Defende a Galega: "Hai unha estratexia de desmantelamento da CRTVG"

Xornalistas da Radio e Televisión de Galicia levan máis de 200 venres vestindo de negro para reclamar uns medios de comunicación libres de manipulación e achegados á realidade da poboación galega.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O movemento impulsado polo persoal da CRTVG contra a "manipulación" e o "desmantelamento" dos medios públicos está a piques de facer catro anos de vida e supera xa os seus 200 venres negros. Se bota a vista atrás, o colectivo Defende A Galega ve un logro que a cidadanía sexa hoxe máis consciente da "importancia de ter uns medios públicos independentes", mais advirte de que o "proceso de desmantelamento" da CRTVG se acelera, nun momento no que, ademais, persoal da Corporación volve á folga para evitar 40 despedimentos e esixir a consolidación do emprego temporal. 

Persoal da CRTVG nun venres negro
Persoal da CRTVG nun venres negro | Fonte: Defende A Galega

 

As demandas de remuda do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que vai cumprir 13 anos no cargo se ben no 2012 debería terse sometido a votación, ademais da constitución dun  Consello de informativos e o cumprimento da Lei de Medios, seguen enriba da mesa. O Gc fala co colectivo vía correo electrónico. 

 

Que valoración facedes do camiño andado ata o momento?

 

Pois é unha valoración en parte positiva e en parte negativa. Negativa porque non conseguimos que se aplicasen os cambios que demandamos e positiva porque logramos que se visibilizase o problema e alimentar a conciencia social, que a xente vise que outros medios públicos son posibles e que hai que reclamalos.

 

Ese é un logro importante para vós?

 

Claro, para nós iso é o máis importante: que a cidadanía sexa consciente da importancia de ter medios públicos e de que sexan independentes. Pensamos que se algo conseguimos foi que moita xente que antes pensaba "O mellor que pode pasar é que pechen a TVG", agora cambiou o discurso e di "A tele e a radio públicas son un dereito que temos, quiten as súas mans partidistas dos nosos medios e ofrezan contidos de calidade". Cremos que axudou que a xente vise que os e as traballadoras alzamos a voz para denunciar o que pasa.

 

Que é o que máis preocupa a ‘Defende a Galega’ da situación en que se atopa a CRTVG?

 

O máis visible para todo o mundo é a manipulación, pero hai moitas outras cousas igual de preocupantes. Hai un desinterese total en ofrecer bos contidos destinados aos diferentes públicos e grupos de idade. Parece que só importa encher horas de programación ao peso (no verán é habitual cubrir horas repetindo programas xa emitidos en lugar de contratar xente que substitúa os traballadores de vacacións).

 

"Hai unha estratexia de desmantelamento acelerado: no canto de aproveitar a especialización técnica da xente procuran facela irrelevante"

 

Os que mandan nin sequera se preocupan de coidar os aspectos técnicos e os produtos ás veces parecen feitos por un medio de comunicación amateur, non polo medio de comunicación máis grande de Galicia. Hai unha estratexia de desmantelamento acelerado: no canto de aproveitar a especialización técnica da xente procuran facela irrelevante. As novas da tele van peor montadas porque obrigan a montar aos redactores e reducen montadores profesionais, por exemplo. Na radio empeza a insinuarse unha tendencia a prescindir dos técnicos e, ou moito nos equivocamos, ou a medio prazo acabarán impoñéndonos o autocontrol, e un xornalista non domina o control sonoro coma un especialista, iso é obvio, pero dálles igual. Nos contidos pasa algo semellante: moitas veces prefiren encargarlle un tema a alguén que non o domina, así é máis doado influír na orientación da noticia.

 

Denunciades que se fai un incumprimento reiterado da Lei de Medios do 2011 por parte da Dirección Xeral da Corporación. Mesmo tedes pedido amparo á Valedora do Pobo. A que responde, segundo Defende a Galega, esta forma de actuar?

 

Se buscas que os medios públicos sexan o teu gabinete de prensa, tentas evitar os instrumentos que favorezan a independencia dos traballadores. Aí entra o nomeamento do director xeral e a creación do Consello de Informativos.

 

Esa é unha das vosas maiores reivindicacións, a remuda da dirección xeral, que ostenta Alfonso Sánchez Izquierdo desde o 2009. Agora que haberá mudanzas na Xunta de Galicia, credes que isto pode estar máis preto?

 

Oxalá se aproveiten os cambios para facer a remuda do director xeral, pero non confiamos demasiado porque o PP segue tendo maioría absoluta e ata o de agora non amosou ningunha vontade de escoitar as nosas demandas. Pero oxalá iso cambie, nós seremos as primeiras en aplaudir.

 

"Os xornalistas na CRTVG cumpren case un papel de secretarios: o seu criterio informativo apenas conta para decidir que e como se conta"

 

Nas vosas queixas referídesvos moito ao control político, manipulación e falta de pluralismo ideolóxico. A través de que accións habituais operan estas estratexias?

 

A manipulación percíbese a simple vista en calquera informativo da radio e da tele: sobrerrepresentación das posturas defendidas pola Xunta e polo PP; escasa presenza de protestas contra a xestión do Goberno autonómico (todo o contrario que se as protestas son contra o Executivo central, aí si se fai unha ampla cobertura); as informacións negativas que afectan á coalición do Goberno en Madrid van destacadas na escaleta pero, por exemplo, os xuízos por corrupción do PP reléganse ao final do informativo e duran segundos; facemos noticias case sempre a base de declaracións, sen contexto que poida explicar as causas do que sucede… E iso non é inocente. Os xornalistas na CRTVG cumpren case un papel de secretarios: o seu criterio informativo apenas conta para decidir que e como se conta.

 

Que é importante segundo vós para poñerlle freo a esta manipulación?

 

Importante sería que todos os partidos se convencesen dunha vez de que os medios públicos deben ser independentes. Axudaría que a direción da CRTVG se elixise conforme á lei, porque iso suporía que o partido maioritario non puidese escoller unha persoa sen negociar con outras formacións. Fundamental sería tamén ter un Consello de Informativos, un órgano de denuncia da manipulación. É un servizo fundamental para evitar as presións sobre os xornalistas, que agora mesmo non teñen a quen recorrer cando lles obrigan a facer unha información que cren que distorsiona a realidade. O único que poden facer é protestar, pero os xefes teñen o poder e as traballadoras ningún órgano que lles garde as costas.

 

Persoal da CRTVG, convocado polo Comité Intercentros, está mobilizándose contra “a destrución de postos de traballo” e para consolidar o emprego temporal. Vós tedes denunciado igualmente o desmantelamento do ente coa supresión de delegacións territoriais e conexións informativas locais. Advertides algunha estratexia, por parte da dirección, detrás desta precarización?

 

Son chanzos do desmantelamento dos medios públicos que vimos denunciando e que non deixa de ir a máis. O director xeral descarta que delegacións e información de proximidade vaian unidas cando é xusto así: son os medios máis próximos os que teñen mellor coñecemento da realidade e esa era precisamente unha das fortalezas da Radio Galega e da TVG, sumada á inmediatez que che dá estar preto do lugar onde se produce a noticia. Falamos dunha decisión contraria ao mandato legal da CRTVG coa que se priva á veciñanza da información das institucións, partidos políticos e asociacións do seu concello e comarca. A cobertura das administracións municipais e provinciais quedou reducida á minima expresión. A estratexia parece clara, non si?

 

"Ese desmantelamento non só se traduce nunha perda de calidade dos contidos e dos formatos: tamén leva a un aumento da manipulación"

 

 

Como vos afecta todo isto á hora de traballar no día a día como profesionais do xornalismo?

 

Sen profesionais non podemos ofrecer o servizo público de calidade que a cidadanía merece. Tampouco se os profesionais non estamos distribuídos polo territorio galego, temos que desempeñar funcións que non son as nosas ou non contamos coas ferramentas axeitadas para realizar o noso traballo. Menos aínda cando se nos impide facer aquilo para o que estamos aquí mentres se abusa da subcontratación/externalización. 

 

Necesitamos medios públicos que interveñan con recursos humanos e técnicos propios alí onde máis decisiva resulta unha información de calidade. E ese desmantelamento non só se traduce nunha perda de calidade dos contidos e dos formatos: tamén leva a un aumento da manipulación. Empezando, como dicimos, porque os xefes prefiren moitas veces darlle un tema a quen non o domina porque é máis doado influír na orientación desa noticia; e seguindo pola falta de autonomía para decidir o enfoque das nosas informacións ou con quen falar para

elaboralas, por mencionar só algúns exemplos. É frustrante saber que o resultado do noso traballo podería ser ben distinto.

 

A CRTVG ten expedientado traballadoras e traballadores activos nas protestas. Máis alá dos casos mediáticos, sufrides represalias no día a día pola vosa loita? De que maneiras?

 

Expedientes abertos coas excusas máis peregrinas que agochan represalias -como acaba de recoñecer a xustiza-, compañeiras apartadas das responsabilidades que viñan desenvolvendo -algunha xa non presenta- e outras que son deixadas de lado, mesmo relegándoas a elaboraren novas que as máis das veces acaban caendo da escaleta. Por non falar de advertencias verbais para non facer a foto dos Venres Negros, do intento de prohibirnos levar a camisola de Defende A Galega en horario laboral ou do interese amosado en sede parlamentaria polo director xeral por debater sobre o uso das redes sociais particulares das traballadoras.

 

"Defende A Galega considera que os medios públicos deberían ser os primeiros en contar cun departamento ou cando menos cunha persoa que vele porque esa perspectiva de xénero estea sempre presente"

 

Nos últimos tempos foron varias as polémicas ao redor de contidos machistas que foron moi criticados pola opinión pública, sobre todo o episodio de violencia machista vivido no Land Rober hai preto dun ano. Neste sentido, mudou algo dende aquela? Impulsouse algún tipo de medida para asegurar a aplicación da perspectiva de xénero nos contidos? Que reclamades?

 

Que nós saibamos, nin mudou nada nin a Dirección tomou medidas para asegurar a perspectiva de xénero nos contidos, tanto informativos como de entretemento. Defende A Galega considera que os medios públicos deberían ser os primeiros en contar cun departamento ou cando menos cunha persoa que vele porque esa perspectiva de xénero estea sempre presente: para evitar que se banalice a violencia machista e que se repitan casos coma o que mencionas, que non é o único. Ademais, nos programas subcontratados é

imprescindible que os responsables da CRTVG se preocupen máis polos contidos que tratan e por como os tratan, porque non todo vale.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Joseba

Hay que seguir en la lucha por conseguir una tv pública sin manipulación. Ya nos manipulan el 95 % de las tv privadas que no hablan en tu lengua. PP culpable tambien en Canal 9 del agujero de 1300 millones € y del despido de 1608 trabajadores.

3 Xian do Sil

El que quiera ver la Telegaita que la pague él. En estos tiempos no tiene ningún sentido mantener con dinero público estos mastodontes televisivos, con audiencias ridículas, a excepción de Luar, cuando la oferta televisiva gratuita es tan amplia. Por no hablar de que cada vez más gente pasa de la televisión como medio de información u ocio.

2 Eu vexo a galega

A TVG é imprescindíbel. Ningún outro medio de comunicación ten a traxectoris nin a capacidade informática d' "a galega". Outra cousa é o que fixo Feijoo. Decidiu usar a CRTVG como o seu medio de propaganda paricular, e así nos vai.

1 Riuriu

A Telegaita é un dos peores chiringuitos públicos que os cidadáns temos que manter para maior gloria de políticos e enchufados. Totalmente ruinosa, cun persoal descomunal e soldos desorbitados, debería ser pechada o privatizada para ser pagada por aqueles que gusten dela. Xunto con RTVE, TV3 e demáis bazofia televisiva que temos que pagar ainda que non a vexamos.

1 El Ciz

Cómo é caixa esa visión coa finalidade real das autonomias nas nacións do estado. Asimilación e autorrexeitamento.

2 Sentidiño

Pechemos tamén os hospitais que as persoas sás non usamos, e as escolas ás que as adultas non habemos voltar nunca. Pechemos as estradas e autovías que moita xente non colle xamais. E non vexo por que pagar policías e xuíces, cando eu son honrada.