Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2025 | Actualizada ás 14:48
Este mércores celébranse os 75 anos de 'Sempre en Galicia', un programa de radio transmitido en Uruguai e que, ao longo das décadas, conectou aos galegos na diáspora coa súa terra natal, difundindo cultura e información no outro lado do Atlántico. Por mor da data, a sede do Consello da Cultura Galega albergou a presentación do trailer do documental 'Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración', dirixido por Xan Leira, que desfía a historia da emisión radiofónica.
"O programa é un traballo moi enraizado dentro da sociedade uruguaia, que proporcionalmente ten a maior cantidade de poboación galega, por tanto é moi galego na súa idiosincrasia", destacou o director, antes da exhibición do trailer. No avance da película o que hai son relatos de quen fixeron --e fan parte-- da historia de 'Sempre en Galicia', como é o caso do ex colaborador do programa Carlos Sixirei, que salientou a relevancia política do informativo. "Moita xente que non era galega, uruguaia e arxentina escoitaba o programa porque, segundo me comentou un xornalista na época: 'Este programa é para nós un oasis de democracia nun deserto de ditaduras'", recalcou Sixirei.
HISTORIA
Tal e como trasladou o Consello da Cultura, onde se realizou a comparecencia este mércores, foi despois de falecer o intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, en Buenos Aires, cando Antón Crestar e outro grupo de galeguistas que residían en Uruguai decidiron impulsar a creación de 'Sempre en Galicia'. O programa erixiuse "desde Montevideo como unha ponte entre a diáspora e Galicia, permitindo aos emigrantes manter vivo o seu vínculo coa súa terra natal e a súa lingua".
O Consello da Cultura lembrou que, "durante décadas, 'Sempre en Galicia' foi o único espazo radiofónico en lingua galega" e que a emisión segue ofrecendo noticias de Galicia e da emigración en Uruguai, converténdose nun foro de difusión de cultura. "O programa desempeñou un papel fundamental na preservación e promoción da lingua galega e de achegar o coñecemento e coñecemento da intelectualidade galeguista e republicana", destaca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.