Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2025 | Actualizada ás 13:54
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu o tratamento "estrito, rigoroso e profundamente respectuoso coa vítima" dos medios públicos galegos en relación á denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares. Así se pronunciou na Comisión de control da CRTVG do Parlamento de Galicia, onde deu resposta a unha pregunta formulada pola viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, quen censurou que os medios públicos só fixesen "un día e medio" de cobertura informativa sobre este asunto fronte a "as máis de cinco días nos que o caso Errejón estivo a abrir os telexornais".
Na súa intervención, Izquierdo sostivo que as preguntas agresións sexuais "constitúen feitos dunha gravidade extrema" que "requiren un tratamento informativo estrito, rigoroso e profundamente respectuoso coa presunta vítima, por encima de todo e co proceso xudicial en marcha". "E ese foi e segue sendo o criterio que guiou toda as decisións editoriais adoptada polos equipos dos servizos informativos da corporación", dixo. O director xeral da CRTVG sostivo que o primeiro que se debe de facer para "protexer á vítima" é "non desvelar a súa identidade" antes de que ela mesma ou o proceso xudicial o desvele. "E iso foi o que fixemos", defendeu para sinalar que outros medios si publicaron a identidade da denunciante.
"A protección da identidade da vítima non é simplemente unha obriga formal. É unha expresión do noso compromiso real coa dignidade das persoas que sofren ou denuncian situacións de violencia machista", afirmou para soster que "desde que se tivo coñecemento da existencia da denuncia que motivou a dimisión do conselleiro, os profesionais dos medios públicos galegos elaboraron todos os contidos informativos con máximo coidado". Ademais, afirmou que, excepto o BNG, "ningunha asociación nin profesional nin o Colexio de Xornalistas nin cousa similar" criticou a cobertura. "A nosa actuación sustentouse en catro alicerces fundamentais: A protección absoluta da identidade da muller denunciante; o uso da linguaxe precisa, sen eufemismos; a cobertura plural das reaccións políticas e o seguimento do caso no que se refire aos feitos e non a xuízos máis ou menos paralelos", destacou.
CRÍTICAS DO BNG
En fronte, a deputada do BNG sostivo que non se critica a cobertura informativa senón o "silencio informativo" por parte dos medios públicos. "A protección das vítimas non pasa por silenciar o caso", sinalou para comparar este asunto con "o tratamento informativo que reciben outros casos idénticos" pero que non afectan o Partido Popular. "Vostedes fan o que lles pide o PP. Se o agresor ou presunto agresor, a persoa denunciada é do PP, pásase no bico dos pés un día e medio", argumentou Olalla Rodil, que afirmou que levan este caso á Cámara porque "reflicte o que fai o PP cos medios de comunicación públicos" de Galicia. Todo iso nunha intervención na que Rodil se referiu ao feito de que a deste mércores sexa a última comparecencia de Izquierdo como director xeral na Cámara galega ante o nomeamento da nova responsable. "Foron nove anos, descanse", desexoulle despois de avisar de que o BNG seguirá "defendendo a Galega, o xornalismo e os medios públicos ao servizo da xente do país".
DEFENSA DA "ESTABILIDADE FINANCEIRA" E A "CONSOLIDACIÓN LABORAL"
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, reivindicou este mércores a "estabilidade financeira", a "consolidación laboral" e as "cifras históricas en plataformas e redes sociais" na que foi a súa última comparecencia no Parlamento de Galicia ante a elección da nova dirección. Izquierdo interveu este mércores na Comisión de control da CRTVG para presentar a Memoria de servizo público correspondente ao ano 2024, onde destacou a consolidación da Corporación como eixo vertebrador do sistema mediático e cultural galego, tanto pola súa estabilidade institucional e solvencia económica como polo seu compromiso firme co servizo público, coa lingua galega, a igualdade e a modernización tecnolóxica.
O director xeral explicou que a CRTVG pechou o exercicio 2024 cun resultado positivo de 1,33 millóns de euros e un remanente de tesouraría de 24,6 millóns, datos que, segundo indicou, "evidencian unha xestión responsable e sustentable ao longo dos últimos 16 anos". Así mesmo, sinalou que se culminou tamén o proceso de estabilización do 100 % do cadro de persoal ao consolidar 249 postos de traballo e estase empezando "unha senda de procesos de contratación de forma regular e debidamente regulados". Izquierdo puxo en valor que a TVG foi a canle autonómica máis vista de España e líder en Galicia segundo en Estudo Xeral de Medios e que as plataformas AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal superaron os dous millóns de usuarios no seu primeiro ano de vida, con máis de 28.500 contidos publicados.
Tamén puxo en valor o crecemento "extraordinario" das redes sociais e sostivo que o portal informativo G24.gal consolidouse como un referente con case 20.000 noticias publicadas. "Estes datos reflicten a nosa capacidade para conectar coa cidadanía en novos formatos e plataformas", destacou. O director xeral indicou que o 95 % da programación da primeira canle foi producido en Galicia e por empresas galegas nunha "firme aposta" polo tecido audiovisual do país. Ademais, dixo que, ao longo de 2024, a CRTVG reafirmou o seu compromiso como axente dinamizador da lingua como eixo vertebrador da súa identidade e actividade, tanto nos contidos lineais como dixitais.
CONTROL INSTITUCIONAL
No apartado institucional e de transparencia durante o ano 2024, o director xeral sinalou que compareceu oito veces no Parlamento de Galicia, onde respondeu a 22 preguntas orais e 17 escritas. Ademais, puxo en valor que a CRTVG non recibiu ningunha queixa da Valedora do Pobo e que foi obxecto do control tanto do Consello de Administración como da Comisión de control da Cámara galega, así como de auditorías externas como a do Consello de Contas e outras entidades fiscalizadoras. "Os datos aquí presentados falan dunha Corporación solvente, estable, profesionalizada, próxima á cidadanía, innovadora tecnoloxicamente, comprometida coa lingua galega e conectada cos restos da sociedade contemporánea", concluíu.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
En fronte, a deputada do PSdeG Silvia Longueira definiu a memoria da CRTVG como unha "sorte de álbum de fotos" para facer ver que "máis ou menos todo funcione". "Todo é marabilloso excepto para aqueles que temos a ousadía de cando en vez de acender a TVG e comprobar como os feitos se retorcen para convertelos nun guión institucional", afirmou. "Esta memoria pretende convencernos, sobre todo a vostedes mesmos, ao PP, de que estamos ante un medio plural, rigoroso e equilibrado, pero vostedes mesmos saben que non é certo, porque non hai máis nada que ver os telexornais, escoitar a radio e seguir a programación para constatar que non está ao servizo da cidadanía galega plural, senón do PP", sostivo. A parlamentaria socialista argumentou que a "pluralidade real" que debería ser "a alma dun medio público desaparece pola forma de xestionar" os medios públicos tras "unha cortina de tempos cronometrados e de enfoques tendenciosos que van sempre en contra da oposición".
Pola súa banda, a deputada do BNG Mercedes Queixas asegurou que "resulta moi difícil falar de servizo público" por parte da CRTVG cando ao longo de 2024 "as ordes do Partido Popular foron as que prevaleceron". "Uns medios públicos sometidos ao servizo particular e a beneficio propio e partidista do PP", censurou para acusar a Izquierdo de "renunciar a cumprir a lei de medios" e os "principios fundacionais da CRTVG" para "entregar deliberadamente os medios públicos ao interese do PP". Mercedes Queixas, ademais, aproveitou para volver cualificar a nova lei da CRTVG como unha "emenda á totalidade á democracia, á independencia e á representación do pluralismo social, cultural e político". Ademais, dixo que a dirección actual deixa "unha alongada sombra" que "borrou" tamén "principios fundacionais" como o de converter aos medios públicos galegos en "ferramenta imprescindible" para a normalización da lingua e para a "visibilidade da cultura galega", "cada vez menos visible". "Así que se despide vostede, señor Sánchez Izquierdo, deixando unha corporación máis controlada aínda polo PP, menos democrática, menos obxectiva, menos plural e tamén menos galega", indicou.
RESPALDO DO PPDEG
Pola súa banda, a parlamentaria do PPdeG Carmen Pomar destacou que o documento presentado polo director da CRTVG describe "detalladamente e con datos contrastados e verificados" o labor desenvolvido por un ente que "cumpriu a súa misión de servizo esencial para a cidadanía" e detalla "como foi xestionada desde o punto de vista económico e financeiro" para arroxar un "balance claramente positivo en todos os aspectos". "Temos que felicitar ao señor Sánchez Izquierdo polos resultados conseguidos no 2024", destacou para asegurar que "foi capaz de transformar unha compañía obsoleta, que estaba en números vermellos e sumida nun caos laboral que puña en perigo a súa viabilidade" para transformala nunha plataforma de servizos multimedia, punteira, saneada e estable". A que foi a última Comisión de control da CRTVG con Izquierdo como director xeral concluíu cunhas palabras da presidenta do órgano, a deputada do PPdeG, Raquel Arias, en agradecemento ao seu labor e cun aplauso por parte dos parlamentarios do PPdeG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.