Por X.M. Fernández | Verín | 08/04/2022 | Actualizada ás 21:00
O alcalde do Concello de Verín anunciou o pasado xoves, 7 de abril, o proxecto de autoabastecemento enerxético nunha xornada de Agader que reuniu aos alcaldes da comarca de Monterrei para deseñar o Plan Integral de Recuperación da área suroriental de Ourense.
Gerardo Seoane reclamou a implicación da Xunta para solucionar os que considera os dous grandes problemas da comarca: a falta de auga e a suficiencia enerxética. Neste sentido, adiantou que Verín traballa nun proxecto para constituír comunidades enerxéticas (amparadas na lexislación actual) para que 16 aldeas de Verín instalen parques solares nos seus terreos comúns, e consigan suficiencia enerxética para os seus membros.
"Será un exemplo revolucionario de sostibilidade", afirmou Seoane, "e unha verdadeira e efectiva política de fixación de poboación no rural: vivir nunha aldea coa electricidade practicamente gratis. O alcalde sinalou que traballa actualmente na redacción dos proxectos técnicos para a opción a fondos europeos, e no deseño e viabilidade destas instalacións".
A FALTA DE AUGA, OUTRO PROBLEMA DA COMARCA
O alcalde referiuse tamén á outro dos principais problemas da comarca: a falta de auga. Neste sentido, Gerardo Seoane expuxo un proxecto intermunicipal para solucionar a sobre explotación de captacións de acuíferos subterráneos e da conca do Támega.
Segundo o rexedor, a solución pasaría por realizar unha captación no embalse das Portas, a 900 metros de altitude, e transportalo por gravidade ata o Val, de xeito que se puidera abastecer de xeito sostible a toda a comarca. "Ademais dunha fonte inesgotable de abastecemento", afirmou, "permitiría abordar a sostibilidade do ciclo da auga, incluíndo a renovación de todo o proceso, ata a depuración, que tamén é unha asignatura pendente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.