López Rico: "O humor é, sen dúbida, outra forma de facer xornalismo"

'Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira' é o novo libro de viñetas do xornalista e humorista gráfico Juan López Rico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O xornalista e humorista gráfico Juan López Rico vén de presentar o seu novo libro Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira (Galaxia, 2022), unha proposta de humor onde o autor convida ás lectoras a mergullarse na biografía dun empresario corrupto chamado Celestino a través de máis dun cento de viñetas. GC conversa con López para coñecer o seu proceso de creación deste personaxe e a importancia do humor en todo o seu traballo.

López na presentación do libro 'Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira'
López na presentación do libro 'Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira' | Fonte: remitida

Que nos podes contar do personaxe deste novo libro, Celestino Carballeira?

Celestino Carballeira non é só un empresario feito a si mesmo -todo o que ten roubouno co seu propio esforzo- senón que tamén é un personaxe feito a si mesmo. Sen historia nin nome sequera, foi aparecendo cando eu reclamaba para as miñas viñetas a un empresario corrupto e sen escrúpulos.

Nas sucesivas aparicións, foi collendo forma e contido e rematou por facerse co papel. Como consecuencia da miña relación con el, chegou un momento en que, cando imaxinaba unha viñeta, a cuestión que me formulaba non era "necesito un empresario corrupto para esta escena", senón "que diría Celestino (daquela aínda sen nome) nesta situación?".

Pensei que o personaxe podería ter personalidade abondo para facerse cun papel protagonista e xuntei todo o que tiña traballado con el. Desbotei moitas viñetas, volvín debuxar moitas outras e fixen o resto ata as máis dun cento deste volume, sabendo xa que o despois chamado Celestino era o centro da historia.

Como foi o proceso de creación da súa propia biografía?

Naceu nunha parroquia de Ribadeo, estudou malamente o bacharelato elemental no seminario de Mondoñedo e marchou a Madrid, a principios dos 60, traballar nun pequeno restaurante de Carabanchel. Cando se recupera a democracia xa ten un significativo

patrimonio e centos de persoas traballando para el. Despois todo foi medrar ata os nosos días, cando o atopamos neste libro. Convén sinala que o propio Celestino ten afirmado que non lle custou moito esforzo o tránsito do franquismo á democracia, e recoñece que non foi por ser un demócrata de toda a vida, senón porque na nova situación atopou acomodo para os procedementos nos que era experto na dictadura.

Por que temáticas transcorre este volume?

Está organizado en tres capítulos nos que nos adentramos nas opinións políticas e sociais do personaxe, as relacións coa prensa, o seu pensamento económico e as súas opinións sobre a guerra, as pensións ou as relacións coa Igrexa católica ou o medio ambiente, para rematar coa súa faceta máis humana, de peregrino, degustando marisco ou de paseo coa súa muller, que aínda hoxe non ten nome. Malia esta anonimia, ela xa vai collendo personalidade e protagoniza tamén algunha das viñetas con curiosas opinións.

Que presenza ten o humor nesta obra? De que formas xoga con el?

O humor ten, entre moitas outras, a virtualidade de facilitar a comunicación, de facer a mensaxe máis atraente e de fixala mellor na memoria, pero non só polo impacto de ofrecer novas perspectivas ou sorprender coa súa forma de presentalas, senón tamén porque o bo humor fai máis partícipe ao receptor da mensaxe, porque lle abre distintas maneiras de apreciar a realidade, o que necesariamente implica reflexión. É frecuente que unha viñeta leve a diversas interpretacións. Mesmo eu cando as elaboro aprecio varias formas de interpretalas distintas á inicial coa que me puxen sobre o papel en branco. Nese sentido, a viñeta pasa a pertencer en certa medida á propia reflexión do receptor.

O humor é un apoio importante do noso oficio e cobra protagonismo incluso en momentos de máis dificultade. Sobre todo nos asuntos sociais e políticos, cando falamos de poder, de reparto da riqueza, de Xustiza, do que fan os empresarios e os políticos, dos servizos públicos e tantas cousas onde confluen tantos intereses e tan grandes, a información discorre por sendeiros de enormes dificultades e obstáculos que defenden aqueles intereses. Neste contexto é onde o humor permite sortear obstáculos e resaltar perspectivas tapadas. Nese sentido, o humor é, sen dúbida, outra forma de facer xornalismo, que non consiste noutra cousa que en contar o que á xente lle interesa realmente. 

Na contracapa deste libro dise que é "unha proposta de humor intelixente para persoas intelixentes". Pode o humor non ser intelixente?

O que fan os humoristas, entre eles tamén os afeccionados coma min, é buscar o humor, intentar que xurda a chispa, moitos deles con viñetas diarias, como estiven eu varios anos, pero non poden conter humor todos os días, nin sequera a maioría dos días. Pero ás veces, nuns autores con máis frecuencia que noutros, logran unha pequena porción de humor que plasman nunha viñeta. Produciuse a chispa que permite conectar as intelixencias do autor e o lector. Ese fogonazo é o humor e só se pode producir nunha atmósfera de intelixencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta