Persoal dos centros de chamadas protesta contra un sistema de traballo "escravo"

Denuncian uns servizos mínimos "abusivos" no 112 e o 061 nas xornadas de folga deste mércores e xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

Traballadores de centros de chamadas mobilizáronse en varias localidades galegas en demanda dun convenio "digno" ante a "falta de avances" nas negociacións e a postura da patronal "que insiste en recortarlle ao persoal dereitos que xa teñen consolidados", expuxeron. Esta situación afecta a uns 8.000 empregados en toda Galicia.

A CIG convocou para este mércores unha serie de mobilizacións nas localidades onde hai máis 'call center'. Foron na Coruña, en Vigo, nas instalacións do 112 Galicia na Estrada e diante da empresa Inelcom, en Sarria. Todas elas ás 11,30 horas. Na concentración celebrada na Coruña --coa participación dun centenar de persoas-- o delegado sindical da CIG en Teleperformance, Sergio Toucedo, denunciou que as empresas "procuran gañar beneficios" deixando os traballadores "tirados" e gañando "o menos posible".

"É un sistema de escravitude laboral que non podemos permitir", sentenciou Toucedo, quen reivindicou un convenio onde as condicións laborais sexan "dignas", que permitan unha estabilidade laboral para que poder conciliar e "sobre todo para poder ir a mellor". O representante dos traballadores cualificou o sistema de traballo de "precario" e denunciou que "moita xente" non chega a fin de mes.

Ademais, a organización sindical denuncia que mentres as empresas seguen tendo "beneficios millonarios", o ano pasado o persoal empobreceuse "un 6,5%". Na mesma liña, denunciaron que nos tres primeiros meses de 2022 perderon un 9% do seu poder adquisitivo.

SERVIZOS MÍNIMOS NO 112 E 061

Respecto dos centros de chamadas do 112 e o 061, Touceda sinalou que a Xunta estableceu servizos mínimos "abusivos que non permiten o dereito a folga". Para garantir os servizos esenciais nos centros dependentes do Goberno galego durante a folga convocada para este mércores e xoves no sector de contact center, a Xunta estableceu que o 80% dos efectivos de operadores do 112 Galicia ten que traballar estas dúas xornadas.

No DOG tamén se establecen os servizos mínimos no ámbito da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 marcando a necesidade dun 100% do persoal.

Ao redor dun centenar de traballadores de centros de chamadas concéntranse no Obelisto, na Coruña, para demandar un convenio 'digno'
Ao redor dun centenar de traballadores de centros de chamadas concéntranse no Obelisto, na Coruña, para demandar un convenio 'digno' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta