Esta é a historia da coleción de arte "desaparecida" de El Correo Gallego

Había obras de Antón Lamazares, Acisclo Manzano ou Laxeiro. Unha taxación encargada polo editor no ano 2020 valoraba a colección de arte de 'El Correo Gallego' en máis de 460.000 euros. Outra realizada no 2023 pola administración concursal, en pouco máis de 50.000 euros, o que supón unha perda de máis do 89 % do valor orixinal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha colección valorada en máis de 360.000 euros en obras de arte e preto de 100.000 euros en obxectos desapareceu entre 2020 e 2023 do patrimonio de Editorial Compostela, S.A., editora histórica do xornal 'El Correo Gallego'. Así o revela un informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional ao que tivo acceso Galicia Confidencial. O documento forma parte das dilixencias abertas por un xulgado de Santiago e apunta directamente ao que fora administrador da empresa, José Manuel Rey Nóvoa.

Mural Acislo Manzano
Mural Acislo Manzano | Fonte: Gobid

A investigación susténtase na comparación de dous informes de taxación. O primeiro, de xullo do 2020, foi encargado polo propio Rey Nóvoa á empresa MC Proxectos de Arte, S.L.. O segundo, de febreiro de 2023, realizouno ARTBYS Gestión, S.L., por orde da administración concursal trala entrada en concurso de acredores da editorial. A colección completa de arte e obxectos de 'El Correo Gallego', segundo o informe de taxación elaborado en xullo de 2020 estaba valorada en 465.330 euros: 365.000 euros en obras de arte e 100.330 euros en obxectos diversos como trofeos, láminas, fotografías e elementos gráficos vinculados á historia do xornal. Esta cifra contrasta de maneira radical coa valoración realizada no 2023 pola administración concursal, que cifrou o conxunto de bens en pouco máis de 50.000 euros, o que supón unha perda de máis do 89 % do valor orixinal.

Ademais, das 190 obras de arte e 59 obxectos inventariados no 2020 por MC Proxectos de Arte, S.L., na nave de 'El Correo Gallego' só se acharon 93 obras no 2023 durante a taxación encargada pola administración concursal. Segundo a UDEF, polo tanto, desapareceron 101 pezas, entre obras e obxectos, valoradas no seu conxunto en máis de 100.000 euros. Estas ausencias afectan especialmente ás pezas de maior valor económico e simbólico, o que levou aos investigadores a sospeitar dunha subtración deliberada antes da entrada da empresa en concurso de acredores. Así mesmo, no informe tamén se pon de manifesto que os títulos das obras comparando ambas taxacións non coinciden, polo que houbo que traballar sobre as fotografías para poder realizar o inventario.

Inventario que aporta outro dato revelador: a colección que si puido ser localizada --un total de 94 obras e obxectos presentes tanto na taxación de 2020 como na de 2023-- tamén sufriu unha devalorización drástica. Segundo o informe da UDEF, esas pezas estaban valoradas en 207.700 euros no 2020, pero tres anos despois foron taxadas en apenas 46.565 euros. É dicir, mesmo sen ter desaparecido fisicamente, perderon case o 80 % do seu valor. Para os investigadores, esta depreciación xeralizada resulta anómala e reforza a sospeita de manobras para baleiras o patrimonio da empresa antes do concurso de acredores. Así, non se achou correspondencia entre as taxacións nun total de 115 obras e obxectos taxados no 2020 cun valor de 225.220 euros.

Entre as pezas máis relevantes que xa non constan na colección figuran as seguintes, con valores taxados por MC Proxectos de Artes, S.L. no 2020:

