ritmo irlandés. Do noroeste ibérico somos máis ricos que Asturias, León e o norte de Portugal. Se nos medimos a nivel español si estamos a un nivel máis baixo, mais dentro do noso marco non. Se se busca a riqueza debes ir a un ritmo máis lento, baixar algo máis os impostos e facilitar unha cultura empresarial, aínda que sexa retorica. Mais o que existe é moita regulación, preguntemos a quen quere abrir un bar, unha tenda, acaban afogados en requisitos, sobre todo a fiscalidade. Un país non se fai só con medidas, tamén debes ter a xente ben concienciada.

-A actual xestión do goberno autonómico con Alfonso Rueda na cabeza está facendo perder peso a Galicia?
Non necesariamente, penso que a estratexia a medio prazo é de ir medrando pouco a pouco e Galicia mellorou moito nos últimos decenios. Non falamos de cuestión de peso, falamos de non chamar moito a atención, non ser moi rechamantes e ir facendo pouco a pouco.

 Se Galicia fose independente funcionaría mellor? Si, mais dependendo do que se faga

-Con todo, a xestión de Rueda está sendo mellor que a de Feijóo?
Falta perspectiva aínda mais está sendo moi continuísta, boa parte dos conselleiros e conselleiras son as mesmas e el formou parte dos gobernos de Feijóo. Tampouco é que poida facer algo moi diferente. Estivo moitos anos, asumiu as tácticas políticas mais cun punto persoal, hai algunhas cuestións simbólicas mais vemos certo continuismo.

-Examinando o arco político, considera que a oposición parlamentaria ten vontade de mover da Xunta ao PP?
Home, considero que desexan substituílo, outra cousa é ter a capacidade de facelo. Depende da habilidade política de cada un deles e, sobre todo, depende moito dos erros de Rueda. Moitas veces en política non é que gañes ti, é o que o outro perde cometendo erros. Por tanto, se se teñen os ollos abertos e o outro vai metendo a zoca, entón si.

-Mais cre que teñen vontade de facelo?
Vontade teñen mais insisto, depende dos erros do outro, como no fútbol, non é que xogues ben ti, o outro tamén ten que fallar. E tendo en conta que o PP galego é cauteloso, non fan grandes aventuras mais tampouco fan grandes erros, de momento é difícil que saían da Xunta agás exista un erro de grandes dimensións. Por outra parte, os partidos da oposición son moi previsibles, sempre están coa sanidade e outros poucos temas, non enfatizan noutros ámbitos.

Se nos medimos a nivel español si estamos a un nivel máis baixo, mais dentro do noso marco non

-En tal caso, ademais de facelo ben, podería haber unha “estrutura paralela” do PP para manter nas súas mans o control da Xunta?
Non creo que sexa tan deliberado. Normalmente, con tantos anos de administración autonómica, os cadros como son directores xerais, etc, están vinculados ao PP. Con tantos anos do PP na Xunta, salvo breves lapsos, a maioría de cadros de libre designación serán persoas moi próximas ao PP, outros cadros poden ser tamén próximos a este partido mais porque leva moito tempo no poder.

-Está de acordo coa idea de que a proposta económica do PP é a de libre mercado?
Iso habería que velo, pois en Galicia non hai uns impostos especialmente baixos. Algo máis baixos que o resto de España son, mais isto non é un paraíso fiscal. A Xunta é moi reguladora, ten moitas normas e regulacións. Nin sequera ten unha retórica como a de Ayuso, quen tamén di que fai e tampouco é para tanto, ten unha retórica contra o comunismo a favor do libre mercado, mais Madrid non é Irlanda ou Andorra. Rueda non fala así.

-Entón os convenios dentro da sanidade, as reivindicacións constantes do empresariado e Xunta falando da colaboración público-privada, todo isto non representa unha política de libre mercado?
Eses temas tamén os teño estudado e non é unha privatización, é unha xestión pública indirecta. Privatización é cando vas ao médico e pagas ti do teu peto, como cando vas ao mecánico. Cando vas a un sistema concertado quen paga é a Xunta mais en vez de xestionar paga para que outros xestionen. Podemos falar sobre se é mellor ou peor sistema, mais non é o sistema de libre mercado salvaxe.

Os partidos da oposición son moi previsibles, sempre están coa sanidade e outros poucos temas, non enfatizan noutros ámbitos

-O modelo económico en Galicia que parece tirar a extractivo, con minas, eucalipto ou Altri.

O debate sobre o eucalipto é moi simbólico por ser unha árbore á que se lle ten moita manía. É un tema que crea polémicas inmediatamente. Sobre as políticas extractivistas, hai zonas meramente extractivistas e son moi ricas, cousa que sucede en Canadá, por exemplo. En Noruega, na zona de Tromso, son estractivistas e son das zonas máis ricas do mundo. Que ten de malo o estractivismo? Podemos descutilo, que sexa un modelo estractivista non quere dicir que sexa pobre nin de desenvolvemento. Iso faite especialista no que tes, hai zonas no mundo que son así. Tampouco estou de acordo coas teorías sobre as industrias de enclave e o desleixo polo turismo, non sei cal é a economía ideal porque as tradicionais están de capa caída. O problema de Alemaña está na súa industria do automóbil con problemas moi serios. O estado español vive do turismo e este sector pode mover máis diñeiro que a industria do automóbil. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E pariu a avoa... Agora imos ter unha Galicia con epicentro na illa da Toxa (Mónaco Casinos) O que aguanta o papel non o soporta a realidade do país... Levamos séculos aturando a triste explicación de que Galicia carece dunha burguesía nacionalista tipo Cataluña, e agor vén o Bastos Boubeta a dicir que a Galicia das Corredoiras vaise converter na Irlanda Verde ? Non está mal para vender libros...