Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2022 | Actualizada ás 16:18
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) animou aos galegos a doar sangue durante os días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes A Positivo e 0 Positivo, xa que as reservas destes grupos presentan niveis baixos, segundo advirten.
No comunicado explican que, en períodos vacacionais como o de Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non ocorre o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que se necesitan nos centros sanitarios. Lembraron ademais que durante todos os días do ano necesítanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de forma adecuada.
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza ou padecese enfermidades transmisibles polo sangue. Así, as distintas unidades móbiles de ADOS visitarán estes días máis de 40 concellos. Este luns desprazaranse a Pontedeume, Os Rosales e Os Mallos (A Coruña), Silleda, Muros, Vilanova de Arousa, A Cañiza,Fornelos de Montes, Mondoñedo, e Rúa do Paseo (Ourense). O martes, Cedeira, Sada, Canton-Obelisco (A Coruña), Bertamiráns (Ames), A Picota (Mazaricos), O Grove, Balaídos e Rúa Príncipe (Vigo), Ribadeo, Xinzo de Limia; mentres que o mércores estarán en Miño, A Laracha, Vilaboa, Area Central (Santiago), Sigüeiro (Oroso), Caldas de Reis, Ponteareas, Rúa Príncipe (Vigo), Praza Horta do Seminario (Lugo), e O Posío (Ourense). Xa o sábado, desprazaranse a Cabanas, A Laracha, Milladoiro (Ames), Lalín, Ponteareas, e Xinzo de Limia.
Ademais, tamén se poden realizar doazóns nos hospitais galegos. Para máis información, ADOS dispón da páxina web ados.sergas.gal, redes sociais e o teléfono gratuíto 900 100 828.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.