Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2025 | Actualizada ás 17:36
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, reivindicou o peche de contas de 2024 da corporación, por 16º ano consecutivo con superávit, concretamente de 1,3 millóns de euros. O responsable da corporación compareceu este mércores a petición propia ante o Parlamento de Galicia para abordar as contas anuais. Este martes facíao a que será a súa sucesora no cargo, Concepción Pombo, para presentar a súa candidatura.
Estes resultados orzamentarios mostran, expresou, a "eficacia da xestión e o saneamento das contas". Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha corporación "cunha débeda de 51 millóns de euros, e que coa nova xestión e o control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, xa en 2013 conseguiu eliminar a débeda bancaria e, en anos posteriores, seguir reducindo a débeda ata os números actuais".
Nesta liña, o director xeral incidiu na eficiencia na xestión económica, indicando que en 2009 o orzamento foi de 146,9 millóns de euros, mentres que en 2024 foi de 128,2 millóns. "En valores absolutos son 18,7 millóns menos e actualizados ao IPC acumulado son 28 millóns de euros", detallou.
"FALTA DE PLURALIDADE INFORMATIVA"
Pola súa banda, a oposición acusou á dirección da CRTVG de "contrarrestar" as baixas audiencias da TVG con "máis control político e máis manipulación". Concretamente, o deputado do BNG, Iago Suárez, responsabilizou a Sánchez Izquierdo de manter unha liña editorial "claramente orientada a favorecer ao PP, en detrimento do resto de opcións políticas representadas no Parlamento". "É infumable para unha persoa que non sexa do PP ver a TVG", aseverou, engadindo que a caída das audiencias "reflicten ese afastamento crecente da sociedade galega co seu medio público".
Pola súa banda, a deputada socialista Silvia Longueira lembroulle que presentar unhas contas saneadas é o seu "deber" e preguntoulle polos gastos de programas concretos como o 'quen anda aí?' ou o 'land rober', facendo fincapé nas externalizacións. Ademais, demandou unha posición "máis crítica" con respecto ao galego, reivindicando a encomenda "que tivo nos seus inicios a TVG" como "motor indiscutible da lingua". "Estamos moi lonxe daquilo, estamos tan lonxe que non nos recoñecemos. Desde a propia calidade da programación e, por suposto, a parcialidade nas informacións", lamentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.