Cartel XXXV Aniversario
Cartel XXXV Aniversario | Fonte: UDEF
  • 'DOMUS OMINA RIAZÁN 8' de Antón Lamazares, taxado en 55.000 euros.
  • 'Periódicos con flor' de M. Quintana Martelo, taxado en 3.000 euros.
  • 'Escultura piedra' de Camilo Rodríguez, taxado en 2.000 euros.
  • 'Mulleres' de Laxeiro, taxado en 2.000 euros.
  • 'Niña leyendo...' de Muralla, taxado en 2.000 euros.
  • 'Hombre en vespa' de Jorge Cabezas, taxado en 2.000 euros.
  • 'La Pluma' de Hear, taxado en 2.000 euros.
  • 'Encuentro de ancianas' de Bóveda, taxado en 2.000 euros.
  • 'Composición abstracta' de Xaime Piñeiro, taxado en 1.500 euros.
  • 'Maternidad' de Xosé Vázquez Castro, taxado en 1.500 euros.
  • 'Paisaje urbano' de María Meijide, taxado en 1.500 euros.
  • Dúas esculturas de cerámica de Acislo Manzano, taxadas en 3.000 euros cada unha.
  • 40 follas de publicidade, taxadas en 8.000 euros no seu conxunto.
  • 39 diplomas, taxados en 7.300 euros no seu conxunto.
  • 260 trofeos, taxados en 50.000 euros no seu conxunto.

Ademais da desaparición física das obras, a policía destaca unha "desvalorización xeralizada e inxustifizada" das obras que si permanecen. Algúns exemplos:

  • 'Mural El Correo Gallego' de Acislo Manzano, valorado en 50.000 euros no 2020, caeu aos 20.000 euros na valoración realizada no 2023 (-60 % do valor inicial).
  • 'Niño repartidor' de Tito Vázquez, valorado en 44.000 euros no 2020, caeu aos 600 euros no 2023 (-98,64 % do valor inicial).
  • 'Cartel XXV aniversario' de Alfonso Costa, valorado en 5.500 euros no 2020, caeu aos 1.800 euros no 2023 (-67,28 % do valor inicial).
  • 'Antigua Rotativa' de Manuel Santiago, valorado en 4.400 euros no 2020, caeu aos 300 euros no 2023 (-93,19 % do valor inicial).
  • 'Oléo/lienzo Tríptico' de María Teresa Tamazo Antelo, valorado en 4.000 euros no 2020, caeu aos 2.000 euros no 2023.
  • 'Kiosko' de Antonio Heredero, valorado en 4.000 euros no 2020, caeu aos 900 euros no 2023.
  • 'Antigua Imprenta' de Segundo Hevia, valorado en 3.800 euros no 2020, caeu aos 750 euros na valoración do 2023.
  • 'Barcos de pesca' de Antonio Mir, valorado en 3.000 euros no 2020, caeu aos 400 euros na valoración do 2023.
  • 'Imprimiendo EL CORREO GALLEGO' de Segundo Hevia, valorado en 2.800 euros no 2020, caeu ata os 400 euros na valoración do 2023.
  • 'Figuras antropomórficas' de Jorge Castillo, valorado en 2.000 euros no 2020, caeu ata os 300 euros na valoración do 2023.
  • 'Moal' de Germán Pintos, valorado en 2.000 euros no 2020, caeu ata os 200 euros na valoración de 2023.
  • 'Reunión de ancianos' de Garabal, valorado en 2.000 euros no 2020, caeu ata os 300 euros na valoración do 2023.

A UDEF sostén que estas diferenzas non son fortuítas. A testemuña que aportou os documentos clave á policía asegura que as pezas poderían terse desviado ao domicilio particular de Rey Nóvoa en Santiago de Compostela ou a outras propiedades familiares, como unha vivenda en Portosín. O informe non descarta que algunhas obras tivesen sido empregadas para pagar débedas ou como agasallos.

Os investigadores consideran que hai indicios claros de delitos de alzamento de bens e insolvencia punible, e mesmo apuntan a unha estratexia organizada para ocultar parte do patrimonio antes do concurso de acredores. A colección desaparecida, na súa maioría de autores galegos, non só ten un valor económico, senón tamén patrimonial, vencellado á historia recente do xornal decano de Galicia. Polo de agora, a investigación continúa aberta.

Mural de Acislo Manzano
Mural de Acislo Manzano | Fonte: UDEF
'Niño repartidor' de Tito Vázquez
'Niño repartidor' de Tito Vázquez | Fonte: UDEF
'Antigua rotativa' de Manuel Santiago
'Antigua rotativa' de Manuel Santiago | Fonte: UDEF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta