XL Feira do Viño de Quiroga: primeira edición con adegas profesionais

A esperada cita cos viños quirogueses, os días 16 e 17 de abril, chega con grandes expectativas. Volve o formato habitual, sen restricións, e os colleiteiros tradicionais deixarán o seu lugar a adegas profesionais. O pregoeiro, outro dos atractivos do evento, será o actor Iván Sánchez, con raíces no concello.

Por X.M. Fernández | Quiroga | 14/04/2022 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O venres 15 de abril, para abrir boca, haberá unha cata de viños ás 20:00 h. na Praza Maior e comentada polo enólogo Juanjo Figueroa. Ás 22:00 h. terá lugar un concerto na rúa Real a cargo de Bafana Bafana.

Foto de arquivo dunha mostra anterior. Foto: Concello de Quiroga
Foto de arquivo dunha mostra anterior. Foto: Concello de Quiroga

O sábado 16 e o domingo 17, xa metidos de cheo na mostra vitivinícola, o recinto feiral aloxará 12 adegas que presentarán para a ocasión os seus mellores caldos. Ademais das adegas quiroguesas: Atrium Vitis, EDV 2015, Lar de Ricobao, Val de Quiroga, Fructuoso-Hobbs e Terrazas de Outeiro; estarán Alma das Donas, Algueira, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi e Purificación Díaz Ferreiro. Estas últimas chegadas de zonas como Vilachá, Amandi, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.

Será a primeira vez nos corenta anos de historia desta Feira do Viño que a mostra prescinde dos colleiteiros tradicionais e aposta só por adegueiros profesionais, tendo en conta tamén a apertura a outras adegas de fóra de Quiroga, pero que recollen gran parte da súa produción nestas terras. Unha novidade esta á que se lle suma outra, a participación dunha adega convidada doutra Denominación de Orixe. Neste caso, chega como convidada, da D.O. Ribeiro, Son do Arrieiro --Premio entre Vides 2021--.

Será a primeira vez nos corenta anos de historia desta Feira do Viño que a mostra prescinde dos colleiteiros tradicionais e aposta só por adegueiros profesionais

PROGRAMACIÓN

A inauguración oficial da mostra será o sábado ás 11:45 h. a cargo do Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Momento do pregón de Pablo Chiapella no 2019. Foto: Concello de Quiroga
Momento do pregón de Pablo Chiapella no 2019. Foto: Concello de Quiroga

Antes, ás 11:00 h. terá lugar o Recital Cultural de Tradición Oral e ás 11:30 h. o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Pola tarde, ás 18:00 h., o grupo de gaitas O Recanto amenizará o recinto feiral ata as 20:00 h. momento da recepción de autoridades na Casa do Concello. Pouco despois, ás 20:30 h. terá lugar o pregón de Iván Sánchez, e ás 21:00 h. entregaranse os premios do ‘Concurso de Camisetas Feira do Viño 2022’. O acto estará presentado por Manola Porto, xornalista de Onde Cero Monforte. O fin de festa correrá a cargo da orquestra Atenas.

Na segunda xornada, o domingo 17, unha alborada a cargo do grupo ‘O Recanto’ reactivará a feira do viño dende as 11:00 h. para a continuación, na Casa do Concello, recibir ás autoridades e proceder á entrega dos trofeos aos adegueiros e adegueiras de Quiroga.

Para rematar o día e a XL Feira do Viño de Quiroga, ás 17:00 haberá un espectáculo infantil na Rúa Real e ás 18:00 h. poñerá a guinda a coñecida charanga Louband amenizando os derradeiros grolos da festa.

IVAN SÁNCHEZ, O PREGOEIRO

O actor Iván Sánchez, intérprete de Madrid con orixes en Quiroga, será o protagonista famoso desta edición. Segundo se sabe coñece ben Galicia e a zona porque o seu pai é dunha aldea do concello, lugar ao que veu vivir cando se xubilou.

Iván Sánchez é coñecido polos seus papeis en ficcións pero tamén fixo teatro e cinema. Algunhas series nas que participou: Hospital Central, El Pantano, Javier ya no vive solo, El Comisario, Periodistas, Un paso adelante, Aquí no hay quien viva e Hispania, la leyenda. E non só iso, estivo recentemente en ‘MasterChef Celebrity’ e tamén chegou a México onde se lle coñece polo seu traballo en telenovelas.

Iván Sánchez, pregoeiro da XL Feira do Viño de Quiroga. Foto: Facebook concello
Iván Sánchez, pregoeiro da XL Feira do Viño de Quiroga. Foto: Facebook concello
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta